El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

PREMIO MOZ@S ARTICULISTAS

Galicia: terra de pasado, presente e futuro

SALVADOR RENDO GARCÍA  | 17.03.2019 
A- A+

Hai tempo que a nosa terra xa non ve nacer aqueles 48.000 rapaces que cada ano viñan ao mundo en Galicia aló polo ano 1975. O número de nacementos na nosa comunidade atópase en continuo decrecemento dende o ano 1990, o que provoca que a poboación galega vaia diminuíndo deixando así cada vez máis despoboada a nosa terra.
Na actualidade, nacen anualmente en Galicia un total de 18.000 cativos aproximadamente, dato que contrasta de forma alarmante co número de defuncións que é moito máis elevado. Segundo informa La voz de Galicia en 2018, Galicia rexistra cada día 36 mortes máis que nacementos. Non obstante, todos estes datos non van acorde cos doutras comunidades, xa que a poboación mundial está en continuo aumento. Ante este grave problema, os gobernantes tratan de buscar solucións, e estas non sempre son as idóneas. Os nosos dirixentes enfocan as axudas unicamente ao ámbito económico, aumentado así a proposta da sociedade capitalista e menos humanizada cara a que nos diriximos sen sermos conscientes. Para sacar adiante un fillo hai moitos aspectos importantes, non son os cartos o único mecanismo que o fai posible, afortunadamente.
Segundo unha investigación levada a cabo por psicólogos da Universidade de Michigan as dúas primeiras causas que máis preocupan aos pais non son razóns monetarias: a primeira é se eles realmente están preparados para seren pais e, a segunda; é a preocupación derivada da sociedade cambiante na que vivimos, sobre todo, a inseguridade no ámbito laboral que atrasa en moitas ocasións a decisión.
Se analizamos estes datos, os gobernantes deben escoitar máis ao seu pobo e atender as súas preocupacións xa que pode ser bastante máis útil que gastar milleiros de euros nunha causa inexistente ou non tan importante como outras, que son máis prioritarias. Os dirixentes políticos deben tratar de lograr que a xuventude (futuros pais e nais) volva crer en Galicia como unha terra de futuro, na que se pode educar un fillo nunha sociedade igualitaria en calquera ámbito e proporcionar axuda aos proxenitores polo menos nos primeiros anos en termos de conciliación familiar real.
En Galicia debemos tomar exemplos de países europeos e avanzados como Holanda que demais de proporcionarlle axuda económica, a sanidade inclúe psicólogos para orientación na educación dos seus fillos se a precisan. A base da pirámide da súa estrutura social son as persoas da terceira idade e os rapaces e isto repercute nos seus servizos .
En conclusión, a nosa terra leva milleiros de anos vendo medrar rapaces, pero nunca tan poucos como estes últimos anos. Dicía o grande Castelao: “En Galicia non se pide nada. Emígrase.” E non lle falta razón! El experimentouno na súa propia carne. Temos que loitar para que a xuventude poida valorar, gozar e producir en e para Galicia.

Centro: La Salle / Santiago de Compostela / 1º de bacharelato









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...