Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

Mudar de corpo conflito a corpo fogar

TEXTO: RAQUEL SENRA / ELOS

Instituto igual a acoso e soidade; fogar igual a rexeitamento e soidade. Son só palabras? Imaxinacións, quizais? En realidade son algúns dos sentimentos do protagonista de Fóra de lugar, e ben poderían ser un reflexo do que viviu e vive parte da nosa xuventude. Unha obra que se presenta como unha reflexión sobre a diversidade, onde todas as posibilidades, sexan da natureza que sexan, cohabitan.

A editorial Xerais publicou esta novela xuvenil o pasado mes de xuño tras ser galardoada co Iº Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Nela ponse sobre a mesa a realidade das liberdades sexuais, así como as situacións que a mocidade ten que afrontar por non encaixar no que o mundo entende por "normal". Os canons actuais implican que todas as persoas teñen que cumprir uns "requisitos" para pasar desapercibidas e adaptarse ao medio que nos queren vender. De non acometelos, a desaprobación por parte da sociedade está asegurada. Ademais do paralelismo cos heroes e heroínas dos cómics, a narración fainos viaxar da man de onomatopeas e descricións gráficas das reaccións dos personaxes que nos remiten constantemente a este xénero literario.

María Reimóndez (Lugo, 1975), gran defensora das mulleres, dedícase á escritura e á tradución. A súa obra é plural e reivindicativa e, neste caso, alén de defender as diferentes orientacións sexuais, defende a xente do rural, os trazos lingüísticos, así como tamén nos invita a reflexionar sobre o emprego do xénero gramatical. A voz narradora en primeira persoa plasma os sentimentos e reflexións dun xeito verosímil e xera grande empatía.

As imaxes son do artista plástico Antonio Seijas (Ferrol, 1976), premio Castelao de Banda Deseñada e ilustrador de diversas obras. A cuberta aporta pistas sobre a relación da novela coa banda deseñada e presenta o protagonista na liña da arte pop. Pola súa banda, as imaxes do interior, con trazos firmes e a unha tinta, serven para presentar os catro apartados nos que se divide a obra e seguen dialogando co cómic mediante a introdución de alusións a historietas clásicas.

Esta novela pensada para a mocidade é un resorte para aceptar a identidade, incidir na importancia de gozar de boas amizades e do apoio da familia, así como a necesidade de poñer freo aos que invaden. En definitiva, a obra fai ver ao lectorado agardado que o corpo non debería ser un lugar de conflito, máis ben sempre un fogar no que gorecerse.

raquel.senfer@gmail.com

Para coñecer máis a ficción científica

TEXTO: CARMEN FERREIRA - UDC/ELOS-ANILIJ

Acaba de saír do prelo a primeira monografía en solitario da profesora e investigadora galega Isabel Mociño González que ten traballado moito a prol da LIX e do fomento da lectura, como o demostra a gran cantidade de estudos, artigos e capítulos de libros publicados así como a organización anual do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que se está a celebrar durante todo o mes de outubro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo. Publicada pola editorial Tropelias&Companhia na colección "Percursos da Literatura Infantojuvenil", a obra titulada Narrativas de ficção científica para a infância e a juventude fai un achegamento teórico á ficción científica e analiza de maneira exhaustiva a produción deste subxénero narrativo na literatura portuguesa, de maneira que se conforma como unha ferramenta moi útil para a formación de mediadores entre a infancia e xuventude e a lectura. verinesa@yahoo.es

Paseniño, paseniño faise longo o camiño

TEXTO: BLANCA-ANA ROIG - USC/CRPIH

No ano 2003 a editorial Everest Galicia publicaba o álbum poético Paseniño, paseniño, de Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952), un dos referentes da poesía infantil galega, ilustrado por Xosé Cobas. Nesta obra, presentada a xeito de libro-obsequio, fai unha sentida e merecida homenaxe a unha figura fundamental da literatura galega, a escritora Rosalía de Castro. Seguindo o espírito do poema rosaliano que o título lembra, a voz poética realiza unha viaxe lírica na que a natureza e o amor gozan dun papel fundamental.

Neste ano Edicións Xerais de Galicia, cadrando co 15º aniversario, recupera na colección "Merlín" esta xoia poética actualizándoa coa proposta plástica suxestiva, rica e elegante de Marcos Viso que ofrece unhas marabillosas composicións que ilustran os poemas e que, ao mesmo tempo, evocan moita emoción creando unha atmosfera abraiante. A obra complétase cun CD musical cos poemas recitados polo propio poeta.

blanca.roig@usc.es

Historias eternas para lectores actuais

TEXTO: CARMEN FERREIRA - UDC/ELOS-ANILIJ

Felicitamos a Kalandraka Editora por ofrecer na colección "7 Leguas" a marabillosa adaptación ao galego de Xosé Ballesteros dunha obra clásica grega, as Fábulas do escravo Esopo, recomendada para lectores a partir dos 5 anos. Trátase de historias breves e exemplares protagonizadas por animais humanizados que se pechan cunha ensinanza final sobre os defectos humanos. Reúne unha selección daquelas fábulas máis coñecidas que se ofrecen cun estilo narrativo actual e nas que se reproban a preguiza, ambición, mentira... ao tempo que alaban o esforzo, a prudencia, a bondade ou a astucia. Realmente innovadora é a proposta plástica do artista Dani Padrón (Ourense, 1983) quen singulariza esta fermosa edición ao ofrecer unha nova ollada con ilustracións figurativas, cheas de cores e expresividade que transmiten o humor destas historias que teñen acompañado a historia da humanidade desde fai máis de 2.500 anos. verinesa@yahoo.es

'A biblioteca de Pedrarcana', de Carlos Taboada

TEXTO: GIULIA VEZZARO - LITER21-USC

Na actualidade, a sociedade frenética na que vivimos, onde a falta de tempo e a presencia das novas tecnoloxías controlan e condicionan a vida de nenos e adultos, o normal é esquecer a importancia de dedicar algúns momentos á lectura e a enriquecer os nosos coñecementos culturais, actividades que nos axudarían a ser mellores persoas e permitirían que a opresión e a ignorancia non controlen as nosas vidas e o noso futuro.

Isto é o que pretende recordarnos Carlos Taboada (Pontevedra, 1979), ilustrador, publicista e escritor, que incluíu todos os seus proxectos para promover a lectura no seu primeiro libro en solitario, A biblioteca de Pedrarcana (Xerais, 2018), publicada na colección infantil "Merlín" e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil de 2017.

Pedrarcana é unha cidade aburrida na que nunca pasa nada e na que a xente non practica ningún tipo de actividade e parece estar mergullada nunha eterna tristura. A situación empeza a cambiar cando Alexandra, a bibliotecaria, esquece o seu misterioso libro da tapa vermella no tranvía e o mestre Mauricio dedícase a lelo. O poder da palabra escrita fai que este saia do seu estado de cativerio mental e dea a súa primeira clase animada, na que fala da historia da súa cidade e da importancia que esta ten para o presente e o futuro. A partir dese momento, os tres irmáns Artai, Xela e Sabela, fan todo o posible para devolver a Pedrarcana ao seu estado orixinal e á xente as súas ganas de vivir.

As aventuras incluídas fan que non podamos deixar de lelo: así a mensaxe mesma da obra, isto é, a importancia da lectura, da cultura e do pasado, represéntase a si mesma. Unhas divertidas e animadas ilustracións do mesmo autor mostran a diferenza entre as persoas que len, representadas en cor, e as que non o fan, pintadas en cores máis apagadas.

28 oct 2018 / 13:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito