El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

IN MEMORIAM

Manuel Suárez Silva, símbolo da emigración galega en América

PABLO FIGUEROA DORREGO   | 25.11.2018 
A- A+

O 28 de outubro pasado faleceu no Río de Xaneiro Manuel Suárez Silva, persoa que simboliza a emigración galega a América, neste caso ao Brasil, as razóns que a determinaron, así como os valores e os principios que a rexeron.

Manuel Suárez naceu o 12 de agosto de 1935 en Campelo, concello da Baña, na provincia da Coruña e, como tantos outros galegos do seu tempo, tivo a determinación necesaria, non exenta dun dramatismo que cada un xestiona como pode no seu interior, para saír dunha situación de pobreza e falta de horizontes vitais na procura dun futuro mellor ao outro lado do Atlántico, a nosa autopista de América; en concreto, ao Brasil. Chegou cheo de ilusións e de incertezas ao peirao do Río de Xaneiro, na fermosísima baía de Guanabara, no ano 1955.

Coma todos os galegos, Manuel púxose a traballar inmediatamente no primeiro que encontrou, e foi de camareiro nunha puxante industria hostaleira dunha das cidades máis senlleiras do turismo internacional da época. Tras un certo tempo de duros traballos e logo de vencer moitas dificultades, logra participar en diversos negocios deste sector da economía carioca, ata que consegue ser dono do seu propio hotel e chega a se converter nun próspero empresario, respectado e querido.

Manuel levou consigo a bagaxe da nosa cultura e o espírito de solidariedade cos máis necesitados. De feito, participou activamente nas principais institucións asistenciais e culturais españolas no Río de Xaneiro, como a Casa de España, na que se integrou no seu día a Casa de Galicia; O Recreo dos Anciáns, unha modélica institución hoxe dirixida por Regina Jallas e da que Manuel Suárez foi tamén director e a Sociedade Española de Beneficencia, máis coñecida como Hospital Español, unha institución sanitaria creada hai xa máis de cen anos polos emigrantes galegos mediante cédula do emperador Pedro II, que goza dun prestixio ben merecido en toda a cidade e que foi presidida nos últimos anos por Manuel Suárez.

Os anos da súa presidencia no Hospital Español, aínda recentes, foron os máis difíciles para a supervivencia dunha institución sanitaria tan importante para a colectividade española e tamén para a propia cidade. E foi a determinación de Manuel Suárez Silva e o seu compromiso solidario e altruísta, que aboou co seu propio peculio e durante moitos meses a nómina do persoal desta institución, o que fixo posible a súa supervivencia e continuidade. Foron, cónstame, meses de angustia e de incerteza nos que Manuel, que debería estar gozando dos seus netos e da súa folgada posición económica froito dunha vida de sacrificio, preferiu comprometerse, persoal e economicamente, de maneira decidida e serena, con solidariedade tanto co seu pobo de orixe, Galicia, coma co seu pobo de acollida, o Brasil. E isto foi unha mostra máis dese hibridismo que tan acertadamente diagnostica e define o profesor Ramón Villares como claro síntoma que amosa, con moito orgullo e honra, todo aquel que, sen dúbida por razón de necesidade, encara decididamente o seu futuro na emigración, na vida noutro país, moi lonxe da súa terra; un país ao que lle dedica, ademais da forza do seu traballo, o mellor dos grandes valores que leva consigo mesmo, como expresión da súa identidade humanista que transplanta ao país de acollida fundíndose con el e sen perdela.

Manuel Suárez era unha desas persoas que transmitían paz e respecto, foi un home bo e xeneroso, coa autoridade que lle outorgaba a súa innata fidalguía humana e o saberse cumpridor consigo mesmo, coa familia e coas súas dúas patrias ben queridas. A súa vida foi un excelente testemuño do espírito de traballo, abnegación, sacrificio, determinación e solidariedade cos máis necesitados e, tamén, dunha integración modélica no país de acollida; testemuño que caracteriza a nosa colectividade emigrante por todo o mundo e que tanto nos honra. Aínda que non a agardaba, a morte colleuno preparado, a súa conciencia estaba en paz, esa era a súa norma de vida.

Foi enterrado no cemiterio de Catumbi, en pleno corazón do Río, e como agradecemento a esa marabillosa cidade que tanto lle deu, a esa "terra dourada, idolatrada, Patria amada, Brasil!".

Coas nosas máis sentidas condolencias para a súa dona, Lucía María Otero, para as súas fillas, Carla e Flavia, e para toda a colectividade galega do Río de Xaneiro, quede aquí esta pequena mostra do noso recoñecemento máis sincero.

Descanse en paz.

EXCONSELLEIRO DE EMPREGO  E SEGURIDADE SOCIAL  DA EMBAIXADA DE ESPAÑA NO BRASIL