El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

tribuna libre

Pescadores de lata versus pescadores de tixola

XOSÉ ANTONIO GRELA   | 23.12.2018 
A- A+


Contaba Roma con recoñecementos para os mellores logros militares: a coroa mural, concedida para quen subía primeiro polas escadas ou alcanzaba antes as defensas inimigas; a coroa triunfal, exclusiva dos imperatores e concedida ao xeneral cando entraba triunfante en Roma; a coroa naval, outorgada a quen abordaba primeiro unha nave... porén, a máis valorada pola soldadesca era a coroa obsidional ou gramínea. Supuña o recoñecemento que os soldados daban ao seu xeneral, capaz de salvar a unha lexión enteira, saldar con éxito o sitio dunha cidade, emprazamento ou fortaleza, demostrando a súas capacidades e recibindo o recoñecemento no propio campo de batalla, pois alí se producía o coroamento, coas herbas, flores, trigo entrelazados, que daban mais valor e prestixio a esa coroa que se saíse das mans dun ourive.

A máis alta condecoración militar romana foi concedida só en nove ocasións en toda a historia de Roma. Convido a quen lles interese o tema, a ir da man de Plinio o Vello.

Sirva esta introdución para unha reflexión sobre un debate presente e candente ante a máis que inminente e próxima lei de pesca en Galicia. A polémica entre os pescadores con morte e sen morte. Estes últimos, paladíns da defensa da natureza, partidarios da foto con bico, amos e señores dos ríos en tanto vadean por eles como se fosen as eiras das súas casas, son os mesmos que levan as robalizas para comer e non devolven á auga. Din algúns, que a robaliza non a bican porque ten unha espiña no lombo e será por iso que non se presta a saír con tanto amor na foto.

Nesta controversia semella non haber moito respecto. Din dos pescadores con morte que son do paleolítico, pescadores sen evolucionar, carniceiros exterminadores e mortos de fame, que confunden os ríos coas prazas e supermercados onde se vai mercar o peixe. Segundo o seu argumentario, cada salmónido que non se devolve ao río é un peixe morto que non cumpre o seu ciclo vital, contribuíndose así ao declive do ecosistema fluvial. Dito con esta contundencia, ata parece que xa se deu coa solución.

Todos a comer herba seca e froita! e deixar que os animais cumpran os seus ciclos naturais. Emporiso, máis alá que unha oda ao veganismo ou entrar nunha polémica inútil cos pescadores de concurso, de lata e de fachenda, como así lles chaman os do outro bando (os pescadores con morte ou de tixola), convén facer un bo diagnóstico e unha achega dos puntos en común: probablemente sexa necesaria unha etapa transitoria con tramos de río vedados, cunha redución das cotas de captura, tamén transitoria, cunha regulación dos caudais ecolóxicos das hidráulicas, cun control das EDARES, das recén chegadas especies depredadoras (cormoráns), e da falta de osíxeno nos períodos de estiaxe por mor dun aumento notable de nitratos e fertilizantes, que fan dos leitos e cursos verdadeiros prados de herba.

Hai técnicos que propoñen axudar, mesmo cunha repoboación responsable, con exemplares autóctonos e sempre da mesma cunca. Para os «pescadores de tixola», os «pescadores de lata» non son os mellores e non son quen para obrigar nin impoñer a súa visión da pesca, nin por razóns históricas nin por datos científicos obxectivos, nin tampouco se senten representados polos que conciben a pesca como unha competición.

Segundo eles hai numerosos tramos de río onde non entra unha cana en todo o ano e non aumentan a súa poboación piscícola, asemade dos propios coutos sen morte da Comunidade, onde deberían ferver as troitas neles!, cando son os que menos permisos expiden. Só dende o respecto de dúas visións lexítimas e probablemente con parte de razón por ámbalas dúas, se poden converxer forzas.

Porque algo hai que facer, máis alá dunha recíproca acusación estéril entre a lata e a tixola. Por iso, así como se respecta e aplaude a promoción de concursos e a filosofía da pesca sen morte, así como hai quen goza na procura do éxito e recoñecemento nos certames do gran teatro do mundo, tamén se pide que se entenda o que é unha cota ou tope de capturas, que se pode regular en función da poboación, do ano e do río en cuestión, e que non se estigmatice nin insulte a quen agarda a ser coroado polos seus, coma se dunha coroa gramínea se tratase:

"que boas estaban as troitas, avó!"

PROFESOR DE ENSINO SECUNDARIO