El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Bergan, unha viaxe entre a ironía e o desencanto

25.08.2019 
A- A+

Baia Edicións acaba de publicar "Bergan", de José Lorenzo Tomé. O autor naceu en Guitiriz (1954), é licenciado en Bioloxía e en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola UNED en Filosofía cunha tese sobre Jürgen Habermas. Exerceu como profesor de filosofía no ensino medio no IES Miraflores de Oleiros. A súa escrita, tanto en galego como en español, decorreu polos vieiros do ensaio e mais da narrativa.

Bergan é unha obra debedora de "A cidade branca" (Xerais, 1987), pero a súa historia actual, como o mundo debuxado no pensamento da Grecia clásica, está cambiada, trasformada e semella en permanente movemento, quizais lineal, circular ou elíptico, pois todo cabe nel.

O xénero fantástico empregado achégaa a obras recoñecidas na literatura universal e que a todas e todos non poden vir ao pensamento sen mencionar ningunha. Con todo, a súa apropiación da mitoloxía do noso país sitúao nunhas terrras que nos son próximas, e contribúe tamén, non sabemos se intencionadamente, a evocar autorías que xogaron coa realidade e a fantasía ás que parece render homenaxe.

Dóniga é unha civilización perdida. Ou case. Desterrados dun tempo remoto, aínda quedan homes e mulleres que gardan celosamente o recordo do seu tempo de esplendor, antes de que Ténebro ensombrecera o mundo. Nacido xa en tempos e terras de penumbra, Bergan iniciará unha viaxe na busca da memoria secreta dos dónigos.

Viaxe no espazo pero tamén no tempo. Nos límites da Natureza e a Cidade, do Tempo e da Morte, a viaxe de Bergan é, ao cabo, a busca dun mito que todos e todas secretamente botamos de menos entre a ironía e o desengano: o mito do que, talvez, puidemos ter sido.