El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 03.03.2019 
A- A+

Un bálsamo  de versos a converter en trending  topic

TEXTO RAQUEL SENRA ELOS

Páxinas con aspecto de rede social que nos transportan a un escenario dixital como se estivésemos empregando as vías de comunicación máis habituais da actualidade... Un convite a danzar coa poesía que vai dirixido á rapazada, pero que tamén é apto para adultos desavezados... e exercitados... Como acompañamento, un manual de uso para degustar o menú poético que nos vai descubrir... Uns versos cos que aprender a mariñar as emocións que nos avecen, a transformar os estados de refugallo e mesmo a repeler as doses fartas de acrinomia...

Aplicación instantánea vén de gañar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, un galardón que concede a editorial Xerais dende o ano 2006 e que o pasado ano recaeu no autor de títulos como Far-west, Makinaria ou Tundra. Falamos de Carlos Negro, que compaxina o seu labor como escritor coa ensinanza da lingua e literatura galega, ademais de percorrer o noso territorio impartindo obradoiros sobre poesía e animación á lectura. A súa escrita xira principalmente ao redor dos versos e, ademais do citado premio co que Aplicación instantánea saíu á luz, outras das súas coleccións de poemas, como Cultivos transxénicos ou Penúltimas tendencias, tamén foron laureadas en certames como o I Premio de poesía Victoriano Taibo e o VII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu, respectivamente. Un autor que xoga coa linguaxe e a riqueza das palabras, que emprega a forza xusta da sintaxe para provocar a reflexión e que tende a man para falar das emocións.

Carlos Serra deseñou a cuberta do libro e nela percíbese o coidado na composición, moi próxima ao deseño gráfico. O título aparece repartido entre unha mestura de capturas de pantallas das redes sociais e unha pintada sobre un muro da rúa. Unha proposta moi axeitada e que nos dá pistas sobre o que imos atopar no interior.

A química das palabras do escritor lalinense reacciona co sentir da xente moza e con este libro de poemas abre un vieiro para que conecten coa literatura a través da poesía. Mediante catro avatares fala no seu código, mergúllase da realidade pragmática que lles toca vivir, simula as canles nas que navegan e a mensaxe chega directa ao público receptor en forma de post ou stories. Agora, pásalles o facho para que compartan os versos nas redes, os pinten nos muros ou os garden baixo chave nun recanto invisible que ninguén máis coñece...

Lembrade isto... Quen proba o chocolate da súa poesía fica atado a ela por un lazo vermello... Un lazo que puxa da lingua galega, das mulleres, da natureza, da igualdade, das emocións, da poesía...

raquel.senfer@gmail.com

Biblioteca de Pedagoxía Kalandraka

TEXTO RAQUEL SENRA ELOS

A editorial Kalandraka, que hai uns anos iniciou a magnífica colección "Biblioteca de Pedagoxía", que dirixe o catedrático de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela Antón Costa Rico, acaba de publicar un novo título: Carta a unha profesora. Textos da Escola de Barbiana, con epílogo de Carmen Betti e tradución de Carlos Acevedo. Trátase dunha obra que dá pautas e ofrece reflexións para seguir coa renovación pedagóxica que, a pesar dos avances, é tan necesaria. Unida a esta renovación pedagóxica segue a consideración da Literatura Infantil e Xuvenil non como un instrumento, senón como "Literatura con Maiúsculas", como ben pedía o reclamado e chorado Pedro Cerrillo e reclama desde as nosas aulas a tamén catedrática Blanca Roig, para quen a dependencia da Literatura Infantil e Xuvenil non a empece, senón que a converte en peza clave do futuro lector, do lector competente. marta.neira@usc.es

 

Día das Letras Galegas. António Fraguas

TEXTO LAURA CAAMAÑO CRPIH

Xa comezan a se publicar obras, artigos, comentarios sobre o gran intelectual Antonio Fraguas (Cotbade, 1905-Santiago de Compostela, 1999), homenaxeado este ano co día e ano das Letras galegas. Desde esta páxina interésanos salientar a publicación de Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo (Xerais, 2019), unha biografía de Héctor Cajaraville, quen co seu excelente facer literario fai un percorrido pola vida deste gran persoeiro da cultura galega do século pasado, un home que viviu e sufriu de cheo as luces e sombras dese século apaixonante que terá que ser moi estudiado para observar os grandes cambios culturais que ofreceu.

Nesta obra destácase sobre todo o oficio de mestre desempeñado por Antonio Fraguas, o seu carácter afable e a xenerosidade coa que compartiu o seu vivir e saber con todos os que o rodearon e que deu como resultado un gran monllo de traballos que debemos revisar e recuperar.

 

O rol da muller na literatura de transmisión oral

CARMEN FERREIRA UDC/ELOS-ANILIJ

Benvidas as Actas das XI xornadas da Literatura Oral que acaban de se publicar na revista Escrita contemporánea, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Se sempre é de interese visibilizar o traballo das mulleres, oculto durante séculos, máis o é desde a literatura de transmisión oral, dado que é a cerna de toda literatura e mais da Literatura Infantil e Xuvenil, que bebe do Cancioneiro Infantil coas cantigas de berce e todas as cantigas que socializan aos máis pequenos, desde onde se van marcado mitos, prototipos e símbolos, entre os que a consideración da muller ten un papel fundamental. Co subtítulo O rol da muller na literatura de tradición oral, faise unha reflexión crítica sobre o papel que se lle deu á muller na cultura popular, abordando cuestións como a súa imaxe arquetípica na contística, a presenza no refraneiro, a demonización das meigas, entre outras propostas.

verinesa@yahoo.es

Berta Mir alcanza a madureza

MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ ELOS, LITER21/LIJMI-USC 

A xuventude precisa moitas veces dalgún feito inesperado ou dun conflito por resolver para rachar coa súa trazada rutina e conseguir así demostrar a si mesma que as opinións dos seus achegados non só froito da súa proximidade e do seu agarimo.

Berta Mir, nesta novela xuvenil, detectivesca e de formación de Jordi Sierra i Fabra (Barcelona, 1947), móstrase como unha protagonista afouta, independente, reservada e crítica coa contorna. O caso do falso accidente (Editorial Galaxia, 2018, trad. Xesús Domínguez Dono) abre en 2010 a pentaloxía Berta Mir detective publicada en castelán na Editorial Siruela.

Presenta un final aberto en varios dos planos do discurso, caso do elo de Berta coa avoa paterna, o futuro da axencia de detectives do pai, as amizades e os amores de Berta, o seu grupo musical, a evolución médica do pai e a nula relación de Berta con súa nai e a complicidade co inspector Alfredo Sanllehí entre outros. Estes aspectos tan ben elixidos por Sierra i Fabra vanse matizando e desentrañando nas seguintes catro entregas na citada Editorial Siruela, aínda sen transvasar ao galego: El caso del loro que hablaba demasiado (2011), El caso del chantajista pelirrojo (2012), El caso del martillo blanco (2013) e El caso del asesino invisible (2014).

A estreita relación de Berta co seu pai Cristóbal reflíctese na actitude decidida desta cando seu pai ingresa, en estado grave, por un "falso accidente" de coche. Entón Berta encomeza a repartir os seus días entre a rebusca nos arquivos de tres casos abertos nos que traballaba seu pai e a estadía no hospital co pai. Grazas á súa perseveranza, Cristóbal logra comunicarse con ela movendo os dedos para axudala nas súas investigacións. Pouco e pouco Berta colle as rendas da súa vida adulta e racha co "medo, a soidade, a impotencia".

margramanet2004@yahoo.es