El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Na busca dun sentido á existencia

ÁNXELA GRACIÁN  | 11.08.2019 
A- A+

Segredos no solpor (Xerais, 2018) é un novo título de Iria Misa (Gondomar, 1983), unha interesante escritora da Xeración Google, que xa ten no seu haber moi boas obras como Xa non estou aquí (Xerais, 2016) ou Mamá quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018), nas que, como nesta novela, a escritora busca afondar nos misterios da adolescencia, as súas contradicións eternas e as respostas necesarias para enfrontar a vida, abordando aquí o complicado tema do maltrato de xénero ao tempo que pescuda neses segredos familiares nunca confesados.

A adolescente Mara, filla dos propietarios do acolledor e familiar hotel O Solpor debe enfrontarse á culpabilidade de non saber responder con certeza á entrevista que lle fai a policía respecto do atropelo da moza Lucía, xusto cando ela regresaba de madrugada á casa, tal vez “algo prexudicada” polas típicas copas de máis que tomou, quizais por curar o seu corazón das feridas causadas pola ruptura recente co seu mozo Tucho, algo machote, abondo prepotente, bastante chuleta e moi dado a saírse de control. Fronte a este, está Antón, que representa un modelo masculino ben diferente, pois é asisado, sensible, tímido e doce, e agocha cos seus silencios as tráxicas vivencias de violencia de xénero.

A morte do seu querido tío Paco é o outro dos pólos arredor do cal xira a novela. Coma se os espazos gardasen memoria dos que un día o habitaron, Mara atopa no cuarto do tío vellas e misteriosas cartas de amor e iniciais de nomes escritos un día recuado no tempo que a levan a buscar a dona obxecto deses desvelos, indagando nos vellos segredos da familia, para descubrir que as cousas non eran o que sempre pareceran. Segredos no solpor, cos seus seráns na praia, as súas noites de troula na vila, as resacas e as sombras, é un achegamento á adolescencia en estado puro na busca dun ideal estético e ético ao que aferrarse. palabrasdepan@gmail.com