Miércoles 23.10.2019 Actualizado 20:47
Google    

El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

‘Singamia 1.1’. Lectura crítica e descarnada do presente

ISABEL MOCIÑO  | 11.08.2019 
A- A+

Recomendar obras literarias de interese para o público xuvenil non sempre resulta doado, sobre todo cando se entende a literatura non só como divertimento, senón sobre todo como instrumento crítico e reflexivo que non deixa indiferente ao lector/a. Estas lecturas nas que se produce tal simbiose de emoción e reflexión logran a implicación e transformación de quen a elas se achega.

Isto é o que consegue Ramón Caride na súa última entrega, Singamia 1.1 (Queridas máquinas) (Xerais, 2019), un conxunto de relatos que vén completar a triloxía iniciada en 2011 con Exogamia 0.3 e continuada en 2013 con Endogamia 0.2 na colección “Fóra de Xogo”. Os tres volumes forman a serie “Aktual”, caracterizada pola visión descarnada dos efectos da globalización, do dominio das novas tecnoloxías, das inxustizas sociais, das agresións ao medio natural e da deshumanización que prima nas relacións de poder dunha sociedade líquida e cambiante, retratada neste monllo de excelentes relatos.

O conxunto de textos conforma unha visión caleidoscópica do presente e do futuro, na que Caride demostra, unha vez máis, a súa mestría no dominio do texto curto, da tensión narrativa, da trama ben artellada e, sobre todo, dunha enorme capacidade de análise en clave macroestrutural. Con cada relato expón o lectorado aos perigos que entraña o emprego interesado, cando non perverso, dos avances científicos e tecnolóxicos; descóbrelle as zonas de sombra, as múltiples dimensións invisibilizadas e silenciadas dos riscos que entrañan para garantir os beneficios do poder establecido, á vez que lle pon cara ás vítimas humanizándoas.

Singamia 1.1 está formado polos relatos “Procurar&Anular”, “Financiar os instintos”, “O ceio dos pretos”, “Carnívora”, “Tempo comprimido” e “MINP, meu amigo”. Co significativo subtítulo Queridas máquinas, recréanse universos dominados polos aparellos, dende os drons que serven para eliminar obxectivos humanos, pasando por máquinas para clonacións e xestacións, ata aquelas que manipulan a percepción das vivencias e sensacións. Un universo de dominio e sometemento do individuo, no que só a música e a poesía semellan configurar vías de esperanza no futuro. A pulsión destes relatos remítenos cara á lectura doutras obras de Caride, como Soños eléctricos ou O sangue nos camiños, que configuran un macrotexto ben vertebrado, rico, actual e crítico, capaz de nos interrogar en cada lectura. Como ocorre sempre coas boas obras literarias.

imocino@uvigo.es