El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Os gremios medievais composteláns na Semana Santa

De todas cantas profesións chegaron ata nós, aínda quedan algunhas que conservan a praxe medieval personalizada e tutelada: mestre-discípulo. A transmisión de coñecementos, previo contrato asinado ou por compromiso adquirido polo mestre con algunha familia interesada en dar oficio e beneficio a algún vástago foi a opción preferente que marcaría dende os ss. X-XI ata o s. XIX, e non sempre ao alcance de todos os petos.

Interior da igrexa de San Roque
Interior da igrexa de San Roque

JOSÉ ANTONIO GRELA   | 21.04.2019 
A- A+

Os arquivos notariais reflicten ata finais do s. XVIII unha serie de oficios: sombreireiro, pedreiro/canteiro, escultor/entallador, xastre, bordador, prateiro/ourive, calceteiro, músico de frauta de pan... e tamén o uso dunhas cláusulas comúns: unha suma económica en concepto de ensinanza, unha duración temporal que ronda dos tres a cinco anos, un compromiso do mestre e do aprendiz: "obligóse a que su hijo cumplirá y no saldrá del servicio... y si saliere, por cada día que faltare pagará a éste tres reales". Pago ao que se comprometerá tamén o instrutor se, pasados os catro anos, non dou feito un mestre do discípulo. A miúdo, a manutención, a roupa e o calzado entraban nas cláusulas a cargo do ensinante, pois o alumno facía vida na casa ou nas dependencias do mestre, o que supuña un aumento das cantidades a pagar que, non sempre foron en moeda: "y por razón de ello le tiene que dar quatro cargas de centeno, que son doce ferrados por carga... y demás dello tiene que dar al dicho (aprendiz) de vestir y calçar, conforme a su persona durante el dicho tiempo". (Consulte o interesado a quen fora arquiveiro do Concello de Santiago, e da Real Academia Galega da Historia e de Belas Artes de San Fernando, D. Pablo Pérez Constanti, Notas Viejas Galicianas, I, 1925).

Dicía máis arriba que, algunhas profesións seguen a ensinarse así, da man dunha autoridade na materia, como cando un novo cirurxián ou un enxeñeiro entran a formar parte dun equipo contrastado ou na ensinanza da música nos Conservatorios Profesionais ou academias, onde a aprendizaxe do instrumento é individual e personalizada.


As primeiras regras ou constitucións gremiais composteláns datan do século XIII, aínda que non se conservan as actas fundacionais, si se fai referencia a elas nas revisións das antigas ordenanzas que algúns gremios fixeron no s. XVI, como é o caso do gremio de Obra Prima, nome co que se aludía aos zapateiros, que adicionou ordenanzas en 1571 e 1729, e foi dos máis activos da cidade. As constitucións eran referendadas polo Ordinario (autoridade eclesiástica) e a cidade (concello).


Catro foron os chamado Gremios Maiores: o dos ferreiros, caldeireiros e cerralleiros que tiñan por patrón a San Xulián, (Igrexa parroquial de Salomé); o dos xastres, que tiñan por patroa a Nosa Señora da O, a virxe da Esperanza, establecida no X Concilio de Toledo (656), porque logo do rezo o coro sostiña unha longa /O/ nas antífonas maiores cantadas, (Real mosteiro de San Paio); o de carpinteiros e canteiros, que tiñan por patrón a San Xosé e a Santo Tomé, respectivamente (Santa Igrexa Catedral); e o dos zapateiros, tamén chamado, como xa dixemos, de Obra Prima, que tiñan por patroa a Nosa Señora da Encarnación (San Paio de Ante altares). Con estes catro gremios maiores convivían en Compostela os chamados gremios menores, un total de 18 se computan en 1771, cando a requirimento da autoridade competente os concellos son impelidos para faceren un inventario das irmandades e congregacións gremiais, tal e como consta no Libro de Consistorios do arquivo municipal, pero que dunha maneira máis divulgativa e completa ofrece o profesor Ermelindo Portela Silva en "Historia de la ciudad de Santiago de Compostela". Cereiros, talabarteiros, barbeiros e sangradores, acibecheiros, mercadores de viño e panos, cordoeiros e calceteiros, forneiros, pasteleiros e cociñeiros... cadanseu coa súa advocación e coa súa irmandade e confraría na cidade.

