El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

A Rocha Branca e as laranxeiras do arcebispo

Ruínas da Rocha Branca o Rocha de Padrón, un dos castelos máis importantes da Mitra Compostelana
Ruínas da Rocha Branca o Rocha de Padrón, un dos castelos máis importantes da Mitra Compostelana

MANUEL LORENZO BALEIRÓN. PROFESOR Y ESCRITOR   | 29.03.2015 
A- A+

Este foi ano de laranxas. En Iria, que é terra delas, nos albores do século XV, restaurou o arcebispo compostelán Lope de Mendoza o seu castelo da Rocha Branca e engalanou de laranxeiras os patios e corredores na lembranza dos días pasados na súa Sevilla natal. O palacio tiña recubertos de azulexos os chans, os alizares dos apousentos, as soleiras e os antepeitos das fiestras. Azulexos brancos e verdes, de azul cobalto sobre estanníferos esmaltes, que agora sabemos elaborados nos obradoiros valencianos de Manises, figurando zurróns e chapeus de peregrino decorados con vieiras e enmarcados por roleos vexetais. Mágoa que o prelado andaluz, cuxo nome figura inscrito co do apóstolo Santiago en fermosas letras góticas no beiral dos ladrillos vidrados, nos trouxera tamén outras novidades menos d­esexables como a de redactar os documentos do episcopado en castelán.

Como se sabe, a Rocha de Padrón foi derrubada polos Irmandiños a mediados do século XV, xunto con outro cento e medio de fortalezas, dinos o crego Rui Vasques autor da Corónica de Sta. María de Iria, que pola "maa vivenda" dos cabaleiros que as habitaban "que non fazian senon furtar e roubar".

 


Na nosa comarca, as Torres de Oeste, a Torre da Ponte de Padrón ou a propia Rocha Forte de Compostela sufriron as iras da alianza de campesiños, artesáns e burgueses, nunha revolta popular que fixo abanear os alicerces do poder señorial e que ben puido ter cambiado o devir da nosa historia. Sesenta anos despois, o preito entre o arcebispo Tabera e os Fonsecas que o antecederon no episcopado, reclamando aquel a responsabilidade dos danos ocasionados durante os tumultos, é unha fonte de primeira man para o coñecemento dese período histórico e do xacemento que nos ocupa. As descricións das testemuñas interpeladas para que digan e declaren como eran antes os castelos e quen os derrocou, poden dar idea da opulencia e o do luxo no que vivían nobres e prelados naquel tempo agre e miserento para os máis. Pregúntaselle aos veciños nun dos interrogatorios se sabían que a Rocha Branca "era casa fuerte y de plazer y la mas hermosa e deleitosa que abia en todo el Reino [...] e que abía en ella una bara de casa muy alta e muy fremosa con sus sobrados y rico aposiento, tellada, almenada y engalanada con sus casas y barbacanas alderredor y muchas torres, cubos y baluartes y garatas en la çerca todas almenadas y enguirnaladas y labradas de piedra de grano y con sus puertas y conpuertas y ponte lebadizas y dentro y de fuera de la dicha casa abía muchos hedifiçios y aposiento y serbiçio altos y baxos, ricos y fermosos dorados y pintados y ladrillados todo el suelo de azulejos y con sus huertos, naranjales, bosque, fuentes y estanques...".

 


As respostas concordan neses aspectos e apuntan outros que non podemos detallar aquí. Un zapateiro de Padrón di que era a máis "fremosa casa" que en Galicia había. Seica se podían ir collendo as laranxas polos corredores, coma Mercurio naquel xardín primaveral de Botticelli. Asentada sobre un outeiro suave, un altorelo, no dicir do cronista decimonónico Erosa y Fontán, onde estriba as súas derradeiras faldras o monte Meda, o Miranda altivo de Rosalía, a medio camiño entre a igrexa e a aldea da Arretén, todo parece indicar que a fortaleza da Rocha Branca se rodeaba de multitude de dependencias anexas e de casarellos que constituían un verdadeiro núcleo de poboación.

Para abastecer os seus moradores baixaba a auga desde o monte por unha canle de madeira "da altura dunha lanza". Apunta tamén o propio Erosa como ese caudal se aproveitaba para encher o foxo circundante pero, a falta de confirmación, non pasa de ser máis que unha hipótese.

 


A destrución definitiva do edificio aconteceu por volta do ano 1600, segundo disposición ditada pola Real Audiencia de Galicia para impedir que se gorecesen entre as súas ruínas "persoas sospeitosas" e "xentes de mal vivir". Os seus perpiaños empregáronse para erguer algunhas casas da veciña aldea da Arretén.

