El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Un retrato de Pyongyang con humor crítico

KENYA PINEDA USC/ANILIJ  | 09.09.2018 
A- A+

A principios do século XXI Corea do Norte era un país considerado parte do Eixo do Mal, denominado así, polo entón presidente dos Estados Unidos de América George Bush. Toda a comunidade internacional estaba pendente do que sucedía nese país tan hermético. Non obstante, a crise alimentaria que sufriu -e segue sufrindo- Corea do Norte fixo que Kim Jong-Il abrise unha fenda para deixar pasar a axuda humanitaria e algún outro proxecto que deixara cartos no país. Sóalles familiar?

Na súa primeira edición en galego chega ás librarías a novela gráfica Pyongyang (Rinoceronte, 2018), de Guy Delisle (Québec, 1966), traducido por Belén Poutón co apoio da Xunta de Galicia. Escoitando propaganda política, sen internet, sen cafeterías, sen móbil, sen radio, sen auto, sen permiso para desprazarse a calquera lugar só. Sempre acompañado dun guía e un tradutor que son o seu único contacto co pobo norcoreano, Delisle narra de xeito autobiográfico, con humor e unha ollada occidentalista, a súa experiencia en Pyongyang mentres traballaba para unha produtora de debuxos animados. A quince anos da súa primeira edición, esta banda deseñada mantense vixente. Basta con mirar o telexornal para dármonos conta que a situación non cambiou entre os Estados Unidos e Corea do Norte. En branco e negro, cun ritmo narrativo parsimonioso e cinematográfico, esta novela gráfica pode ser moi instrutiva, pois documenta con claridade unha realidade oficial -ditada polo réxime-, en constante conflito coa natureza da vida, a lóxica e a verdade. Cunha gran dose de ironía, esta obra convida a reflexionar a través do relato e as súas referencias á obra 1984, de George Orwell. Un gran acerto por parte da editorial con esta tradución e á vez unha lectura obrigada para os que gustan dos cómics e do humor crítico. kenyapinedah@gmail.com