El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 05.05.2019 
A- A+

Unha forma libre de ensinarlles principios ás cativas

Texto: Mar Fernández Vázquez
ELOS-GALICIA, LITER21/LIJMI-USC

Na actualidade están xa bastante asimilados na sociedade e sen prexulgalos distintos tipos de familia mais só aqueles que encaixen nunhas normas non escritas mais tacitamente aceptadas como normais á vista da maioría da sociedade. Pola contra, as demais tipoloxías de familias loitan día a día por non seren prexulgadas antes de coñecelas.

A familia protagonista do relato preadolescente As peripecias de Extravaganzza Pérez (Xerais, 2018), de Ledicia Costas (Vigo, 1979), é un caso singular de familia. En Vila Soño, nunha casa zoolóxico alcumada Casa Pavo polos veciños, viven os investigadores Cocó Pérez e Sebastián Pérez e a súa filla, quen chegou ao mundo coa rareza de levar lentes. No Ano do Pelícano arrinca a aventura emprendida por esta familia tras a marcha inicial dos pais para unha longa tempada e a posterior viaxe da filla na procura deles. A intelixente Extravaganzza entende que marchen sen ela e mesmo lles espeta: "O soño de calquera nena de once anos é quedar soa na casa e poder facer o que lle pete. Iso si, volvede" (p. 25). A nai lémbralle que se, despois de dúas semanas, non recibiu novas deles, debe abrir cunha chave dourada unha caixa que lle deixan en custodia.

A marcha dos pais representa o detonante do nudo da trama e o punto de inflexión do proceso de madureza da filla protagonista. Os primeiros días, Extravaganzza é "a nena máis envexada da escola" (p. 33) porque chega montada en Flamengo e viste a roupa que lle peta, mais debe disimular e inventar anécdotas para que ninguén sospeite que vive soa. Logo dunha semana sen novas dos pais, Extravaganzza non atura máis coa súa curiosidade; abre a caixa e toma a decisión de viaxar nun globo flamengostático cara á Illa das Esculturas.

Desde ese momento Ledicia Costas aposta pola intelixencia da filla para sortear os atrancos xurdidos na viaxe e relega os pais a un segundo termo aínda que actúan como vixías e protectores na sombra para permitir que Extravaganzza desenvolva as súas capacidades de autoestima, responsabilidade, respecto polo medio, compañeirismo e diálogo cos benefactores animais que coñece en Nocturnia, Océano Verdura, Ilusión Ártica, Selvática e Selvática Profunda, antes da meta da Illa das Esculturas.

En suma, os logros deste relato de formación son a valoración da tradición e os costumes identitarios, a relevancia da palabra e sobre todo a liberdade de elección e a xustiza poética para as persoas que fan uso da empatía.

margramanet2004@yahoo.es

Un cómic de acción sobre Antón Fraguas

Texto: Marta Neira
USC/CRPIH

Lela Ediciones homenaxea a Antón Fraguas con A detective Peregrina e o insólito caso Antón Fraguas (2019). Unha obra construida a modo de cómic. Nela os seus dous intrépidos protagonistas, Roque e Peregrina, admiradores das cancións da transmisión oral e outros elementos da tradición, sorpréndense e investigan o labor do homenaxeado no Ano e Día das letras Galegas. Detéñense no contido do Cancioneiro de Cotobade, onde Fraguas recolle composicións líricas do seu berce. Pero, seguindo coas tradicións, tamén recordan traballos seus sobre o Entroido. Unha obra breve que tamén percorre aspectos da vida e obra do homenaxeado, sobre todo aqueles que o identifican máis coa conservación, transmisión e preservación do propio, da identidade do pobo galego. Apóiase a narración textual de Enrique Mauricio nas coloridas ilustracións do debuxante Carlos Taboada que guian a narración e responden ao facer dos cómics. marta.neira@usc.es

 

Novas achegas de Hércules Edicións

Laura Caamaño
CRPIH

Sempre son benvidas obras de calidade doutros países dirixidas a facer lectores. Recentemente Hércules de Ediciones, na súa aposta pola Literatura Infantil e Xuvenil, publicou tres achegas que están a ser moi ben recibidas polo lectorado.

