El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Ler noticias segue a ser o motivo principal para conectarse á rede

O 81,9% dos galegos e galegas empregan as redes sociais e fano para comunicarse coas amizades e estar informados. Facebook é a rede predominante, seguida de lonxe por Instagram e Twitter

DOLORES OTERO   | 02.06.2019 
A- A+

Así o constata o Documento de traballo Tecnoloxías da información e a comunicación que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe tamén deixa outros datos, como que o 81,9% dos galegos e galegas empregan as redes sociais e fano para comunicarse coas amizades e estar informados. Facebook é a rede predominante, seguida de lonxe por Instagram e Twitter.

Tecnoloxías da información e a comunicación é o título do último Documento de traballo (DT) do Observatorio da Cultura e analiza dous aspectos fundamentais relacionados con Internet e coa Sociedade da Información; dunha banda, a implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nos fogares galegos e, da outra, as relacións xurdidas entre os internautas a partir do uso da rede.

 


As TIC na escola

O estudo dedica unha parte destacada a coñecer a situación de equipamento e uso nos centros escolares. Os indicadores constatan unhas cifras en aumento xa que a ratio de alumnos por ordenador no curso 2016-2017 é de 2,3 e non a de 3,1 de cinco cursos antes. Se se ten en conta a titularidade dos centros, os públicos están mellor equipados que os privados. No conxunto do Estado, Galicia, País Vasco e Estremadura teñen a media de alumnos por ordenador máis baixa, fronte á Comunidade de Madrid, que ten 5 escolares por cada máquina. A situación é diferente no que afecta ao equipamento do profesorado. As cifras que destaca este informe explican que o número medio de profesores por ordenador sitúa a Galicia en peor posición ca o conxunto de España, dado que a media é de 2,2 profesores por cada equipo e na media de España é de 1,9.

O DT tamén constata que a conectividade dos centros a Internet é moi positiva. Practicamente a totalidade dos centros educativos teñen conexión. E, nese caso, Galicia supera en 1,2 puntos a media estatal, cunha taxa do 95,8%. E, igual que acontecía na ratio de ordenador por centro, as porcentaxes son máis elevadas no caso de centros públicos. A porcentaxe galega de aulas con conexión a Internet é 3 puntos porcentuais inferior á dos centros públicos, mentres que no conxunto do Estado é á inversa, 1,2 puntos porcentuais superior.

Con respecto ao que se fai con eses equipamentos, o informe constata que o 91,6% dos centros educativos da comunidade galega dispón de páxina web pero o uso máis destacado ten que ver co emprego de Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA), que implica as tecnoloxías no proceso educativo. Isto implica accións como a realización de exercicios, a interacción co profesorado ou traballo en equipo. Neste eido, Galicia está á cabeza de todas as comunidades autónomas na prestación do servizo e supera a media estatal en 34 puntos porcentuais. A desigualdade de uso é grande entre centros públicos (87,1%) e privados (28,8%), o contrario do que acontece no resto do Estado.

Os usos da rede

En Galicia gústannos as redes. Oito de cada dez galegos úsanas e, dentro delas, Facebook é a máis empregada. O 81,4% das e dos internautas galegos elixen esa rede para comunicarse, informarse e subir fotos, comentarios e opinións. Xa, a moita distancia, Instagram é a segunda opción (55,3%), seguida de Twitter (47,3%) e LinkedIn (25,2%). O uso das redes en Galicia sitúanos por riba da media no conxunto de España. O DT tamén constata o descenso da consulta dos blogs, sexan profesionais ou doutro tipo. En canto ás webs, Google segue a ser a páxina máis consultada tanto en Galicia (28,7%) coma no conxunto de España (28,1%).

Con respecto ao servizo de mensaxaría instantánea, WhatsApp é a aplicación preferida, cun 95,1% dos usuarios. Séguenlle outros como Telegram ou Facebook Messenguer pero cunha distancia considerable, un 24,6% e un 13,7% respectivamente. Skype baixou considerablemente o seu uso desde 2016 pois pasou do 36,6% ao 24,3%.

Ler noticias segue a ser o motivo principal para conectarse á rede (o 87% dos usuarios fano por ese motivo). Pero hai outros como ver series ou películas en liña. Respecto das actividades de pagamento, a máis habitual é a de ver películas ou series sen descargar. Neste caso, Galicia supera a media de España en 2,1 puntos porcentuais.

A Implantación das TIC no fogar

A incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación no fogar medrou nos últimos anos e esa mellora produciuse, sobre todo, nas comunicacións. A conexión por cable ou fibra sitúanos nos postos de cola de España pero experimentamos unha suba moi significativa. Se en 2017 a conexión ADSL era maioritaria, en 2018 cedeu ese posto á fibra, que subiu 5,8 puntos porcentuais, ata chegar ao 47,4%.

No ano 2018 houbo en Galicia 148 000 usuarios máis de comercio electrónico que en 2015. Pola rede compramos principalmente roupa e artigos deportivos, e hai diferenzas en función de quen compre. Os homes fano máis que as mulleres e cunha distancia considerable: o 43,7% dos homes fronte ao 37,3% das mulleres. Agás neste caso, as diferenzas de comportamento por xénero acúrtanse.

Entre os datos que destacar, figura que, no ano 2018, un 94,2% das nenas e nenos galegos de 10 a 15 anos utilizou o ordenador, un 95,3% accedeu a Internet e un 66,5% dispuxo de teléfono móbil. A mocidade galega supera á do conxunto de España nas dúas primeiras actividades, en cambio dispón en menor medida de teléfono móbil, 3,3 puntos por debaixo da estatal.