El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

ELOS DE LECTURA

Literatura infantil e xuvenil

COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU  | 14.07.2019 
A- A+

A igualdade entre homes e mulleres no mundo eclesiástico

Laura Caamaño / CRPIH

Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973), que iniciou a súa andaina literaria no eido da LIX galega coa súa primeira novela Valdamor (Galaxia, 2001) –gañadora do Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil–, publicou a finais do 2018 O ouro das Lúas (Galaxia, 2018). A novela é unha narración en primeira persoa que combina a técnica do monólogo interior da protagonista co diálogo entre os distintos personaxes. Nela abórdanse diferentes temáticas tales como a desigualdade de xénero, a discriminación, o sometemento ou a supremacía dos sacerdotes.

Ambientada na época medieval, nunha sociedade feudal, destaca a figura dunha rapaza de 15 anos chamada Tide que é elixida pola sacerdotisa Ura para formar parte do seu séquito na súa viaxe ao Templo do Sol Nacente. A sacerdotisa, antes de morrer, encoméndalle unha misión que revelará un importante segredo que fora agochado durante séculos e que cambiará o futuro dos templos femininos. A autora coloca o foco sobre un personaxe adolescente feminino que, a través dunha mirada inxenua, toma consciencia da situación de inferioridade e discriminación que sofren as mulleres no eido eclesiástico.

Durante a peregrinación –que en realidade só era un pretexto– os personaxes deben enfrontarse a diferentes perigos (asaltos, ataques e mesmo catástrofes naturais) ata chegar á cidade de Erel, onde vivía o emperador. Xa no Templo do Sol, o bibliotecario encargado de custodiar a Biblioteca Imperial, informa á sacerdotisa Ura e a Tide da existencia dun pergameo que contén o Libro das orixes no que se demostra a orixe remota das primeiras emperatrices e vén a confirmar a igualdade entre sacerdotisas e sacerdotes. Tralo falecemento da sacerdotisa, Tide é a única muller que pode poñer fin ás desigualdades que durante séculos sufriron as mulleres dos templos. Dada a importancia do achado –que rompería a perpetuidade masculina nos templos– os varóns ao servizo do Templo do Sol tentarán impedir que a protagonista consiga demostrar o que ven recollido no pergameo. Finalmente, coa axuda de Noúr, o seu namorado, consegue cumprir a promesa que lle fixera á súa señora Ura e porá fin á supremacía masculina nos templos de todo o mundo. O ouro das Lúas é un reflexo dos abusos e sometementos que durante séculos sufriron as mulleres pertencentes ao eido eclesiástico simplemente pola súa condición de muller e evidencia a crúa realidade que durante anos tiveron que vivir tralos muros dos templos.
lau_kilmas@hotmail.com

Letras Galegas: Sonárbore

Blanca Roig / USC/CRPIH

Dentro das homenaxes que se lle están a facer a Antonio Fraguas (1905-1999), hoxe salientamos a que realiza a Editorial Galaxia a través da súa colección “sonárbore”, que está sendo moi ben acollida por pequenos e grandes dentro do que se denomina “poesía e música”. Nesta ocasión Xoán Muriel e Nuria Díaz en Canta, miña pedra canta dan voz e ilustran momentos importantes da vida e obra do homenaxeado no Día das Letras galegas. O paratexto titular deste libro-disco fai referencia a unha das cantigas que Fraguas recollera do patrimonio oral e que se xunta a outras recompiladas no Cantigueiro de Cotobade, unha das obras etnográficas máis importantes do autor homenaxeado. Todas as cantigas son musicadas con ritmos da tradición galega e con apostas modernas para chegar a un amplo abano de lectores e oíntes, xa que poden gozar de texto, ilustración e música nun conxunto moi atraente. blanca.roig@usc.es

Premio EDEBE de Literatura. Frankestein 

Marta Neira / USC/CRPIH

Xa está nas xanelas das librerías, da man da editorial Rodeira, a obra que mereceu o primeiro galardón dun premio ben recoñecido como é o Edebé de Literatura Xuvenil: O efecto Frankenstein, de Elia Barceló (Elda, Alicante, 1957) co que de novo volve a recibir este galardón que xa obtivera en 1997 e 2007. Dende Austria a escritora alicantina, a través desta novela, mostra as súas preferencias literarias, con referencias literarias explícitas a moitas obras da Literatura Universal e faino a partir dunha homenaxe explícita a Mary Shelley para celebrar o douscentos aniversario do seu clásico Frankenstein.

