El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

As raíces dun tradicional da literatura galega

ALBA ROZAS  | 25.11.2018 
A- A+

A relevancia da obra de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) e a súa consideración de clásico da literatura galega semella fóra de cuestión só ao lembrar que a súa primeira novela, Memorias dun neno labrego (1961), é a máis editada das nosas letras. A elaboración dunha historia situada no mundo rural e contada a través dos ollos dun cativo será o trazo que defina a súa opera magna, converténdoa nunha narración especialmente axeitada para os máis novos. A este mesmo procedemento recorreu o autor en dúas novelas posteriores, consideradas tamén un referente da Literatura Infantil e Xuvenil en galego: Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977).

O éxito destas obras reside na recreación ficticia da vila, dos avatares e das persoas que conformaron a realidade do autor e que lle forneceron os alicerces para consolidar tramas históricas con estimulantes doses de intriga e crítica social. É por iso que a Editorial Galaxia, na súa posta en valor da biografía de Neira Vilas, publicou este ano De Gres a Cádiz, unha obra inédita e póstuma, na que o propio autor, a través dunha ampla variedade de estampas, dá conta das súas principais vivencias no agro galego, desde o seu nacemento ata a súa partida a Cádiz para emigrar a América. A través de relatos breves, Neira Vilas presenta tanto familiares, amigos e coñecidos, coma aquelas persoas, a medio camiño entre o mito e a realidade, que deixaron pegada nel e que lle permiten perfilar o retrato da sociedade rural galega da Guerra Civil e da posguerra: os esmoleiros, a costureira, o indiano, a regateira, os fuxidos, os comerciantes de volframio... A estes cadros, súmanse os de sucesos extraordinarios coma o voo do cepelín ou a visión da luz da aurora boreal, equiparables ás marabillas dunha vida cotiá marcada polos xogos, a escola, a música, o teatro, as romarías e toda sorte de crenzas e rituais. Dúas son as variables que se manteñen ao longo de toda a obra: o espazo, co predominio do rural sobre as esporádicas viaxes á cidade, e o tempo, medido a través dos intereses do protagonista, que abranguen desde a talla de xoguetes e o gusto pola lectura ata o espertar do amor e as ansias de emigrar. Cun estilo sinxelo, marcado polo lirismo e a riqueza léxica, De Gres a Cádiz constitúe unha ferramenta de aprendizaxe imprescindible, para mediadores e lectores, de cara a un maior coñecemento da pegada biográfica, histórica e social das obras infantoxuvenís de Neira Vilas.

alba.rozas@usc.es