El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

tribuna libre

A lingua galega nosfondos documentais

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 25.11.2018 
A- A+


Os fondos documentais do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago reflicten unha realidade que, non por menos coñecida, convén lembrar:

No caso concreto deste Arquivo, o primeiro documento escrito en galego data da segunda metade do século XIII. Trátase dun foro do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, sito a carón do río Deza, no 1262, catalogado no Tombo de Stª Clara (contén diversa documentación comprendida entre os séculos XII-XV), e que forma parte do fondo da Colección López Ferreiro.

Pero tamén integran os fondos deste arquivo, ademais dun catálogo específico de manuscritos, dun musical, doutro de protocolos notariais, de documentos reais, dun específico sobre o Voto de Santiago... un total de vinte e dúas carpetas, que constitúen a chamada Colección de Documentos Soltos. Sentenzas, desembargos e traspasos, arrendos, renuncias, fianzas, foros, vendas, testamentos, doazóns, legados, ratificacións, cartas de pago, nominacións, concordias, censos, obrigacións, cartas de poder ou compromiso, cesións, dotes de casamentos, privilexios reais... Un traballo de anos, que a Área de Documentación Medieval do Arquivo da Catedral de Santiago (ADM-ACS) vén desenvolvendo con rigor para facilitar o acceso, e pronta consulta e lectura, a investigadores e interesados. Un arquivo moi ben catalogado, que perfectamente xustificaría un premio ou recoñecemento polo seu labor, pois quen lles fala ben podería facer referencia a outros arquivos, tan caóticos que, por pudor, non vou nomear. Queda por diante un traballo de dixitalización dos fondos, arduo e longo no tempo, que xa está iniciado co programa OPAC, (Online Public Access Catalog) de pescuda e consulta en liña.

A finais do s. XIII (1294) podían alternar o galego e o latín como linguas xurídicas, ás veces compartindo espazo no mesmo documento, como ocorre cunha sentenza (Documentos Soltos, carpeta nº 17) sobre unha herdade en Currais, da freguesía de San Pedro de Busto, en Santiago de Compostela. Un honor para o galego, que abrangue ata principios do século XVI, pois o último documento integramente escrito na nosa lingua, ao que este arquivo se refire, é o testamento dun ferreiro compostelán, Roi Muxía, quen dá conta dos seus bens o 23/12/1512. A primeiros deste século XVI, o galego será substituído polo castelán como lingua de valor xurídico. Evidencia este dato o traslado notarial do testamento de D. Pero Eáns Leiteiro, fundador en Santiago do Hospital de peregrinos de San Andrés, no 1446. Debido ao mal estado dos pergamiños faise ese traslado con data de 20 de marzo de 1589, onde compartirán espazo o castelán, xa institucionalizado como lingua administrativa, e o galego, que a conservaba aínda no momento da redacción testamentaria. Na carpeta nº 18 tamén se rexistra outro traslado notarial de mais relevancia, en concreto, a confirmación da doazón da vila de Cornelhã, no val do Limia, por parte de don Henrique, conde de Portugal, ao cabido da Igrexa compostelá (1097) e firmada en tempos do rei D. Denís (1324), aínda que o traslado documental se data o 4 de agosto de 1338. Confirmación da doazón, asinada polo mesmo rei trobador, quen decretara en 1290 que a lingua vulgar (o galego-portugués falado) substituíse o latín na corte, adoptando así unha lingua propia para o reino, tal e como fixera o seu avó, Afonso X "o Sabio", co castelán. En 1296 o portugués, ou se se quere o galego-portugués saltaría da poesía ás notarías e ás chancelarías. Ironías do destino, dous séculos antes, un rei castelán, Fernando I de León, recuperara aos musulmáns, prazas como as de Lamego, Viseu ou Coímbra (1064), coa intercesión para esta última do Apóstolo Santiago, segundo a lenda recollida no Calixtino (Lib. II, c. XIX).

 


As políticas dinásticas marcarían nesta época o futuro do galego-portugués. A historia reflectiu que a lingua dependese de coroas distintas e a política condicionou a que unha e outra evolucionasen por separado; unha cun reino propio, outra dependente dos reinos casteláns. En rigor, debería falarse de galego e non de galego-portugués, pois na Gallaecia Bracarense, Lucense e Asturicense foi a lingua resultado da mestura entre o latín vulgar e as linguas de substrato, tomando o seu nome da antiga provincia romana. Procede falar aquí sobre o Condado Portucalense (topónimo Portus Cale) e do seu último conde, don Afonso Henrique, que se enfrontou a súa nai dona Tareixa e ao seu namorado, o Conde don Fernando Pérez de Traba, e que remataría proclamándose primeiro rei de Portugal. Porén, para que vexan vostedes como inflúe a política nas linguas e nos pobos, convídoos a unha imaxinativa reflexión histórica:

Unha ucronía tan interesante como inútil sería marcar un punto "Jonbar" (batalla de Pedroso, 1071, San Mamede, 1128, ou batalla de Ourique, 1139) e especular con que pasaría, se o Condado Portucalense gañado por García II, (rei de Portugal e de Galiza) non fose obxecto de agasallo polos servizos prestados na Reconquista, a don Henrique de Borgoña (pai de don Afonso Henrique, e de quen falamos na doazón da Vila de Cornelhã), por parte do rei Afonso VI de León.

Que tería pasado co galego se non se chegase a constituír o reino de Portugal? ou ben, elixir algunha das outras datas e concibir como tería evolucionado a lingua, se o reino de Portugal chegase ata o Cantábrico.

Todo un exercicio de lingüística diacrónica utópica! Na mesma liña deixo ao xuízo de vostedes a valoración da explicación e interpretación histórica que se fai na película de ciencia ficción estadounidense, Arrival, (A Chegada, 2016), onde a actriz Amy Adams, que encarna a unha profesora de lingüística na personaxe de Louise Banks, aclara a un grupo de estudantes a orixe da lingua portuguesa: «Today we're talking about Portuguese and why it sounds so different from the other Romance languages. The story of Portuguese begins in the Kingdom of Galicia in the Middle Ages, when a language was seen as an expression of art (...)». (Hoxe imos falar do portugués e por que soa tan diferente das demais linguas románicas. A historia do portugués tivo o seu inicio no Reino de Galicia, na Idade Media, cando a lingua se consideraba unha expresión artística...)

A lingua galega tivo un status de prestixio: literario, social e xurídico. Os fondos documentais, como do que estamos a falar, así o reflicten.

A reflexión final e a pregunta conseguinte é: con cada xeración a perda de léxico propio é alarmante (garfo/tenedor, cadeira/silla, guindastre/grúa, parafuso/tornillo...), co correspondente perigo de morte por indiferenciación ou futurible redución a dialecto da lingua maioritaria. Existe de verdade un bilingüismo harmónico, compartindo o mesmo espazo e falantes, con respecto a unha lingua que usan preto de 600 mill. de persoas? Probablemente a orografía xogou en favor do milagre de superviviencia do galego. Agora e no futuro, só dende a liberdade, dende o recoñecemento e asomo a máis de 800 anos de historia, a lingua galega está mais que nunca na vontade dos seus falantes, no seu orgullo e decisión para que non se traspase un punto de non retorno e non fique relegada nos vindeiros séculos, como un mero obxecto de estudo nos arquivos e fondos documentais.

 PROFESOR DE  ENSINO SECUNDARIO