El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 06.01.2019 
A- A+

Os conflictos adolescentes: unha mirada multicultural

TEXTO: Ánxela Gracián

Helena Villar Janeiro pertence a esa xeración de mulleres que botaron a andar unha literatura para os máis novos naqueles difíciles anos 80, cando case todo estaba por facer. Consagrada no sistema infantil, sorpréndenos nesta ocasión cun conxunto de catro relatos, titulado Amor por catro, destinado ao público adolescente nos que aborda os compromisos de familia e as súas tiranías, as vidas establecidas de antemán e as súas servidumes, os prexuízos, as prohibicións, os medos, a falta de comprensión por parte dos adultos, as viaxes iniciáticas e a busca do sentido da existencia, así como as amizades desinteresadas, froito dunha verdadeira entrega que enriquece porque segue os ditados do corazón.

A primeira historia, A moza de Jamaa Al Fna, ambientada en Marraquech, aborda o conflito amoroso do seu protagonista, Iamal, un rapaz árabe namorado dunha misteriosa moza bérber, tatuada cuns debuxos que evidencian a súa condición de escrava, e obrigado a aceptar o casamento amañado que seus pais teñen preparado para el. Na segunda historia, Os ollos de Galahaz, unha panda emprende unha viaxe iniciática polo tramo galego do Camiño de Santiago Francés. Na súa visita á ermida do Cebreiro, onde lerán os versos de Cabanillas, a súa protagonista, Alicia, coñece un mozo bretón no que cre recoñecer o Galahaz da corte do Rei Arturo, inmortalizado nos versos do poeta cambadés. Fronte a fronte, nunha paisaxe que é abeiro, ambos falan de si mesmos e dos seus desexos ao tempo que entre eles nace a amizade, o amor e as promesas. O relato supón tamén unha lectura das relacións entre os adolescentes, alicerce básico da súa reafirmación do mundo.

Na terceira historia, Do diario de Chus, cóntase en primeira persoa, mediante a fórmula do diario, as relacións familiares, os soños, as reflexións, as inquedanzas, os medos, a crise de independencia da súa protagonista durante unhas vacacións de Nadal. A última historia, "Unha tenda benéfica", amosa a relación de amizade que se tece entre a adolescente Loxa e un ancián que está só no mundo e que a acaba "adoptando" como sobriña, logo de ela lle explicar as razóns polas que se decide a montar unha tenda benéfica e desprenderse dos seus obxectos máis queridos. Catro historias protagonizadas por adolescentes que amosan a súa capacidade para aprender, superarse, atopar o seu lugar no mundo e abrir o seu corazón á amizade e ao amor porque non están tratados como figuras planas senón redondas, cheas de reviravoltas e de densidade humana, escritas cun discurso narrativo ben construído, ateigado desa forza expresiva que outorga toda selección léxica de celme xenuinamente galego.

anxelarodriguez@hotmail.com

 

 

Unha antoloxía: Xoán Neira

Texto: Marta Neira
USC/CRPIH

Sempre son moi ben recibidas as antoloxías de calquera xénero pois favorecen o labor do mediador, sobre todo docente, para atraer á lectura a partir de varias formas e temas, como é o caso de Gaiola aberta (escolma de poesía infantil 1997-2017), de Xoán Neira (Meilán-Lugo, 1953). Unha antoloxía realizada por Armando Requeixo, que nunha magnífica introdución dá conta da obra de Xoán Neira, penetra no seu quefacer poético e explica o por que da elección do mediocento de composicións que se reproducen. Unha antoloxía que homenaxea a Manuel María e a súa poética e que parte da transmisión oral, seguindo os trazos de poesía é xogo, conto, música, para achegarse, nalgúns poemas, ás fórmulas poéticas do que se considera poesía e máxia, como se pode seguir polas composicións antologadas, sacadas de Recreos (1997), Xiz de cor (2004), Farrapos de nube (2007), No cubil do Lúa (2009), Un niño no xardín (2012), Chafarís (2017).

marta.neira@usc.es

 

Para inculcar o amor pola poesía na infancia

TEXTO: BLANCA-ANA ROIG USC/CRPIH

 

Recén saída do forno editorial, acábase de presentar nos 24os Encontros Luso-Galaicos do Livro Infantil e Juvenil, celebrados en Porto do 13 ao 15 de decembro, unha monografía que analiza a poesía infantil coa finalidade de salientar a importancia de achegar o fenómeno poético á infancia para desenvolver a educación literaria, froito das reflexións levadas a cabo por un grupo de investigadores na anterior edición destes Encontros.