Unha delas ten tres columnas de boa labra encastadas na fachada e son numerosas as marcas de canteiro nas pedras das vivendas. Xa Castellá Ferrer apuntaba o emprego de vellas epígrafes latinas na Rocha medieval. Palimpsestos. Aras neptunianas que deveñen en pedras xacobeas, maseiras que foron pías bautismais, laudas que son agora mazadoiros. Pura reciclaxe. Antes de que este termo se inventara xa os nosos devanceiros reciclaban, coma aquel personaxe da comedia francesa que non sabía que falaba en prosa.

 


Este pasado outono, un equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago de Compostela, financiado polo Concello de Padrón, levou a cabo o desbroce e clareo do terreo co fin de empezar as escavacións na vindeira primavera. Aproveitamos nós aqueles intres para acudir cos alumnos do IES Macías o Namorado, en visita guiada a cargo do arqueólogo David Fernández Abella, que nos deu cumprida e amena explicación sobre as características do enclave, os pormenores dos traballos que nel se van desenvolver e moi especialmente sobre a importancia de inculcar nos cativos o interese e o respecto polo patrimonio. Nesas estamos. De ser en ocasións un exercicio de anticuarios e diletantes, nestas últimas décadas a nova arqueoloxía busca converterse nunha disciplina viva e multidisciplinar, incardinada no tecido social. Agardamos que os resultados se divulguen convenientemente e axuden a pór en valor o xacemento.

 


Pouco queda á vista do esplendor de outrora. Onde antes florecían as laranxeiras episcopais e se erguían as opulentas dependencias da mitra, defendidas por barbacanas e torreóns inexpugnables, medran agora teimudas as robinias e rebentan os murados baluartes as hedras e os loureiros. Quédannos, iso si, uns cantos topónimos, sobrevivindo á barafunda dos séculos. As palabras duraron máis que as pedras: A Rocha, o promontorio sobre o que se asentaba a extinta fortaleza, e A Barronca, o elevado foxo que a cingue a maneira dun anel xigantesco.

Parcialmente colmatado de sedimentos, impresiona aínda polas súas dimensións. O cualificativo de "branca" está nos libros, pero os veciños non o recoñecen coma seu. Quizais lle veña de que estaba "encalada por de fuera" como se di nunha das declaracións do preito, ou de que a pedra puída, "de gran", dos seus paramentos relucía ao lonxe desde as veigas de Iria coma o castelo branco do duque de Berry nas miniaturas iluminadas do seu libro de horas. Ata non hai moito botábanse no foxo e no breve planalto o millo de gabea e as patacas rambanas, e antes sementábase o centeo. O pan. Dínolo o cóengo visitador Jerónimo Del Hoyo, a principios do século XVII. Nos anos setenta da pasada centuria unha parra de uvas moscateis alterou notablemente a estrutura do xacemento. Aramos sobre os mortos nesta terra e o noso pan ten un sabor de ósos familiares, irmáns (Lorenzo Varela).

 


Deixando á parte as etimoloxías extravagantes e as interpretacións pseudohistóricas que buscan a orixe mítica de Iria no ciclo dos nóstoi ou regresos dos heroes da guerra de Troia (Bisria, Theneo, Teucro, Ilión, a princesa Ilia...), así como a floresta das lendas xacobeas, das que ben é certo que tamén vivimos, a intervención arqueolóxica que se inicia seguro que axudará a confirmar ou desbotar outras moitas interrogantes. Nas sondaxes e catas realizadas na Rocha Branca en 1981 tan só se atoparon vestixios medievais: azulexos, tellas, fragmentos de cantería, os cementos da torre da homenaxe (a bara de casa como se denomina na documentación), apeiros e ferramentas comestas por ferruxes seculares... Tamén se recolleron cunchas de ostras. Eran xente de bo dente ao que se ve. O licenciado Molina falou da abundancia extraordinaria das ostras na ría de Padrón, e non sería cousa de desaproveitalas. Mentres dá boa conta de ducia e media delas, eschousadas, despois de lle espremer unhas pingueiras de limón, acompañándoas cun grolo fresco de albariño, o arcebispo, señor da Terra de Iria e de toda a Terra de Santiago, desde as fiestras do palacio, no devalar da tarde vai contando as cabanas, os soutos e as devesas, as velas dos balandros que coma esas avelaíñas brancas das coles, que tamén son súas, soben e baixan polo Sar...

