El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

Street Poems / Pioneiras. Galegas que abriron camiño / Percursos da Literatura InfantoJuvenil / Pericles e a balea / O ladrón de soños

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU   | 08.07.2018 
A- A+

Poesía feroz no espazo público

TEXTO ALBA CID USC/CRPIH

Continuidade e sorpresa, xogo e compromiso. Baixo a forma dun poemario para lectores a partir de 12 anos, en Street Poems reverbera o carácter urbano, transmedia e político do graffiti e da instalación en calquera cidade do mundo.

A nova entrega de poesía xuvenil de Fran Alonso (Vigo, 1963), publicada na colección Sopa de Libros de Edicións Xerais de Galicia en abril do presente ano, devólvenos ao autor que teimou en completar Cidades (Xerais, 1997, 2013) coas súas fotografías ilustradas, o mesmo autor que procurou facer de O meu gato é un poeta (Xerais, 2011) un verdadeiro obradoiro interactivo, e explorou a poesía visual en Poemas birollos para ler cos ollos (Xerais, 2016). Canda el regresan as marcas da casa: a exploración das potencialidades do diálogo intermedia e interartístico que non obvian as chiscadelas de ollo á tradición literaria propia, o mimo á dimensión visual e lúdica da obra, e sobre todo, a teima na moi necesaria actualización e agrandamento da noción do poético para todo tipo de públicos.

Onde a RAG fala dos graffiti como "deseños ou textos, xeralmente de carácter xocoso, obsceno ou político, trazados sobre as paredes, portas etc.", o autor encontra ben máis, en canto a forma e ao fondo. Non hai aquí ilustración, senón combinación e sobreimpresión dos textos, que son écfrases non canónicas na maior parte dos casos, ao funcionaren como representacións verbais de pezas plásticas.

Quizais o maior logro de Street Poems sexa a súa idea guieiro: formular a posibilidade de prestar atención ao que os muros teñen por dicir, apuntalando a liberdade de expresión como dereito inalienábel hoxe. Ao seu carón, o emprego do humor e a ironía, o goce do texto (xogos de palabras, aliteracións etc.).

Street Poems é tamén un tecido azaroso a través dos mapas, a través das viaxes cotiás ou puntuais nas que o autor fotografa exemplos de street art de ámbitos culturais diversos, evidenciando a vitalidade e universalidade do fenómeno, que honra nunha traballada relación final coa localización e autoría das intervencións artísticas. Un exercicio de porosidade que reclamará unha figura mediadora atenta, que acompañe a reescritura de Pero Meogo, o refrán "Todos somos Banksy", a Rosalía de "Abrín soa a miña boca" ou a explosión de referentes internacionais que se condensa nun dos poemas de apertura, "Planeta Street art".

Mil e unha definicións para a poesía que compite polo dominio do espazo público.

alba.cid@usc.es

 

Salientando o labor pioneiro das mulleres

TEXTO MARTA NEIRA USC/CRPIH

Dende o mes de febreiro Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez e Nuria Díaz, permite coñecer a vida de doce mulleres que conseguiron vencer barreiras que lles estaban impostas ao seu xénero no tempo en que viviron. As autoras achéganlle ao lectorado os trazos máis importantes da primeira escritora, Exeria; da primeira almiranta, Isabel Barreto; da enfermeira en misión internacional Isabel Zendal; da correspondente de guerra Sofía Casanova; das primeiras protagonistas dunha voda entre mulleres, Marcela e Elisa; de Irene González, primeira futbolista nun equipo masculino; da gaiteira Áurea Rodríguez; da directora de xornal Mª Luz Morales; da doutora Olimpia Valencia; da camioneira Celia Rivas e da primeira científica nun buque de investigación internacional Ánxeles Alvariño. Biografías de curta extensión e recomendable lectura que visualizan o papel destas mulleres pioneiras. marta.neira@usc.es

 

'Percursos da Literatura infantoJuvenil'