O volume, titulado Primeiros Leitores. Primeiros Poemas, coordinado polas profesoras Ana Cristina Macedo, Marta Neira e Sara Reis, acolle doce estudos variados que presentan as potencialidades estéticas, lúdicas e formativas deste xénero literario e que afondan nas súas características, en diferentes modalidades e formatos editoriais, na mediación e promoción, en certos escritores e coleccións e na presenza na escola. Unha obra fundamental para a formación de mediadores entre o libro e a nenez.

blanca.roig@usc.es

 

Cando Literatura e Arte se unen na Educación

TEXTO: CARMEN FERREIRA UDC/ELOS-ANILIJ

Hércules de Ediciones acaba de publicar na colección Bibliodidáctica a monografía De letras e de imaxes nas aulas de Primaria, coordinada por Mar Fernández-Vázquez. O volume en dúas seccións, denominadas Educación Literaria e Educación Artística, acolle catorce traballos heteroxéneos, realizados por investigadores vinculados ao grupo LITER21 e o ICE da Universidade de Santiago de Compostela.

Estes estudos poñen en valor a Literatura Infantil e Xuvenil como recurso para traballar na Educación Primaria e fomentar o hábito lector, analizando tanto a lectura textual como a visual. Así reparan en aspectos como a formación do profesorado, as competencias e a lectoescritura, as reescrituras literaria e fílmica, a reflexión sobre ética e estética, a educación inclusiva, a creatividade; e nas posibilidades didácticas da fraseoloxía, dos Cadernos de Cidade, do Libro de artista, dos cadernos de viaxe e do Kamishibai. verinesa@yahoo.es

 

Ferramentas contra o inconformismo

TEXTO: RAQUEL SENRA ELOS

Cinco personaxes nunha páxina en branco. Ninguén sabe que pasa, todos expresan as súas sensacións e deciden agardar ata que un, que está aburrido, marcha a un curruncho da páxina en branco e comeza a crear un novo universo cos seus lapis de cores... Unha historia, publicado por Kalandraka na colección Demademora, é un álbum ilustrado que promove a imaxinación e o poder que teñen as nosas actuacións á hora de mudar o curso da nosa vida e a dos que nos rodean. Presenta dous tipos de personalidades: unha activa, que busca cambiar e ser unha peza importante na súa vida creando situacións marabillosas, e outra pasiva que se limita a agardar a que algo marabilloso aconteza.

Marianna Coppo (Roma, 1990) estudou ilustración en Milán, é autora de varios libros infantís e promove un selo editorial chamado Tentacoli. Nesta historia comparte a autoría do texto e das ilustracións, que son a base da historia, pois a presenza de texto é mínima. A textura de cores pastel e os trazos marcados, así como as formas sinxelas e planas son moi expresivas. O estilo destas imaxes podería clasificarse dentro do movemento naíf.

O texto ten unha parte narrativa que nos introduce na páxina en branco e interactúa cos personaxes. A outra parte é un diálogo que nos remite ao cómic mediante o emprego dunha especie de globos simplificados. A tradución dinámica e moi ben traída ao galego desde a versión orixinal en italiano correu da man de Xosé Ballesteros (Vigo, 1956), escritor, tradutor e actual director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editores. Unha reflexión sobre a importancia de frear o medo ao que non coñecemos, de acabar coa pasividade na toma de decisións ou co conformismo perante certas situacións. Porque na vida todo (ou case todo) é cuestión de actitude, non si? raquel.senfer@gmail.com