El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

premio moz@s articulistas

Peregrinación a Compostela

ALBERTO ROMARÍS CAMPAÑA  | 31.03.2019 
A- A+

Unha busca en Internet descúbrenos que foi nos primeiros anos do século IX cando comezaron as peregrinaxes a Compostela, outros máis prudentes fixan datas un pouco posteriores, en todo caso, choveu moito dende que os primeiros peregrinos chegaron a Santiago.

Os séculos posteriores consolidarán o fenómeno e ata se producirán etapas de certo declive e abandono alá polo século XV. En todo caso, ninguén dubida que a motivación dos peregrinos para acometer tan longa e incómoda viaxe, ademais de perigosa, tiña unha base relixiosa, visitar a presunta tumba do apóstolo Santiago o Maior, sobre todo nun momento no que a relixión estaba tan presente na vida da sociedade.

Nunha etapa histórica na que os desprazamentos das persoas non eran algo moi habitual, un fenómeno como a peregrinación representaba unha fonte riqueza para estas terras, que non eran zonas de paso, senón a meta onde se alcanzaba o obxectivo, e non só pola entrada de cartos que representaba a oportunidade de cubrir as necesidades dos peregrinos senón tamén polas vantaxes que se obtiñan dun intercambio de ideas, de correntes de pensamento, puntos de vista e cultura en xeral que ían e viñan cos viaxeiros.

Pero o tempo corre e chegamos aos tempos presentes: os do lecer, os do turismo, os da globalización. Aquí é onde propoño facer un par de reflexións. A primeira, sería preguntarse cal é a motivación dos peregrinos actuais. Se consultamos a web da Oficina do Peregrino, na sección de estatísticas, a razón maioritaria é a relixioso-cultural e a menos frecuente; “só cultural”. Isto lévanos a unha cuestión importante: estamos a converter a cidade de Santiago nun gran parque temático, nun campo de aventura ou nun centro de “turismo barato”?

O impulso que as autoridades gobernamentais están dando ao fenómeno da peregrinación é moi significativo, hai que recoñecerllo: investimentos importantes en infraestruturas novas, mantemento das existentes, impulso á creación de empresas deservizo ou publicidade…, pero os cartos son de todos os contribuíntes. Esta a­cción queda algo ensombrecida cando se limitan a dar cifras de peregrinos para medir os éxitos logrados. De feitoo ano pasado foron algo máis de 325.000 as persoas que peregrinaron a Santiago. Parecen moitas, pero se comparamos o número co dos que cada ano chegan a Lourdes en Francia, non son máis ca un 5% delas, e xa non digamos fronte á cantidade de xente que peregrina á Meca, con arredor de 13 millóns. Isto merecería un debate máis profundo por parte das autoridades competentes.

A segunda cuestión que deberiamos expor é se esa sobreprotección do Camiño non está a distorsionar a vida cotiá da propia cidade? Porque, queiramos ou non, moita xente asocia peregrinación con turismo e turismo hoxe equivale a falar de fonte de ingresos, unha industria máis. Onde queda a verdadeira rendibilidade das peregrinacións a Compostela?

1º de bachillerato La Salle. Santiago