O Concello era a autoridade que expedía licenza de apertura para o novo mestre, se aprobaba os preceptivo exame práctico e era quen de reproducir os diferentes produtos da súa especialidade dentro duns mínimos de calidade e manufactura. Era obrigado pois, dispor do título ou carta de exame para exercer oficio que corría a conta do gremio, superada a proba diante dun tribunal examinador onde non estaba só o seu mestre formador.

A actividade dos gremios durante máis de 700 anos na cidade non se limitou ao exercicio da arte ou industria propia de cada un, senón que participaron moi activamente na vida política e relixiosa da cidade (cfr. Roberto J. López, "Las entradas públicas de los arzobispos compostelanos en la Edad Moderna", Homenaje a José García Oro, USC, Santiago de Compostela, 2002, pp.193-209), porque había dúas datas no ano ás que se obrigaba concorrer como corporación: a procesión do Xoves Santo (co seu paso ou misterio) e a do Corpus, asistindo a ambas con determinado número de fachas e libras de cera, contribuíndo economicamente con cantidades estipuladas nas ordenanzas internas (na última revisión das constitucións do gremio dos zapateiros, en 1729, os confrades pagaban de devoción 22 reais e os que tivesen tenda, 300). Respecto dos actos civís tiñan tamén especial protagonismo, pois nas entradas reais, vodas solemnes, proclamacións ou nomeamentos... eran os primeiros en contribuír para dar maior realce e esplendor ás festas. Mención especial recaía no gremio de Obra Prima. A confraría dos zapateiros levaba séculos co seu oficio da Coca/Tarasca nas festas do Corpus e na de San Roque. Unha serpe-dragón, símbolo das forzas demoníacas vencidas polo sacramento, onde se recreaba a historia de San Xurxo e a doncela. A este gremio esixíaselles tamén "a penca" para casos de xustiza, a correa de coiro coa que o verdugo azoutaba aos delincuentes. Entre outras performances representáronse na cidade a batalla de Clavixo a cargo de acibecheiros e comerciantes de xoias e panos (mouros), a danza de espadas dos xastres ou a de salvaxes, personificada por armeiros e barbeiros.


En virtude da Real Orde do 20 de febreiro de 1777, o concello de Santiago acordou (no pleno que o consistorio celebrou o 16 de maio) que: "respecto se hallan próximas las funciones de Corpus, Santísimo Sacramento en las parroquias y a ella sigue la general de San Roque y otras, y por lo mismo instar el que luego a luego (sin dilación) se ponga en observancia el expreso de dicha Real Cédula, se publique bando de lo en ella mandado por S.M., para que en su consecuencia cese la costumbre de los penitentes y otros espectáculos en las procesiones de Jueves Santo y Penitencia y en la de los santos, el Corpus Christi, de las parroquias, la de San Roque y todas otras procesiones no haya danzas ni bailes en las iglesias ni en el curso de las procesiones..."


