El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

PREMIO MOZ@S ARTICULISTAS

Obxectivo Compostela

IAGO VILLANUEVA  | 17.03.2019 
A- A+

Cos ollos xa postos na campaña electoral de maio os partidos políticos fan a súa aposta para tomar a dianteira ao resto…, mais quen será o candidato elixido para presidir o Pazo de Raxoi?
Son moitas e variadas as propostas pensadas e seleccionadas polos partidos, hai tanto conservadores, como progresistas e liberais. Atendendo aos diversos partidos que teñen influencia na comarca santiaguesa hai catro que destacan, ben por votos ou ben por ideas. Estas formacións son En Marea, o Partido Popular, o PSOE e o que chegou ás noticias como un meteorito caído do ceo: Vox.
En Marea, tivo un ascenso inminente cando presentou a súa candidatura. Por que? A xente de toda España estaba farta xa de tanto PP e tanto PSOE, así que cando apareceu esta formación moitas persoas pensaron no cambio. Pero cales foron os resultados? Na miña opinión estes poderíanse catalogar como nefastos: fochancas, eventos para nada agradables entre os cidadáns, concertos nacionalistas no medio do campus nas festas do Apóstolo, un trato indignante para os policías locais… Verdadeiramente é isto o que Compostela precisa? Penso que o seu populismo e cortina de fume chega á súa fin.
Noutro bando sitúase o Partido Popular, un partido de toda a vida que presenta como candidato a Agustín Fernández. Atendendo ao partido penso, que se se basean no modelo que propuxo e utiliza Núnez Feijóo no territorio galego. Podería funcionar ás mil marabillas. Non obstante, o PP non ten moi boa fama en Santiago, e con razón, tan só é necesario mirar para o seu último mandato no que Ángel Currás tivo que dimitir por delitos contra a facenda pública. Por moito que o partido cambie de líderes e de representantes as súas raíces como moitos din continúan estando podres.
Tamén temos o Partido Socialista, un partido clásico que dominou as urnas galegas durante moitos anos. Para este ano optaron por volver a elixir ao seu mellor e máis querido representante: Bugallo, coa súa experiencia e aceptación popular podería ser o candidato ideal. Porén, tras a moción de censura os socialistas non fixeron outra cousa que deteriorar a súa imaxe pactando con golpistas e con batasunos, ou ben utilizando o Falcón para viaxar polo mundo. Poderá a situación nacional entorpecer os resultados locais?
Finalmente, Vox. Un partido que chegou hai nada e subiu a un ritmo estelar, mais estes fascistas, como din algúns; ou defensores de España, como din outros; están listos para gobernar? A resposta non está clara para nada. Segundo a miña opinión teñen algunhas ideas extraordinarias a nivel nacional como aplicar o artigo constitucional 155, controlar as fronteiras ou defender os símbolos nacionais. Pola contra, non lles favorecen ideas como a de botar a 50.000 inmigrantes ou suprimir as comunidades autónomas. Están moi equivocados. Esas medidas son inviables e arrogantes no mundo no que vivimos.
Todos estes partidos políticos e outros, presentaranse ás urnas o vindeiro maio, mais quen será o elixido?

Centro: La Salle / Santiago de Compostela / 1º de bacharelato