El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

literatura infantil e xuvenil

Elos de lectura

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 24.03.2019 
A- A+

A invisibilidade das mulleres na China

Ánxela Gracián (Castroverde, Lugo, 1968), unha das autoras máis prolíferas da chamada Xeración dos 90, continúa aumentando a súa produción literaria no eido da LIX galega coa súa última novela As voces da auga (Baía, 2018), VIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2018, con ilustracións de Aynara Pereiro. Cun narrador omnisciente en terceira persoa, combina a técnica do monólogo interior da protagonista co diálogo entre os distintos personaxes, para abordar diferentes temáticas que aínda hoxe continúan vixentes na sociedade actual como a desigualdade de xénero e a discriminación, venda e explotación da muller. Ambientada na China comunista de Deng Xiaoping, nunha sociedade eminentemente masculina, destaca a figura dunha adolescente de catorce anos chamada Li que loita por sobrevivir nun mundo de homes e que defende a súa liberdade individual como muller na China do momento. A autora coloca o foco sobre un personaxe adolescente feminino que, a través dunha mirada inxenua, toma consciencia da situación de maltrato que sofren as mulleres no seu país. Abandonada ao nacer á beira do río Lijiang, Li é coidada polo ancián Wei Su que a protexe como a unha filla. Ante o férreo control dos comités de planificación familiar do goberno, Wei Su decide fuxir con ela a un lugar illado onde fosen descoñecidos para o resto e poder así comezar unha nova vida. Ao lado do río Lijiang levantaron unha cabana e sobrevivían co traballo do pai nos arrozais. O pai, canso de ter que estar escondendo a súa filla e vivindo como se fosen criminais, decide presentar a Li en sociedade na coñecida Festa da Alma dos Bois. Un día, o ancián Wei Su enferma e Li enseguida vai ao bosque a recoller plantas para curar a seu pai. Nese momento, aparece Thep, o capataz que dirixía os arrozais onde traballaba Wei Su, e intenta secuestrala para posteriormente ser vendida a un amigo seu de Hong Kong. Li consegue escapar del e agócharse no bosque ata abrir o día, momento no que decide buscar a unha amiga de seu pai para pedirlle axuda. Tempo despois, Li regresa xunto a seu pai e os seus amigos, esta vez, para vivir libre e sen medo.

As voces da auga dá visibilidade á que é unha das maiores lacras sociais existentes nos nosos días como é a venda de mulleres. O tráfico de mozas virxes e mulleres adultas é, e continúa sendo, un dos negocios máis rendibles na actualidade en países como a China. A historia de Li é o retrato de todas esas nenas que pola súa condición feminina se ven obrigadas a non existir. LAURA CAAMAÑO CRPIH lau_kilmas@hotmail.com

Achegas a lix no Boletín Galego de Literatura

Recentemente vén de publicarse na Rede o número 53 do Boletín Galego de Literatura, revista da Universidade de Santiago de Compostela ben considerada nos diferentes índices de impacto e que soubo adaptarse aos tempos pasando do formato en papel ao electrónico. Nesta ocasión, ademais de dous estudos sobre a literatura galega de adultos, e un estudo e unha "Nota" sobre autores e obras en lingua portuguesa, acóllese un traballo de María del Carmen Ferreira Boo vinculado coa Literatura Infantil e Xuvenil. Trátase de "Variabilidade da narrativa de transmisión oral e reescritura: apuntamentos teóricos" no que son obxecto de atención o conto oral, as reescrituras e a subversión. Tamén teñen cabida dúas recensións sobre Educación literaria y artística: conflictos sociales y bélicos e Guerras e conflitos sociais de onte e de hoxe (literatura e arte), monografías imperdibles para o mediador formado. MARTA NEIRA USC/CRPIH marta.neira@usc.es

Antoloxía poética con achegas de poetas galegos

Sempre son benvidas as antoloxías poéticas pois axudan a gozar da poesía a pequenos bocados. Neste caso é de agradecer que en Os dereitos das crianças. Antoloxía poética, publicada pola editora portuguesa Trinta Por Uma Linha en abril do ano 2018, da man do tamén poeta João Manuel Ribeiro acolla poemas debidos a dezaoito poetas portugueses e galegos.

