El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 30.06.2019 
A- A+

Unha novela que visualiza as consecuencias do acoso

ÁNXELA GRACIAN  / USC

Mentres todos escoitamos continuamente noticias sobre o cyberbulling, hai autoras como a filóloga Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) que se achegan ao tema, desde unha perspectiva moi novidosa, a da culpabilidade, na novela xuvenil O que sei do silencio (2018), publicada na colección "Fóra de Xogo" de Edicións Xerais de Galicia e que foi finalista do Premio Raíña Lupa en 2007.

Así, a súa protagonista, a adolescente Delia, inicialmente, cala por medo, facendo do silencio unha covardía. Mais, pasado ese tempo necesario para toda reflexión, necesita desabafar, porque as palabras son instrumentos de poderosa denuncia, e faino abrindo un blog, que precisamente dá canle formal á novela, onde conta como foi testemuña do acoso que sufrira o curso anterior unha compañeira de instituto, a sueca Silke, que se incorporara ás aulas de 3º da ESO coas clases xa empezadas e deseguida comezou a destacar pola súa beleza, intelixencia, independencia e ideas propias.

Estas características causan, primeiro, a antipatía e, logo, a envexa, nun grupiño de mozas (Xulia, Lara e Daniela) que se senten desprazadas e que, por esa razón, a acosan. Primeiro sofre acoso psicolóxico e social, o que supón a exclusión de alguén dun grupo ignorándoo e facendo a vida como se non estivese alí. Logo, é verbal, a través de mensaxes escritas en distintos lugares cotiáns da vítima que a insultan. A continuación, o acoso é vía cibernética, mediante a difusión de imaxes inadecuadas súas tomadas sen o seu consentimento para rematar, finalmente, co acoso sexual, cun intento de violación do que a moza escapa nun acto case suicida.

Esta novela, de estilo realista, inclúe, pola súa vez, outra titulada De cando fun serea da autoría dunha inventada escritora chamada Leaena Hiems, a cal, con ese xogo difícil de novela dentro da novela a modo de matrioska e botando man dunha linguaxe e temática propias dos contos de fadas, establece un paralelismo coa historia principal, no cal a lectura compartida se torna un refuxio de carácter sandador que xera a lucidez e a reflexión en quen a practica. Xa que logo, O que sei do silencio é unha historia moi ben escrita baseada nun suceso real que, sen didactismos nin moralinas, pon de manifesto que no acoso escolar a culpabilidade é de todos os do contorno que viran a cabeza para outro lado ou permanecen impasibles cara a esta lacra da sociedade actual.

palabrasdepan@gmail.com

 

Letras Galegas: roteiro e unidade didáctica

BLANCA ROIG   USC /CRPIH

Hércules de Ediciones sorpréndenos gratamente coa colección "Unidades didácticas das Letras galegas" da que promete unha boa colleita para homenaxear ás personalidades elixidas para celebrar o Día das Letras galegas. Comeza con Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios(2019), unha obra coordinada por Charo Baleiron e realizada por un amplo grupo de autores. Coa intención de axudar os mediadores entre a literatura e a lectura, nesta obra ofrécese unha breve biobibliografía do autor homenaxeado, unha biografía dinámica que se enche cun roteiro vital do autor. Iníciase en Cotobade, berce de Antonio Fraguas, segue por Pontevedra onde realizou estudos, por Santiago de Compostela, etapa universitaria e vital xa que elixe a cidade para vivir e nela faleceu, pasando pola Estrada e Lugo onde foi docente. Remata cunha ampla proposta de actividades para coñecer máis o autor e a xeografía galega. blanca.roig@usc.es

 

Premio EDEBÉ de Literatura Infantil

MARTA NEIRA  USC /CRPIH

Xa está nas xanelas das librerías, da man da editorial Rodeira, a obra que mereceu o primeiro galardón dun premio ben recoñecido como é o EDEBÉ de Literatura Infantil. Trátase de Safari, da tamén recoñecida escritora Maite Carranza (Barcelona, 1958) que xa fora merecedora do premio EDEBÉ en varias ocasións e do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Palabras envenenadas.

