El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

A crúa realidade do vertedoiro Distrito Detrito

LAURA CAAMAÑO  | 27.10.2019 
A- A+

Tras iniciarse como narrador de Literatura Infantil e Xuvenil galega coa publicación da súa primeira novela O lume dos soños (Baía, 2004), Xosé de Cea (Barcelona, 1970) vén de publicar Revolución Detrito (Xerais, 2019), novela finalista do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2018. É unha narración en terceira persoa, cun narrador omnisciente, que combina a técnica do monólogo interior do protagonista co diálogo entre os distintos personaxes e que aborda diferentes temáticas aínda hoxe vixentes como a emigración, a explotación de menores e a ditadura.

Presenta, en vinte capítulos e unha “Addenda”, unha familia monoparental, formada polo pai, Dimas, e os seus dous fillos, Ticho, o protagonista, e Area, que vive en Favela Torrada, nunha das decenas de chabolas nos arrabaldes da cidade de Nova Ocidia. A illa, que se atopa baixo a ditadura do xeneral Paciano, alcumado o “Napialatón”, está dividida en dous grandes bloques de poboación: o conxunto de favelas situadas ás aforas da cidade, que representan a marxinalidade e a miseria; e a capital da República, que representa a riqueza e o poder, reflectindo dous mundos diametralmente opostos separados por un muro que enfronta estas dúas realidades. O accidente que sofre o pai na mina, deixándoo eivado, supón un punto de inflexión na vida de Ticho e Area que, a partir dese momento, se converten nos responsables de manter a familia. Ticho, que ten once anos, traballa na mina de carbón doce horas ao día e Areal, de trece anos, gaña o sustento no vertedoiro Distrito Detrito. A única maneira que ten Ticho de afastarse por uns intres da realidade é a través da lectura, lendo o único libro que ten: un volume de contos fantásticos clásicos. O mundo de fantasía de fadas e meigas resulta un elemento fundamental no desenvolvemento da acción, xa que a través da inocencia dos dous irmáns e grazas á axuda do trasno Tolambre, que crea un robot, conseguen rematar coa situación de represión que están a vivir os cidadáns, desmantelando o goberno ditatorial de Napialatón. Durante o acto de enxalzamento do xeneral, prodúcese o magnicidio do ditador e tamén o asasinato do pai dos rapaces, acontecemento denominado como a Revolución dos Ferrancheiros, a cal supuxo un antes e un despois na historia de Nova Ocidia, converténdose así nun estado democrático. Revolución Detrito retrata con humor e enxeño a crúa realidade á que se ven obrigados a vivir milleiros de persoas na actualidade, converténdose nunha novela paradigmática da LIX galega.

lau_kilmas@hotmail.com