Os pertencentes ao noso sistema literario infantil e xuvenil que se reproducen son debidos a Suso Díaz, Alfredo Ferreiro e Antonio García Teijeiro, o único poeta de nós que mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, no ano 2018, por un poemario. Son once os poemas galegos que se poden degustar, uns excelentes poemas que nos permiten coñecer o bo facer de algúns dos poetas de nós, descubrir características poéticas da súa produción e ver como saben, con sensibilidade, achegar aos máis novos emocións para que as saiban xestionar. LAURA CAAMAÑO CRPIH lau_kilmas@hotmail.com

Novo número da revista científica Elos

Vén de publicarse no portal de revistas da Universidade de Santiago de Compostela o número 5 (2018) de Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil do Grupo de Investigación LITER21 da Facultade de Filoloxía. Nesta ocasión, acolle catro traballos na sección "Artigos", cinco en "Notas" e catro "Recensións" de monografías imprescindibles sobre a obra de Alice Vieira, os libros obxecto, o cancioneiro infantil na educación e a literatura fantástica.

Interesa para a LIX galega "Casas-Mapa. Espazos da Memoria", de Estella L. Freire, onde se analiza a importancia do espazo para a construción da identidade propia; e "Dragal e a reafirmación da identidade" de Isabel Mociño González na que se describen as características da serie Dragal, de Elena Gallego, onde se reflexiona sobre o proceso de maduración, salientando elementos recorrentes como lugares emblemáticos, lendas e tradicións galegas e símbolos identitarios. CARMEN FERREIRA UDC/ELOS-ANILIJ  verinesa@yahoo.es

'Nuevos Amigos', de Tomi Ungerer

O recentemente falecido Tomi Ungerer (Estrasburgo, 1931-Cork, 2019) é un imprescindible da Literatura Infantil e Xuvenil. Autor dunha obra extensa e moi traducida, é recoñecido pola orixinalidade do seu discurso verbo-icónico e, especialmente, por tratar temáticas consideradas "ousadas" ou incómodas. Se a subversión, a perspicacia e a coraxe do seu ollar o real son marcas diferenciadoras do seu traballo, tamén a actualidade e a importancia das súas obras infantís teñen sido recoñecidas. Novos Amigos (Kalandraka, 2018), publicada orixinalmente en 2007 por Diogenes Verlag, co título Neue Freunde, conta a historia de Rafi Bamoko e da súa familia que mudou para un novo barrio, local onde xa habitaba Ki e os seus pais, a familia Sing. Entre os primeiros, de orixe africana, e os segundos, de orixe asiática, nace unha amizade, unha complicidade espontánea, resultado do gusto por "facer cousas", por crear figuras ou personaxes diversas. Unha infinidade de proxectos, compostos a partir de materiais reutilizábeis/reciclados/recuperados, son concretados polos dous nenos, apoiados polos seus pais. Superadas as dificuldades (acusación de roubo por homes malencarados e falta de espazo en casa), os dous amigos (o dúo Rafiki) ven a súa arte recoñecida, reciben unha invitación a que se integre no museo da cidade e alcanzan fama internacional. Co tempo Ki converteuse nunha deseñadora de moda e Rafi nun escultor famoso, mais seguiron sendo grandes amigos toda a vida.

O eloxio da diferenza, da amizade e da arte materialízase nun conto en formato álbum, profusamente ilustrado. O rexistro visual, nunha liña expresionista, expande o discurso verbal, introducindo elementos, semántica, simbólica e intertextualmente marcados, que propoñen lecturas tan diversas como a crítica ás ditaduras ou a importancia da memoria. SARA REIS DA SILVA UMINHO/ELOS/LIJMI  sara_silva@ie.uminho.pt