El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Recuperación dun clásico da LIX castelá

MARÍA VIDAL  | 25.11.2018 
A- A+

A editorial Kalandraka publica en galego a obra A árbore dos soños, de Fernando Alonso (Burgos, 1941), doutor en filoloxía Románica pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de escritor e xestor cultural, quen recibiu varios premios relacionados coa literatura, como o Premio Lazarillo e o Premio Mundial de Literatura José Martí. Narrada en prosa poética desde o punto de vista dun escritor falto de inspiración, con certas manías á hora de escribir, o núcleo da historia reside nun suceso que o protagonista le na prensa: a detención dun home polo feito de escribir sobre árbores e paxaros. A raíz deste acontecemento, decide elaborar unha estratexia coa intención de solucionar o que considera unha inxustiza. E o celme desta estratexia consiste en escribir un conxunto de relatos protagonizados por árbores coa intención de pedirlle ao xuíz que o seu compañeiro escritor sexa absolto dos cargos que lle imputan.

Deste xeito, xorden na mente do narrador as ideas e as personaxes, que lle serven de pretexto para falar de si mesmo: unha árbore namorada dunha nena, a árbore do patio dun colexio que ve como prohiben que os nenos gabeen por ela, un semáforo no seu primeiro día de traballo e mais unha cerdeira bonsai que querían ser árbores, unha árbore exótica soñadora procedente de afastadas terras... O autor manifesta tamén as súas conviccións en prol da liberdade de expresión e en contra da censura. E, nun final sorprendente, amósase a importancia que ten a linguaxe na vida humana, e compróbase como un malentendido estimula a creatividade. Acompáñase a edición das fermosas ilustracións de Emilio Urberuaga (1954), quen, entre outras distincións, foi galardoado no 2011 co Premio Nacional de Ilustración pola súa traxectoria artística e tamén coñecido por ilustrar o personaxe de Manolito Gafotas. mariavidal@usal.es