El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU   | 03.02.2019 
A- A+

Unha verdadeira riada de imaxinación

TEXTO: GIULIA VEZZARO

A porta dourada (2018) é o terceiro libro que o escritor Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) dedica á Literatura Infantil e Xuvenil e conta con todas as características para chegar a ser considerado unha das obras máis logradas do pasado ano. Edicións Xerais de Galicia recupera este título na colección "Sopa de Libros", dirixido ao lectorado de 10 anos en diante, que fora publicado por primeira vez na colección infantil e xuvenil de Sotelo Blanco Edicións no ano 1998 con ilustracións de Xulia Barros (Lamas de Zamora, 1968).

Tina, unha pequena pero valente filósofa, é a protagonista da historia que hoxe nos interesa. Unha noite decide ir ao río sen que os seus pais se decaten co obxectivo de convencer os peixes para que volvan formar parte da vida dos seres humanos, logrando así devolverlle ao seu pai a ilusión de ser pescador. Na baixada ao río a nena cae, golpeando a cabeza e, a partir dese momento, a realidade e a imaxinación mestúranse nunha única pero significativa aventura na que se cruza con todos os protagonistas dos contos que lle contaba seu pai: a Serea Saudosa, os perdidos fotógrafos franceses e os peixes que habitan o río e que lle piden superar tres complicadas e perigosas probas para facer realidade os seus desexos, ao igual que acontece nos contos marabillosos coas heroínas.

O compromiso da pequena protagonista cos seus obxectivos é, sen lugar a dúbidas, un dos aspectos máis sobresaíntes da novela que ensina á infancia que sempre hai que loitar pola nosa felicidade e pola das persoas que nos importan. Ademais, merece a pena destacar tamén a importancia que o autor lle da á tradición da literatura oral, concretamente aos contos, e ao idioma pois, a través da invención do galego mollado, demostra que a linguaxe non é algo estático, senón que é un recurso máis para xogar e inventar con ela.

Nesta edición os debuxos do ilustrador Pablo Rosendo (Vigo, 1984) danlle vida á historia cunhas viñetas intensas e rechamantes que non se limitan a ilustrar as pasaxes máis importantes da narración, senón que tamén reflicten a expresividade e a fisionomía dos personaxes, atrapándonos atrapan nun fermoso remuíño feito de cores e letras.

 

Un novo número de AILIJ

TEXTO: MARTA NEIRA USC/CRPIH

A Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) acaba de sacar do prelo o número 16 do seu Anuario de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (AILIJ). Co obxectivo de difundir a investigación sobre LIX, acolle achegas (artigos e recensións de monografías) sobre didáctica, educación, tradución, teoría literaria, edición, medios audiovisuais, novas tecnoloxías, ilustración, historia, autores... Neste novo número ofrece nove interesantes traballos interdisciplinares con perspectivas teóricas e metodolóxicas distintas, que se achegan a campos científicos diversos, primando o achegamento ao formato álbum, a análise da recepción literaria, a alfabetización múltiple na aprendizaxe de linguas, a presenza da temática da morte, as novelas de internados femininos na LIX de posguerra, a intertextualidade, a tradución e adaptación do terror e a caracterización do libro pull-the-tab.

marta.neira@usc.es

 

Recoñecemento á Banda Deseñada galega

TEXTO: BLANCA ANA-ROIG USC/CRPIH

É unha boa nova a publicación da monografía Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), de Xulio Carballo que Edicións Xerais de Galicia acaba de publicar na serie "Estudos Literarios" da colección "Universitaria" e que rende tributo a todos aqueles artistas galegos do alborexar da banda deseñada nos anos 70 que promoveron diferentes actividades encamiñadas a dar a coñecer esta arte, como a formación de grupos artísticos, a realización das primeiras exposicións ou a creación de revistas.

A obra ofrece ao público os resultados das investigacións realizadas polo autor na súa tese de doutoramento Para unha historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico textual (UDC, 2015). Trátase dun percorrido histórico polos inicios da banda deseñada galega e en galego, caracterizado pola autenticidade, experimentación e vangardismo dunha nómina de creadores referentes indispensables.

blanca.roig@usc.es

 

Facendo lectores dende o berce

TEXTO: CARMEN FERREIRA UDC/ELOS-ANILIJ

Kalandraka Editora acrecenta a súa colección de "Acartonados prelectores", dirixida á nenez que aínda non sabe ler e se achega ao obxecto libro por primeira vez, con dúas novas obras da autoría de Nadia Budde: Un, dous, tres, que ves?, recoñecido cos Premios de Literatura Infantil e Xuvenil de Alemaña e Oldenburg no ano 2000, e Un, dous, tres, vampiro ti es.

Dúas divertidas e atractivas historias nas que con pouco texto e moita imaxe, aproveitándose de recursos moi acaídos para a primeira infancia, como a estrutura encadeada, o texto rimado e musical e o ritmo e xogo fonético, amplía o vocabulario e fomenta a comunicación, o xogo e a creatividade nos máis novos. Mentres que en Un, dous, tres, que ves? presenta unha serie de personaxes con moito humor e colorido; en Un, dous, tres, vampiro ti es a galería amplíase con estraños personaxes e animais inquietantes, que proxectan unha ollada tenra e burleira. verinesa@yahoo.es

 

 

Outro inventario ilustrado que acolle dinosauros

TEXTO: SARA REIS DA SILVA UMINHO/ELOS/LIJMI

Inventario Ilustrado de Dinosauros, da autoría de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel, editado por Kalandraka, baixo o selo de Faktoría K de Libros, na liña doutros sete volumes monográficos, dedicados aos animais, insectos, flores, aves, árbores, animais con cola e dos mares, ofrece unha apelativa e fundamentada visión destes seres prehistóricos que tanta investigación e tanta imaxinación teñen motivado. Propoñendo un regreso ou unha redescuberta destes seres, o volume preséntase graficamente moi coidado e reflicte unha profunda preocupación pola comunicación rigorosa da información. É por iso que o deseño da obra ou a forma como se rexistran o texto verbal e o texto visual, a partir dun esquema enumerativo e acumulativo, segue o modelo de comunicación e transmisión do coñecemento científico. Organizado tematicamente, como anuncia o título, o libro non ficcional senón divulgativo, despois dun ilustrativo "Prefacio", propón a descuberta de corenta e seis especies de dinosauros das setecentas xa catalogadas. Así, de forma debidamente sistematizada e con claridade, precisión, rigor e exactitude, preséntanse informacións diversas, como, por exemplo, a especificación da orde e da suborde a que cada dinosauro pertence, en función da estrutura dos seus cadrís, como da familia, ademais doutras referencias, por exemplo, de ámbito anatómico. Os seres xorden visualmente reconstruídos, cientificamente deseñados, a tinta chinesa, e distribúense por tres seccións: Triásico, Xurásico e Cretácico, períodos xeolóxicos tamén brevemente presentados no principio de cada capítulo. Libro informativo de cualidade exemplar, O Inventario Ilustrado de Dinosauros representa, sen dúbida, unha obra que, ademais de posibilitar a ampliación e a consolidación de coñecementos, esperta a curiosidade non só dos lectores máis novos, senón tamén dos máis experimentados. sara_silva@ie.uminho.pt