El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

literatura infantil e xuvenil ·

'A noite das bicicletas', de Teresa González Costa

GIULIA VEZZARO LITER21-USC   | 09.09.2018 
A- A+

A noite das bicicletas (Xerais, 2018), de Teresa González Costa (O Grove, 1975), é, sen lugar a dúbida, un dos libros da Literatura Infantil e Xuvenil máis logrados deste ano 2018. A autora, escritora, guionista de radio e actriz teatral gañou varios premios entre os cales podemos destacar o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Manuel María conseguidos no ano 2008 e, en 2010, o Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa obra A filla do ladrón de bicicletas, precuela da que hoxe nos interesa.

Publicado pola editorial Xerais de Galicia na colección "Merlín", conta a historia dun grupo de saltimbanquis que chegan a unha cidade para entreter á xente da vila. O protagonista é un rapaz que se chama Raymond e ten unha paixón incontrolable que son as bicicletas e as carreiras. Nesta cidade namórase da filla do alcalde, Valentina, e o seu pai, xunto coa nai e o futuro prometido dela, intentan estragar os plans do rapaz que se ve salvado pola súa namorada quen participa na carreira no seu lugar. A historia está narrada por unha das irmás de Raymond que é unha apaixonada dos paxaros.

A obra representa o contraste entre o mundo dos saltimbanquis (a imaxe da simplicidade do día a día, da sinxeleza da vida e da tenrura relacionada á familia, á amizade e ó amor) e o da aristocracia, cuxas únicas preocupacións son as aparencias. Estes dous aspectos crean situacións de humor que, acompañadas por uns diálogos dinámicos, atrapan ao lector e non o deixa indiferente, provocándolle dun lado a risa e, do outro, certo asombro pola capacidade da autora de pintar a nosa sociedade con tanta sinceridade a través da ironía.

Ademais, os estudos da autora, permiten apreciar certa preparación no que se relaciona á cultura italiana (a Commedia dell'Arte), á literatura antiga e ao deporte. Outro tema que sobresae na obra é a importancia dos soños e a forza que algúns teñen para conseguir logralos, cuestión que podemos ver moi ben reflictida nos personaxes de Raymond, Valentina e, en xeral, en toda a familia dos saltimbanquis que nunca tiveron unha vida fácil e, con todo, nos ensinan que se pode ser felices con pouco.

Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971), o ilustrador, non só se ocupa de representar cos seus debuxos o libro, senón que tamén é escritor, pintor e autor de banda deseñada. Coas poucas ilustracións que se inseriron na obra, consegue acompañar dunha maneira moi sinxela pero rechamante os momentos máis importantes desta historia.