El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA: BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 09.12.2018 
A- A+

'A Soidade do asasino', silencio e sangue, de Carlos G. Reigosa

O escritor e xornalista galego Carlos G. Reigosa (Pastoriza, Lugo, 1948), despois de publicar Irmán rei Artur (1987) e Dous máis dous (1998), retorna á Literatura Infantil e Xuvenil da man do teatro coa peza A soidade do asasino, publicada por Edicións Xerais de Galicia na colección xuvenil Fóra de Xogo. Nesta última obra, o asasino, a persoa desapiadada que mata por encargo, sen conciencia nin empatía, é o extraordinario e perfecto protagonista. De novo, a violencia e o quebrantamento da lei son os puntos de referencia dun escritor que será sempre recordado como o autor da pioneira novela policíaca Crime en Compostela (1984), coa que conseguiu o primeiro Premio Xerais de Novela. A literatura dramática para a mocidade regresa ás páxinas deste xornal para afondar nunha realidade que racha estereotipos. A obra, carente de divisións estruturais e desenvolvida integramente no mesmo escenario, principia coa conversa entre dous estraños: o verdugo e a vítima. Víctor, o asasino vocacional. Claudio, o damnificado transgresor. Víctor, contratado por unha persoa misteriosa, a modo de mercenario, confesa non ser quen de matar desta vez, amosando, ademais, a súa incredulidade e receo polo acontecido. Esta polémica declaración abre un oco para que lectoras e lectores se acheguen e formen parte dunha dialéctica frenética. Con cada ameaza, comentario e burla, imos coñecendo polo miúdo os personaxes, as súas debilidades e a historia que os fixo chegar ata ese mesmo intre: o máis importante das súas vidas.

A flagrante resolución que se aproxima páxina a páxina mestúrase coa relación de confianza, cordialidade e respecto que vai nacendo entre eles, raiando a tolemia. D­ous homes fronte a fronte, condenados ao silencio e á soidade na que viven e respiran, obrigados a pagar un alto prezo polo sangue que enchoupa as súas mans. Pese a coñecer o inevitable destino, ambos desenvolven un complexo papel a prol da propia supervivencia.

A estrataxema dos supostos escrúpulos desaparece, caen os panos e os enganos dan paso a unha realidade cruenta onde non hai inocentes nin vidas que paga a pena salvar ou tan sequera polas que loitar, agás a tácita familia. A soidade do asasino regálanos un remate épico que evoca as traxedias gregas con tinturas cinematográficas. É unha peza dramática que non permite lecturas planas, que sorprende, marca e manipula, convertendo tamén o lector ou lectora en cómplice de asasinato.

pousadascr@gmail.com

 

Feminismos na Literatura Infanto-Xuvenil

Hai uns meses publicouse en Laiovento Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena, un ensaio de imprescindible lectura para quen queira coeducar e coñecer a pegada feminista na literatura escrita en lingua galega para os máis novos. A monografía recolle parte da tese de doutoramento desta profesora da USC, defendida en 2016 e dirixida pola profesora de Filoloxía Dolores Vilavedra e polo profesor de Ciencias da Educación Bieito Silva. Divídese en dous grandes apartados: no primeiro deles faise un achegamento aos vencellos entre o movemento feminista, coeducación e literatura infantil no contexto galego; mentres que no segundo se establecen catro etapas para o impacto dos feminismos na literatura infantil galega e se ofrece unha visión panorámica dos textos que representarían cada unha delas. É unha obra necesaria que cubre un baleiro na crítica académica aplicada á LIX.

 

Volven as aventuras do coelliño branco

A editorial Kalandraka recupera e actualiza na colección Os Contos do Trasno unha obra que xa é todo un clásico no seu catálogo. Trátase do álbum O coelliño branco, unha adaptación a partir dun conto popular portugués realizada por Xosé Ballesteros (Vigo, 1965) e con ilustracións de Óscar Villán (Ourense, 1972), grazas ás que conseguiu o primerio Premio Nacional de Ilustración en 1999, entre outros recoñecementos. Este álbum tamén se publicou na colección Makakiños, en colaboración coa Asociación BATA, pensada para fomentar a lectura na infancia con necesidades de apoio educativo.

Conta a historia do coelliño branco quen busca axuda noutros animais para reconquistar o seu fogar, que fora ocupado pola terrible cabra, que se lle salta enriba o esmagaza. Un fermoso texto para ler ou contar que xoga coa sonoridade e a rima e que reivindica a amizade e a coraxe, para demostrar que a valentía non é cuestión de tamaño.

verinesa@yahoo.es

 

Marxinalidade e problemáticas sociais vixentes

Parabenizamos a Edicións Xerais de Galicia por recuperar na colección xuvenil "Fóra de Xogo" unha obra fundamental dun escritor clásico contemporáneo da LIX galega. Trátase da novela A chave das noces, de Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018), que xunto a outros autores como Agustín Fernández Paz configuran unha xeración fundamental para o recoñecemento e consolidación da LIX, que tivo que abrir camiño nunha época chea de carencias e dificultades. Despois da súa estrea literaria co xa best-seller O misterio das badaladas (1986) e o volume de relatos Cun ollo aberto e outro sen cerrar (1986), en 1987 publica tamén en Vía Láctea A chave das noces, un relato de xénero negro, ambientado na Galicia urbana e protagonizado por un mozo aprendiz de detective quen retrata a marxinalidade, inxustiza e opresión nos ambientes suburbanos dunha sociedade que está a sufrir grandes transformacións. blanca.roig@usc.es

Banda deseñada para ler sen edulcorantes

Vera vive con seus pais e seu irmán maior, Alfredo. Como a calquera nena, a Vera gústalle ver a televisión, debuxar, cantar... pero sobre todo bailar. O seu pai traballa fóra de casa todo o día. Alfredo é un bo rapaz a quen lle gusta saír cos seus amigos. Vera e súa nai pasan a maior parte do tempo xuntas. Un día, Vera e súa nai van visitar unha muller para que as axude a liberarse do mal de ollo. Mais os remedios que lles di non parecen funcionar e súa nai busca intensamente axuda en Deus para liberarse do meigallo. Pouco a poco Vera irá descubrindo que algo pasa na súa familia, algo que non se ve, mais que invade todo na casa. A nai dorme todo o día. A nai esquece recoller a Vera na súa clase de ballet. A nai bérralle moito a Alfredo. A nai está enferma.

Contada a través dos ollos dunha nena, esta obra de banda deseñada ten carácter autobiográfico e aborda o tema das enfermidades mentais e a problemática ao redor delas: o silencio, a falta de información, o medo ao rexeitamento social, as relacións familiares e a negación tanto do paciente como dos que o rodean. Esta historia, en branco e negro, está construida a partir de pequenos relatos. Cada un debuxado con trazos sinxelos (naive), mais tremendamente expresivos e enlazados a través do diagnóstico clínico da nai.

Grazas a esta obra, O corpo de Cristo, a ilustradora Bea Lema (A Coruña, 1985) converteuse na primeira muller galardoada co XII Premio Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña. Ademais de abordar o tema das patoloxías mentais de maneira sobria, sen dramatismo, esta banda deseñada é unha testemuña sobre a capacidade dunha nena de sobrepoñerse aos problemas. Porque a infancia non é de algodón nin ás veces nada fácil. Unha lectura que contrarresta o exceso de edulcorante que se aprecia na literatura xuvenil ultimamente.

kenyapinedah@gmail.com