El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Una lección de convivencia

'Astropal', un cometa con corazón, escrito por José Julio Fernández Rodríguez e ilustrado por Laura González González

TEXTO INÉS SÁNCHEZ DÍAZ-MARTA. USC COORDINADA POR BLANCA-ANA ROIG RECHOU   | 13.12.2015 
A- A+

Unha lección de convivencia

A través de Astropal, un cometa con corazón, álbum infantil editado por Hércules Ediciones (A Coruña) viaxamos pola galaxia da man do cometa Astropal, o singular protagonista deste conto ilustrado, quen ten como meta levar a ledicia aos seres que conforman o seu entorno. O valeroso cometa encoméndase na súa misión de facer as súas tarefas, tentando que todos aqueles que o rodean sexan o máis felices posible.

Escrito por José Julio Fernández Rodríguez (Ourense, 1970) e ilustrado por Laura González González, Astropal, un cometa con corazón achéganos unha lección que mestura amizade, ecoloxía e cidadanía a través das aventuras do cometa protagonista, que sabe cal é o seu lugar e a súa función dentro da súa contorna.

O cometa Astropal viaxa enérxico levando a cabo o seu labor pola galaxia. Ademais de desenvolvelo día a día nesse medio, o cometa atópase cun estrano obxecto perdido, un astronauta na súa nave ó que non dubida en axudar a chegar á Terra, proxectando desta forma unha sensibilidade no lector que moito se asemella a un consello de convivencia; Astropal ensina a evitar os prexuízos e a axudar a todo aquel que o precise, sen importar quen sexa ou de onde veña. Esta travesía interprétase coma unha metáfora moi didáctica da sociedade actual, na que cadaquén, ademais do cumprimento das súas responsabilidades, debe coñecer e respectar as normas de convivencia que fan tomar as decisións correctas á hora de afrontar os problemas que se poidan atopar no camiño.

Por outro lado, os termos utilizados durante o relato, tales como "asteroide" ou "satélite" ou simplemente a finalidade da existencia dos cometas, poderían formar parte de calquera lección inicial de astronomía, que tería indubidablemente como protagonistas as fermosas e traballadas ilustracións de Laura González González. O traballo da ilustradora nesta publicación non pasa desapercibido. Os fortes fondos negros nos que Astropal se desliza e xoga polas páxinas crean unha sensación dinámica e entretida para o lector e permiten que a mirada estea centrada nos protagonistas do relato, combinando á perfección a lectura visual e a lectura textual.

É así que este libro ilustrado se converte nun perfecto compañeiro na viaxe educativa dos máis pequenos durante os primeiros anos de aprendizaxe e de escolarización.

Debido a súa carga didáctica, Astropal, un cometa con corazón, é un álbum que moitos docentes de infantil e primaria poden utilizar como ferramenta interdisciplinar, grazas á sinxela narrativa e á tenra ilustración que mesturan unha ampla variedade de valores e intelixencias totalmente aplicables en varias materias que hoxe conforman o currículo educativo.

PARA LEMBRAR

Lémbrase que ata o 18 de decembro de 2015 está aberto o prazo para participar no V Premio Internacional de Álbum Ilustrado Edelvives, ao que poden concorrer proxectos en lingua castelá, inglesa, francesa ou en calquera das linguas autonómicas do Estado español. As obras deberán atender ao concepto de álbum ilustrado e o premio está dotado con 9.000€. Para máis información: http://www.edelvives.com/premios/album-ilustrado/bases-castellano. ELOS

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

X Premio de LIX Raíña Lupa. É o hoxe o noso protagonista o xornalista Héctor Cajaraville Araújo (Santiago de Compostela, 1974), autor que mereceu o décimo Premio Raíña Lupa de LIX por 'Vidas cruzadas'. Nesta ocasión o xurado destacou da obra, entre outros aspectos, a temática actual, a boa construción dos personaxes, o humor, a estrutura circular ou o carácter interxeracional do relato. O premio, que convoca a Deputación da Coruña dende o ano 1998 coa pretensión de fomentar a creatividade fabuladora dirixida á nenez e de facer memoria da personaxe das lendas e dos contos populares dos que toma o nome, foi gañado con anterioridade por Jesús Fraga (2012), Marcos Calveiro (2010), Carlos López (2008), Antonio Yáñez (2006), Breogán Riveiro (2004), Xosé Antonio Neira (2002), Antonio Reigosa (2000), Mario Pereira (1999) e Agustín Fernández Paz (1998), este último autor xa clásico da Literatura Infantil e Xuvenil galega. ELOS

Literatura Infantil e Xuvenil

2000

PARA COÑECELA +

LIBROS: De la literatura Infantil a la Promoción de la lectura (CEU Ediciones, 2013), de Sandra Álvarez, Mª del Carmen Ferreira e Marta Neira (eds.). A Escuela Universitaria de Magisterio CEU de Vigo publicou en 2013 esta monografía, en formato de libro-CD, dirixida expresamente a educadores potenciais ou en activo de Educación Infantil e Primaria, investigadores en LIX e a calquera interesado no tema, que vén suplir a falta de materias no ámbito universitario desta literatura, sobre todo naqueles plans de estudos do ámbito educativo que se propoñen formar mediadores entre o libro e a súa lectura. Acolle traballos moi diversos en castelán, galego e portugués que analizan “a relación entre o desenvolvemento da competencia literaria, a promoción do hábito lector e a estimulación da lectura recreativa e a LIX”. As editoras estruturan a obra en catro partes principais: Estudios; Reflexiones de autores; Formación de mediadores: recursos e Literatura infantil y juvenil/ Promoción de la lectura/ Prácticas educativas en distintas áreas del conocimiento, onde se acollen observacións, reflexións, prácticas e experiencias. A LIX galega analízase en: Educación literaria, saberes y enciclopedia del mediador, de Blanca-Ana Roig Rechou; Experiencias e ferramentas educativas coa poesía, de Antonio García Teijeiro; Lembranzas dunha mestra e escritora, de Fina Casalderrey; Literatura Infantil e Xuvenil e promoción da lectura. A educación literaria dos mediadores, de Isabel Mociño; Dúas metáforas contra a invisibilidade: o meu nome é Skywalker e Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz, de Eulalia Agrelo; Los protagonistas supervivientes republicanos necesitan contar su testimonio de la Guerra Civil española, de Mar Fernández; La reescritura ideológica de los cuentos de tradición oral en la Literatura Infantil y Juvenil Gallega (2000-2009), de Carmen Ferreira; Un contar de histórias: a narrativa juvenil de Marcos Calveiro, de Vanessa Ferreira; e A sombra descalza, de An Alfaya: unha práctica para a consideración de xénero, de Marta Neira. Laura Blanco.