É o caso das traducións, dentro da colección "Novas lecturas de Hércules": Conto da travesía das Musas, un fermoso relato sobre a aventura e o desexo de liberdade, os afectos e os recordos do considerado xa clásico contemporáneo desde o país veciño, Portugal, João Pedro Mésseder con tradución de Anxo Tarrío e ilustrado por Raquel Senra; Filippa&Compañía. Piano á fuga, da escritora Juha Virta e da ilustradora Marika Maijala, unha obra chea de humor e situacións disparatadas que formou parte de The White Ravens 2016; e Morriña, da ilustradora arxentina Paula Ventimiglia, un álbum visual sen texto que indaga sobre a soidade provocada polo abandono forzado da terra.

lau_kilmas@hotmail.com

 

Clásicos básicos do álbum: Leo Lionni

A editorial Kalandraka segue a enriquecer a Literatura Infantil e Xuvenil en galego coa tradución de autores clásicos do álbum infantil. Nestes primeiros meses do 2019 publicou Cornelio do recoñecido Leo Lionni (Amsterdam, 1910-Toscana, 1999), unha obra que salienta o valor da diferenza, a perseverancia e o respecto por medio do crocodilo protagonista quen aprende das habilidades doutras especies.

Lionni é autor do recoñecido Little blue and little yellow (1959), un dos álbumes referentes a nivel universal, xa que entusiasma ao lectorado novo e menos novo; ao que lle seguen un bo feixe de obras, das que podemos ler en galego: Cores e Números en "Acartonados" para prelectorado e Paso a paso, Pequeno azul e pequeno amarelo, Nadarín, A casa máis grande do mundo, Álex e o rato de corda, O soño de Matías e Frederick, en "Tras os Montes", que invitamos a revisitar pois promoven o gusto pola lectura. verinesa@yahoo.es

 

 

Da igualdade dos seres na diversidade

Texto: Carina Rodrígues
CIEC-UMinho/CLLC-UA

Publicada en 2018, por Kalandraka, Cándido e os outros, con texto de Fran Pintadera e ilustracións de Christian Inaraja, foi a obra vencedora do XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Eloxio á diferenza e á individualidade dos Seres, este belísimo volume diríxese a pequenos e grandes lectores, para probar entre palabras e imaxes como a diversidade humana é tamén a que asemella todo o Individuo aos seus iguaus.

Animado por unha forte poeticidade e un sutil humor, Cándido é presentado como um ser peculiar, que se sente pequeno e incomprendido, que se esforza por entender a complexidade do mundo e encontrar nel o seu lugar. A necesidade de expresarse perante ao Outro e mostrarlle o que sente, en busca da súa comprensión e aceptación, proxéctao a un universo circular que desvela aos ollos do lectorado a súa visión do mundo e a que ten del. Sensible fronte á inseguridade e soidade que experimenta ao sentirse ignorado, o protagonista, que non gusta de protagonismos, mais tampouco quere ser invisible, só busca pasar desapercibido, comparte a súa alma, formulando cuestións para as que sabe que non hai respostas, excepto a que constitúe condición esencial da realización e dignidade humana: o recoñecemento da igualdade na diferenza.

E se este é xa un tópico recorrente na LIX, pola súa relevancia e indispensabilidade, é na complexa simplicidade do relato, capaz de potenciar variadas e profundas reflexións, por exemplo, sobre a identidade e individualidade humana, a diversidade como obstáculo e oportunidade e a liberdade de (auto-)expresión, na que recae a súa orixinalidade. Á (aparente) simplicidade narrativa únese unha linguaxe plástica creativa, apoiada nunha economía de recursos e no uso da metáfora visual, sen esquece os referentes culturais e artísticos e a emblemática personaxe voltairiana, que o título e a descrición do heroe suxiren, ademais das diferentes alusións ao cubismo, pop-art e neoplasticismo, por exemplo. carinamiguel@ua.pt









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...