 


Malia a ausencia actual de achados, parece probable unha previa ocupación castrexa. Os arqueólogos afírmano en función da tipoloxía circular do xacemento. Aprécianse nas imaxes LIDAR a coroa perfecta da Rocha e a media lúa do castro case lindante con ela. Tamén as xentes da Arretén gardaron acordanza dese período na toponimia: O Castro, do lado de riba do complexo, foi campo de xogos dos rapaces da aldea. O traballo de Puente Míguez e Ruibal del Castillo (Gallaecia nº 2,1976) distingue o Castro de Arretén (A Barronca) e o Castro de Iria, a poucos metros del, hoxe nomeado Monte de Dios pola casa do propietario que se ergueu sobre as súas estruturas.

O folclore recolleito é similar ao doutros emprazamentos. No citado artigo fálase dunha mina ou pasadizo subterráneo que ía desde o Palacio do Rei ata a igrexa de Iria e doutra ata o curuto do Meda. Outros dirán que ata o monte Castelo, que tamén castro é. O palacio, por suposto, era de ouro e os artífices de semellante enxeñería foron os mouros, peritos en espeluncas e tesouros. O caso é que non hai unha historia de mouros en Galicia que non teña asociado o seu correspondente xacemento. Indo de boca en boca, coma os bicos, resistiron durante séculos na memoria comunal eses relatos, a xeito de balizas indicadoras que as diferentes xeracións comprenderon que non debiamos esquecer.

As referencias ao primitivo castro Ilión son frecuentes nos códices medievais - case sempre como pano de fondo dos mitos fundacionais que comentamos (Cronicón iriense: "Hyllion castrum"; Corónica de Sta. María de Iria: "Castro de Ilio"...) - e despois en moitos escritores posteriores que, sen dó, se copian uns aos outros: Castellá Ferrer, Felipe de la Gándara, Huerta y Vega, Ceán Bermúdez... A Rocha Branca forma tamén parte da nómina de lugares xacobeos e aínda que hoxe parece existir un certo consenso á hora de identificar o Castro Lupario co Castro de Beca ou Francos, houbo autores que o localizaron aquí.

 


A importancia da Iria romana, que os investigadores consideran coma un asentamento ex novo, sen presenza indíxena anterior, ademais das referencias nos textos clásicos (Iria Flavia en Ptolomeo, Pria, unha das mansións da vía XIX no itinerario de Antonino) ou do Pedrón que o foro iriense lle dedica ao deus Neptuno, aparece confirmada polo achado de todo tipo de materiais no territorio que vai desde Porto en Cesures ata a actual colexiata. É no entorno desta onde se produce unha maior acumulación de vestixios: moedas, lápidas, aras, miliarios, vidros, tégulas, mosaicos, cerámicas, terra sigillata, a escultura votiva do boi Apis, a do león de Pedreda... As escavacións de López Ferreiro a fins do século XIX, as de Chamoso Lamas (1962-1983), ou as actuacións levadas a cabo a partir dos anos 90 que poñen ao descuberto diferentes estruturas urbanísticas (unha rúa empedrada, fogares, forno, pozo,...) abondarían como exemplo.

Queda por comprobar se no enclave que tratamos, a trescentos metros da igrexa, houbo ou non poboamento neste tempo. Nun estudo de Pérez Losada do ano 2002 a Rocha Branca figuraría fóra do perímetro da civitas. Non se descubriron tampouco na campaña de 1981 restos de época romana pero son varios os textos que sitúan nela o suposto capitolio iriense. Castellá Ferrer cualifica Iria de "populosa cidade", cun adxectivo que lle había de gustar a Borges, fala de diferentes moedas de latón e de cobre e de lápidas atopadas no Castelo Illion ("llámase ahora la Rocha", dinos) e ata reproduce a epigrafía dunha da época do emperador Sulpicio Severo na que asegura que estaba enterrado un alférez do mesmo Julio César. Haberá que ver o que deparan as prospeccións a respecto destas e doutras historiografías nebulosas, cando as mans dos arqueólogos a remexer entre os cadullos das leiras vaian desenterrando a luz, pasando as follas dos días e das noites.