Por mor desta Real disposición, o gremio de Obra Prima dirixiu ao concello unha instancia onde pedía licenza para deixar de sacar a Coca: "Señores Justicia y Regimiento de la Muy Noble y Leal ciudad de Santiago. Señores (...) y a nombre de los más individuos de que se compone dicho gremio, en la mayor veneración y humildad hacen presente a V. SS. que dicho gremio, por corruptela o introducción antigua está cargado de concurrir con la ridícula figura de la serpiente o Tarasca (llamada también la Coca) a las procesiones del Santísimo Corpus Christi y glorioso San Roque, haciéndola conducir por las calles e iglesias de donde salen y entran bailando y danzando con ella, de manera que, no sólo sirve este espectáculo de un atraimiento de la gente menos culta y vulgar a la irrisión y griterío, con tal indevoción e irreverencia y deshumildad a la divina Magestad y sagradas imágenes de María Santísima y más santos que van en ella, sino de una concurrencia grande de muchachos que andan al propio fin con piedras y palos, que tiran y dan a las personas que la conducen y acompañan, vituperándolas con dicterios y palabras indignas de que resulta y tiene resultado varias veces, graves daños de roturas de cabeza, dislocaciones de brazos y otras considerables heridas en unos y otros, y de que algunos de ellos estuvieron en gravísimo riesgo de la vida, como es público y notorio en la ciudad (...) y por tanto mediante a que por Real Orden de S.M. que se publicó ahora de próximo, está privado y mandado privar disciplinantes, empalados y otros espectáculos en las procesiones, bailes y danzas en las iglesias, atrios, cementerios y delante las imágenes de los santos recurren a V.SS. y rendidamente suplican se dignen providencialemente eximir al gremio y a sus individuos de tan feo cargo, mandando extinguir y suprimir tan ridícula figura de que no procede ni puede proceder otro útil al público y al Estado, que los perjuicios, daños y desórdenes que quedan expresados, que en ello harán V.SS. un gran servicio a Dios Nuestro Señor y a los suplicantes especialísimo favor que esperan de la recta cristiana justificación de V.SS. recibir por merced".


A resposta do concello compostelán, en reunión de 23 de maio de 1777, foi desestimar a petición: "Mediante a que en la Real provisión de S.M. en que se privan las danzas públicas en las iglesias y procesiones delante de los santos, no se expresa la Tarasca y ser ésta alusiva y misteriosa. No ha lugar a lo que solicitan estas partes y cumplan por ahora como se acostumbra". Pero o gremio - en desacordo - acudiría ao Real Consello, e este, accedendo a súa pretensión ordenou en xuño de 1778 relevalo de conducir e prohibir a Coca ou Tarasca nas procesións do Corpus e San Roque e que "cesen en ellas semejantes ridículos figurones". En 1783 disporía o concello de Santiago as últimas reformas no réxime dos catro gremios maiores, ditame emitido ao efecto polo entón rexedor e alcalde da cidade, D. Francisco Borja de Ulloa, que liberaría ao gremio dos zapateiros da última apostema medieval: "no se deberá molestar a este gremio a que den la penca para casos de justicia, como muchas veces se ejecutaba por medio de estorsiones y exigencia de contribuciones irregulares".


As prohibicións de Carlos III foron ben acollidas polos gremios, non tanto por un tema ideolóxico, por canto os liberaba dos gastos económicos de procesionar. A primeira folga gremial, reclamando maiores prezos na man de obra do calzado, tería lugar en 1872 na carballeira de San Lourenzo. Deixaremos para outra ocasión como este gremio foi dos primeiros en contar cun Montepío para hábitos dos confrades defuntos, ou as sancións e advertencias que esta confraría sofreu cando se dispuxo ao curtume das peles, provocando cheiros fedentos e un problema de saúde pública ao empregarse a auga dos noques ou píos dos curtidoiros para regar, aparecendo pelos de bois e doutros animais pegados as coles, nabizas, leitugas e outras hortalizas. Houbo moitos pelamios na cidade, e os que antes tiveron que pechar as portas, por razóns obvias, foron os que estaban preto da Porta do Camiño.

Dúas citas axudarán a saborear este tema: unha, de quen fora rexedor compostelán, Borja de Ulloa: "Apenas ay instrumento que por sí solo deje perfectas las obras, pues lo que no pudo el martillo, perfecciona la lima; y los defectos del telar corrige la tixera y deja con mayor lustre el paño" (Arquivo municipal, Libro de consistorios, xaneiro-xullo de 1782, fol. 244-ss). Outra, de Saavedra Fajardo, que en "Empresas políticas o idea de un príncipe cristiano", concretamente na empresa nº 16, emprega un vello proverbio para aleccionar ao bo príncipe cunha praxe moi gremial: "purpura juxta purpuram dijudicanda".