TEXTO: SARA REIS DA SILVA UMINHO/LIJMI

Iniciada en 2010, a colección Percursos da Literatura InfantoJuvenil, editada por Tropelias&Cª (e o entusiasmo e persistencia do seu editor, João Manuel Ribeiro), conta xa con máis de ducia e media de volumes que dan voz á educación e á crítica literaria na área da literatura para a infancia e xuventude (LIX), propondo un conxunto de estudos asinados por algúns dos máis recoñecidos investigadores ibéricos desta área. José António Gomes, Blanca-Ana Roig Rechou, Ana Margarida Ramos ou Sara Reis da Silva, entre outros, teñen divulgado nesta colección as investigacións sobre autores e obras, textos clásicos e temas variados, algúns deles fracturantes, como a Guerra Civil española, a ilustración na LIX ou a educación literaria. Esta colección representa en Portugal un caso absolutamente excepcional en relación á atención concedida e á edición de estudos críticos de LIX, demostrando a crecente vitalidade do traballo teórico, histórico e crítico sobre a escrita e a ilustración para a infancia e a xuventude no ámbito ibérico. sara_silva@ie.uminho.pt

 

O encanto de 'Pericles e a balea' e a pegada feminista

TEXTO: CARMEN FERREIRA ICE-USC/CRPIH

A editorial Galaxia o pasado mes de xuño acaba de recuperar na colección Árbore un texto fundamental na conformación da Literatura Infantil e Xuvenil galega: Pericles e a balea (1984), de Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931-Vigo, 2017). Trátase dun pequeno e fermoso conto que se achega á vida da xente do mar dun xeito lúdico e que ademais establece un diálogo intertextual entre elementos da tradición oral (xogos de palabras, cantares e lendas) e personaxes tomados da Biblia e das culturas fenicia e grega para dalos a coñecer aos máis novos, como a relación que se establece entre Pericles-Ulises e a particular Penélope, unha muller-balea emparentada coas míticas sereas, que namora o heroe navegante da historia. Estas referencias confiren á narración diferentes niveis de lectura que permiten asentar mitos e símbolos no imaxinario infantil e percibir os xogos de subversión, sen obviar unha perspectiva feminista. verinesa@yahoo.es

 

O ladrón de soños de Sabela Fernández Trelles

TEXTO: GIULIA VEZZARO LITER21-USC

A día de hoxe, nunha sociedade na que vivimos afeitos a xulgar aos demais (sobre todo se son distintos), é fundamental sensibilizar a nenos, nenas e adultos sobre a importancia de coñecer a alguén antes de facernos unha idea equivocada sobre quen é e as súas intencións, para comprobar que non todo é o que aparenta nun principio.

Precisamente isto é o que quere transmitirnos O ladrón de soños (Xerais, 2018), incluído na colección Pequeno Merlín, a nova creación de Sabela Fernández Trelles, licenciada en Psicopedagoxía que, ademais de escritora, é tamén mestra especialista en Audición e Linguaxe. As ilustracións que acompañan a historia son da ilustradora e escritora Alicia Suárez (Pontevedra, 1974), quen colabora asiduamente con Sabela Fernández creando tenras e fermosas composicións para ilustrar os seus libros. Neste caso, resaltan os debuxos dinámicos e as cores que conseguen cativar a atención da infancia.

A trama desenvólvese na cidade de Soñovai, onde o Mago Uxío é quen se encarga de entreter e facer sorrir os nenos para que teñan uns soños marabillosos nos que poidan facer realidade as súas fantasías. Un día descobre que un ladrón, un pouco desorganizado e despistado, quere apoderarse de todos os soños bos e consegue detelo antes de que cumpra os seus plans. O que non sabe é que o ladrón pretende regalarllelos aos nenos dunha cidade veciña que só teñen pesadelos. Iso converteraos en grandes amigos e aliados.

O ladrón de soños é unha historia na que se poden apreciar moitas referencias á solidariedade e á indudable importancia dos soños (xa que o pesadelo vivímolo todos os días coas preocupacións que nos causa a vida mesma) que converterán aos dous protagonistas en verdadeiros heroes.