 


Sobre o período medieval a documentación é moi abundante. A cita da Historia Compostelana en relación coa dramática morte do bispo Gudesteo, despedazado "con impía crueldade" na Coresma de 1069 nos palacios de Iria cando a cidade era aínda cátedra episcopal ("in dormitorium praeter Ecclesiae parietes", "no dormitorio, fóra das paredes da igrexa") interpretouse sempre con referencia a uns edificios a carón do templo e non tería porque ser así, posto que noutro momento da crónica se alude claramente ao bosque desde o que os traidores acceden ás cámaras do episcopio. Ese bosque está nos testemuños posteriores do preito Tabera, rodeando o palacio afastado da Rocha Branca.

Na mesma Historia Compostelana asegúrase que o bispo Peláez, a fins do século XI, edificou en Iria "palacios espaciosos e magníficos". Como fose, no século XII, nos tempos de Xelmírez, tanto a Rocha coma os pazos de Iria, se os houbo, abandonáronse, pois o arcebispo marchou a vivir aos de Padrón, á beira da igrexa de Santiago. Durante o século XIV, na época convulsa de Berenguel de Landoira son moi abundantes os apuntamentos sobre as dúas Rochas, a Forte de Compostela (a máis grande do reino) e a Branca de Padrón (a máis fermosa) e xa no tempo de Lope de Mendoza é cando se levan a cabo as reformas que comentamos ao empezar estas liñas. Moitos dos seus documentos figuran asinados e selados na Rocha iriense. Os Hechos de D. Berenguel de Landoria e o Tumbo Vermello de Lope de Mendoza renden conta, con outras variadas fontes, das estancias na Rocha dos prelados. Pero quizais o arcebispo que máis vencellado quedou para sempre Iria foi o controvertido Rodrigo de Luna. "Era hombre muy vicioso- dísenos na Silva Palentina de Fernández de Madrid-, y hacía cosas muy feas y deshonestas, y entre otras hizo una harto escandalosa, que estando una donzella noble y muy hermosa el día de su boda en el tálamo, antes de la noche, el señor arzobispo parecióle que era bien celebrar él las bodas antes que el marido y vino allí a la casa con gente armada, y públicamente lleuó a la novia a su casa, donde la tuuo algunas noches sin quererla tornar a su marido". Estando na Rocha Branca no verán de 1460, cun numerosísimo exército disposto para lle recuperar Compostela ao conde Trastámara, apareceu morto de noite en circunstancias que nunca se aclararon, vítima quizais dun "tósigo" administrado entre os manxares e os caldos xenerosos que habían regar a derradeira cea. «Anno Domini MCCCCLX o primeiro dia de julio falesceu o arçobispo don Rodrigo de luna en dia martes", recóllese no Tumbo Vello de Aniversarios.

A precisión sobre o día da semana dálle ao magnicidio unha certa cotidianidade. O corpo foi sepultado nas gradicelas do altar da igrexa de Iria baixo o arcosolio do lado do evanxeo nun fermoso sartego gótico. Enfronte, na epístola, sobre a tampa do xacigo do Bispo Santo déronlle voltas a Rosalía sendo nena para curala do mal do aire. Nunha secreta cámara do palacio, "sotilmente obrado", da Rocha de Padrón erguéronse outros altos sepulcros gardados por lebreiros de pedra cos que non poderán dar as mans dos arqueólogos: os dos leais amadores Ardanlier e Liesa, protagonistas do Siervo libre de Amor, a novela do doncel Rodríguez del Padrón ou de la Cámara, a quen Menéndez Pelayo e outros autores fan nacer alí. Despois de tan nutrida concorrencia e ata agora, o outeiro descansou durante séculos. Tamén a terra precisa o seu repouso.

 


No seu documentado volume sobre os camiños medievais, Elisa Ferreira Priegue aventura a existencia dun ramal que desde Cesures chegaba ata Iria pola Matanza, pasando ao pé da Rocha Branca. Desde as pegadas de Laetoli na sabana africana seguimos a pisar por camiños xa andados e acaso o vieiro veciñal de hoxe foi calzada romana antes de ser verea no medievo. Descríbeo Murguía como "agreste e solitario".

Non o é agora. Rosalía debeu a miúdo percorrelo para achegarse ata a casa materna, sobre todo naqueles primeiros anos en Padrón. Ao pór do sol, o camiñante que sobe desde a colexiata cara a aldea da Arretén, despois de deixar atrás as latas dunha vella corredoira murada, hai veces que escoita no cerro do bosque de robinias un balbordo de xentes doutro tempo, de sombras indecisas que, coma nós, non saben que están mortas. E percibe no ar un arrecendo, suave, coma se viñese de moi lonxe, de laranxas antigas.