El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Carta aberta ao alcalde de Vigo

XABIER VILA-COIA  | 26.08.2018 
A- A+

ESTIMADO ALCALDE: Como vostede sabe, Vigo implantou hai uns anos a tarxeta de transporte público (TTP) PassVigo, que confire diferentes descontos nas viaxes. En principio soamente estivo dispoñíbel para os empadroados no concello, mais dende abril, por orde xudicial, todos teñen dereito a ela dado que o maxistrado declarou ilegal a obriga do empadroamento. 

O pasado día 14 soliciteina. O meu interese por posuíla máis que polo desconto é porque nacín en Coia (inda que vivo en Madrid), e como inclúe unha fotografía de Vigo querería tela como lembranza da miña cidade. A funcionaria informoume de varios requisitos que me sorprenderon pola súa arbitrariedade. En primeiro lugar, por non estar empadroado en Vigo tes que vila recoller persoalmente, pois a diferenza dos empadroados non cha envían ao domicilio. Ademais, para entregarcha esixen presentar o certificado de empadroamento da vila na que mores. Con todo, o máis humillante foi ver que para nós a tarxeta é branca, sen imaxe, logotipo nin lendas.

 A primeira irregularidade é esixir o certificado de empadroamento aos non residentes; un abuso de poder xa que esta formalidade foi declarada nula polo xuíz. E si repasa a Constitución lembrará que no artigo 14 recoñécense dereitos fundamentais irrenunciábeis: «Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social». Pois ben, aquí estamos diante doutra infracción. É seguro que os servizos xurídicos do Concello saben que entregar aos non empadroados en Vigo unha tarxeta de segunda clase, que os estigmatiza como diferentes e inferiores, supón unha discriminación a causa dunha circunstancia persoal: o lugar de empadroamento. Trátase do que Pierre Bourdieu denominou violencia simbólica, como a que se exerceu contra dos xudeus marcándoos cunha estrela de David amarela na roupa. Así é como se sinte calquera posuidor desta tarxeta discriminatoria cada vez que a emprega.

Señor Caballero: Esqueza, como lle ordenou a xustiza, todo o referido ao empadroamento e emita TTP gratuítas idénticas para todos. Adquira a tecnoloxía necesaria para entregala no momento de solicitala, sempre e cando a modalidade da tarxeta o faga posíbel; non sendo así remítaa ao enderezo do solicitante con independencia da localidade na que resida. Permita que aqueles usuarios que o desexen (abonando os cinco euros que costa un duplicado) poidan personalizar a súa TTP coa fotografía que elixan e sobre a que posúan os dereitos de autor. Isto posibilitará, ademais de certos ingresos, que os visitantes e moradores non empadroados a queiran ter tamén como souvenir posto que poderán aparecer eles mesmos, poñamos por caso, no barco das Cíes, na lonxa do Berbés, na cadea de Citroën ou soldando en Barreras. Organice un concurso anual no que se premie cun ano de transporte público gratuíto á persoa que incorpore á súa TTP a imaxe máis fermosa, creativa ou representativa da nosa cidade. Cree unha Bienal Tarxeta PassVigo na que se expoñan as TTP máis destacabéis dos dous anos anteriores...

Don Abel: Por riba de todo, evite as querelas a causa da violación de dereitos fundamentais constitucionais e póñase mans á obra.Vigo sairá gañando.

O AUTOR É POLITÓLOGO