Como pasou coa obra gañadora do premio Edebé infantil, reivindícase o papel da muller e a igualdade de xénero a través dun choque entre sociedades ben distintas, como é o caso da do século XVIII e a do século XXI, a través de Nora, unha estudante de medicina que ten que responder ás contradicións do ser humano.
marta.neira@usc.es

Clásicos do álbum: Marcus Pjister

Carmen Ferreira / UDC/ELOS-ANILIJ

Benvido sexa O peixe Arcodavella, un álbum cargado de luminosidade, corido e tacto que a editorial Kalandraka pon nas mans do máis novos, escrito e ilustrado por Marcus Pjister (Berna, 1960), un deseñador gráfico e publicista que comezou a súa traxectoria literaria en 1986 e que publicou en 1992 este álbum, unha magnífica ensamblaxe de texto e ilustración, co que iniciou unha colección de éxito internacional non só a través de libros senón tamén de adaptacións televisivas que o levaron a ser recoñecido con galardóns internacionais. O peixe protagonista, que brilla en alta mar coas súas escamas con todas as cores do arco da vella, é a envexa dos demais peixes, mais por non saber compartir queda só. Para poder ser feliz, grazas á axuda do polbo moi sabio, aprende a agasallar os peixes coas súas escamas de cores, de forma que só lle queda unha. A cambio é feliz ao compartir cos seus compañeiros. verinesa@yahoo.es

Cando a música acompaña a memoria histórica

Giulia Vezzaro / USC

Música no faiado (2018), incluída na colección “Merlín” de Edicións Xerais de Galicia, é a última obra que o escritor Miguel Ángel Alonso Diz (Madrid, 1976) dedicou á Literatura Infantil e Xuvenil, andaina que iniciara en 2012 con O cullarapo Croque. Nesta última entrega o autor, que exerceu a docencia no ámbito do ensino privado e que está comprometido coa cultura galega e co fomento da lingua galega, mediante contacontos e obradoiros de poesía e de escrita, dirixiuse a un público maior, constituído por nenos duns 11 anos e por todos os adultos que queiran acompañalos na lectura. A obra conta a historia de Lucía e Miguel, dous irmáns que, nunha típica tarde galega de choiva, aproveitan a ausencia dos pais e a sesta do avó para deixarse levar pola curiosidade. Guiados por uns ruídos que escoitan na casa da aldea, os nenos suben ao faiado, converténdose en pequenos pero valentes investigadores e descobren moitas verdades sobre o pasado da súa familia e figuras como o bisavó Aquilino, emigrado aos EUA, e mais a avoa Carme e o avó Estevo, emigrados nos anos sesenta a Inglaterra. O que máis destaca desta historia, que abrangue un período de tempo bastante breve, é a capacidade do autor de reflectir a historia de moitos galegos na dunha soa familia, tratando temas como a emigración, a Guerra civil e as súas consecuencias e a importancia de salvagardar a memoria histórica, entre outras cuestións que se poden subliñar, como a represión, o racismo ou a historia da música no século XX. A recorrencia á memoria histórica, por exemplo, permite á familia furgar nunha ferida moi profunda que se cicatrizará so grazas aos nenos que se configuran como un instrumento de esperanza. Os debuxos de Laura Tova acompañan a narración e insírense como se fosen láminas pintadas polos protagonistas para recordar ese día tan especial nas súas vidas.