En Safari, a autora homenaxea a un dos heroes, mitos, símbolos do imaxinario infantil: os monos, recoñecidos por obras como Tarzán e os monos, de E. R. Burroughs. Unha obra que podemos considerar reinvindicadora de xénero na que, ademais de nos invitar a saber máis dos antepasados do ser humano desde o saber feminino, se lles dá importancia a distintos tipos de linguaxe, pois con todos podemos comunicarnos e aprender a facelo. Unha interesante reflexión sobre todas as barreiras que aínda marcan a sociedade de hoxe.

marta.neira@usc.es

 

Clásicos do álbum: David Mckee

CARMEN FERREIRA UDC/ELOS-ANILIJ

A editorial Kalandraka segue a enriquecer a Literatura Infantil e Xuvenil coa tradución ao galego de autores clásicos do álbum infantil. Desta volta publica Agora non, Bernardo de David McKee (Reino Unido, 1935), unha obra que fala da familia e as relacións que se establecen entre pais e fillos, reivindicando a afectividade e as emocións por medio da historia do neno Bernardo, quen avisa a seus pais da presenza dun monstro que o quere comer e que acaba ocupando o seu lugar, tras ignorar os pais atarefados as advertencias. Unha historia escrita no ano 1980 vixente na actualidade que fai reflexionar sobre a (in)comunicación. Deste autor tan recoñecido a nivel internacional, podemos ler en galego, ademais de Elmer (Xerais, 1997; Vicens Vives, 2012; Kalandraka, 2018), a serie As cores de Elmer, Elmer, outra vez, Elmer e o tempo, O día de Elmer, Os amigos de Elmer, publicada en 1998, e Negros e brancos (2008), grazas a Xerais. verinesa@yahoo.es

 

Deixamos lonxe a terra, levamos a morriña

CARMEN FRANCO  LITER21-USC 

O álbum ilustrado Morriña editado por Hércules Ediciones é unha narrativa exclusivamente visual. A ilustradora arxentina Paula Ventimiglia (Bos Aires) fai unha homenaxe a todas as persoas que, como a súa avoa, tiveron que abandoar os seus fogares e emprender unha viaxe incerta a outro lugar. A narración comeza con imaxes que refiren unha infancia feliz na aldea, infancia que se ve truncada de xeito traumático. Esta ruptura visualízase cunha ilustración na que a nena está rodeada de trazos negros que a ameazan e a intimidan. Despois virá a despedida dolorosa e a viaxe. A vida no país de acollida é moi diferente: vive nunha cidade, hai traballo e diversións, novas amizades, pasan os anos e a obra remata cunha evocación da aldea.

As imaxes desta artista están debuxadas con trazos grosos de cor negra sobre manchas de cor café. A única concesión cromática está reservada á protagonista, que loce a cor vermella nas meixelas, a saia e o pano. Unha lectura visual coidada proporciónanos moita información sobre a temática da emigración. A ilustración da cuberta céntrase na moza que está sentada sobre a maleta con actitude de espera e incerteza, envolvendo o seu corpo cos brazos, coma se pretendese defenderse do descoñecido. Outro código visual de carácter lírico vémolo na pequena imaxe da portada, na que unha maleta está sobre un plano coa forma dunha bágoa; cun deseño moi sinxelo concentra toda a dor que hai detrás do desarraigo, da ausencia e da emigración. A relación que establece co seu mozo queda patente nas miradas que se cruzan, miradas que fan innecesarias as verbas. A ilustradora aproveita as gardas para amosar fotografías simulando o álbum que as familias elaboran cos recordos entrañables dos ausentes. Morriña é, sen dúbida, un relato no que moitos galegos poden sentirse identificados.

carmen.franco@usc.es