El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Miguel Barrera, gañador do XLV Certame Literario de Vilalba

"O meu libro é unha homenaxe aos poetas da Terra Chá"

O poeta Miguel Barrera resultou gañador do XLV Certame Literario de Vilalba, coa obra 'Poema da rúa das aves' (Capitulo II: Agora). A tráxica historia de Gata Non-Nata e como as Aves da Porta de Cima coidaron dos seus gatiños. O traballo foi presentado baixo o lema 'Como pequenos estandartes'. O galardón está dotado con sete mil euros, diploma e flor natural, e será entregado o vindeiro 30 de agosto na capital chairega.

Miguel Barrera
Miguel Barrera

MONCHO PAZ / PERIODISTA   | 25.08.2019 
A- A+

O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo integrado por expertos no eido literario: Darío Villanueva Prieto, membro da Real Academia Española; Ramón Villares Paz, catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela; Fidel Fernán Vello, xornalista e director de Radio Principal; e Xulio Xiz Ramil, xornalista e fundador do portal cultural www.galiciadixital.com

A noticia sorprendeu a Barrera en Vilalba, recentemente chegado dende a súa residencia en Torrelaguna (Madrid) para disfrutar duns días de descanso entre amigos e familiares. Nado na nosa vila en 1964 e cunha dilatada traxectoria literaria e profesional, Barrera é autor de diversas publicacións sobre economía social e cultura no xornal El Progreso de Lugo e ten publicado poesía en xornais e revistas literarias, como Xistral e outras.

Conta no seu haber con varios libros de poesía: Loita de silencio (1993), Na árbore do desespero (Derradeiros poemas de Cándida), incluído no primeiro 'Caderno de Estudos Chairegos' no capítulo de Nova Poesía (2002) do Instituto de Estudos Chairegos, e Poemas do Tempo Silenciado (2006), animado polo grupo de poetas afincados en Madrid baixo a denominación de grupo Bilbao, entre os que destacan Vicente Araguas, Manoel Pereira, Xavier Frias e Rafael Yañez Jato principalmente. Ten inédito o libro "Amor Enteiro", que aborda a poesía erótica e diversos textos en prosa. 

 

Barrera é vicepresidente e fundador da asociación Letras de la Sierra Norte en Madrid e ten publicado textos en galego e castelán na revista literaria Cartapacio. Asemade, formou parte do grupo de guionistas do proxecto cinematográfico "Una tela en blanco" e na actualidade é membro da xunta directiva de Amigos de Prisciliano, movemento cultural fundado en París polo escritor Ramón Chao que reivindica a figura do herexe decapitado pola Igrexa católica e a súa influencia na cultura galega.

 

Como acolliches a noticia do premio?

Foi unha casualidade, pois recibín a chamada do xurado poucas horas despois de chegar a Vilalba. É para min unha gran ledicia e un gran orgullo, por ser un premio que ven da miña vila natal, e que conta cunha excelente dotación económica e cun prestixio que vai medrando ano tras ano.

 

Que queda daquel Barrera que unha vez se autodefiniu como 'fillo da contracultura'?

Aínda segue vivo. Cando falamos de contracultura referímonos a un movemento cultural que agora estáse a perfilar como unha das revelacións para as novas xeracións. O que antes era un enfoque de minorías hoxe forma parte do quefacer cotiá. A contracultura viña a diferenciar un novo xeito de ver a vida e tamén visualizaba a idea de universalizar o eido cultural, tan propia dos anos oitenta.

Como evolucionou Miguel Barrera dende Loita de Silencio?

Foi unha reivindicación dos campos, ríos e recantos de Vilalba. Non era soamente un canto á Chaira, senon tamén á visión entre o sentido espido do mundo, onde pretendía interpretar o ar, o vento, as nubes e os intres tormentosos que pode experimentar calquera persoa nun determinado momento.

Anticipáchete no tempo coa denuncia da violencia machista, en A árbore do desespero (1988)...

En efecto, foi unha composición que puxen en boca dunha muller para denunciar a violencia machista, da que tanto se fala agora. Alí describo a anguria das últimas horas da antagonista, cando decide poñer fin á sua vida ao decatarse de que a sociedade protexe ao violento. Afortunadamente, cambiaron moito as cousas nesta lacra nos últimos anos, especialmente no que se refire á sensibilización da sociedade.

E chegaron os Poemas do tempo silenciado, dende o exilio madrileño.

En realidade son unha continuación de Loita de silencio. Forman parte dun período que transcorre en pouco máis dunha década, entre 1993 e 2003. Decateime de que o silencio era unha inxenuidade pola miña banda, ante a forza e a necesidade que tiña de seguir escribindo. O libro ten dúas edicións, unha feita en Madrid e promovida polo grupo Bilbao; e a que saiu meses despois como parte da colección da Biblioteca do Instituto de Estudos Chairegos.

Dende sempre colaboraches con varias publicacións literarias...

Comecei a publicar os meus poemas en A Voz de Vilalba, aló polo ano 1985. E sigo a facelo na actualidade na edición dixital; de feito, os meus poemas máis recentes neste medio teñen que ver con temas de actualidade, como o cambio político na nosa vila e a designación de Ricardo Carvalho Calero como protagonista da vindeira edición das Letras Galegas. Posteriormente, publiquei en varios números da revista Xistral e, no ámbito madrileño, na revista Olga, como continuación do meu labor como membro do grupo Bilbao; e na revista Cartapacio, da Serra Norte de Madrid. Este ano tiven a oportunidade de participar nun recital poético no Ateneo, onde recitaron no seu día Lorca e outros autores de prestixio e onde tamén celebraba Valle-Inclán as súas tertulias literarias. E participei tamén en numerosos libros colectivos.

Tiveches unha fonda influencia dos poetas da Chaira.

Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecino por vez primeira na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural o meu pai. E mantivemos unha relación de amizade dende comezos dos anos noventa, tanto literaria como epistolar. Non podo esquecer tampouco a Agustín Fernández Paz, que unha vez me dixo "Hai que ler un pouco todos os días". E, lóxicamente, a Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, co seu estilo existencial e tremendista. O meu libro premiado e unha homenaxe aos poetas de Vilalba, esta terra pequeniña que ten un fondo extraordinario no corazón. Un acaba por voltar ao territorio íntimo, que no meu caso está cos poetas de Vilalba, coa súa temática, o seu xeito de escribir... Os mortos volven, e da maneira que se achegan a nós, interpretámolos de novo. Coñecinos a fondo a través do libro "Os poetas de Vilalba", de Xulio Xiz.

Que lecturas ocupan actualmente o teu tempo libre?

En concreto, tres. Spoon River Anthology, de Edgar Lee Masters; El último barco, de Domingo Villar; e Sapiens, de Yuval Noah Harari. Tamén ando na relectura dos poemas de Patty Smith e na obra de Marcos Ana (1920-2016), poeta comunista e o preso que máis tempo pasou nos cárceres franquistas, un total de vinte e tres anos.

ENTREVISTA

Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecino por vez primeira na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural o meu pai. E mantivemos unha relación de amizade dende comezos dos anos noventa, tanto literaria como epistolar.