El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura

Unha aventura a modo de videoxogo

CARMEN FERREIRA  | 27.10.2019 
A- A+

A xornalista e escritora Rosa Aneiros (Meirás, 1976) iniciouse na Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1999 co relato cotiá da vida universitaria de Santiago Eu de maior quero ser. A súa escrita caracterízase por unha linguaxe coidada e directa e por atender a temáticas moi actuais, como na novela Ás de bolboretas (2009), premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil en 2009 e incluído en The White Ravens en 2010, na que une diversas historias realistas e duras que conflúen na cafetería Luzada, e na triloxía “Ámote Leo A.” que se configura como a viaxe física e interior da moza Leo, como modo de rebeldía, por distintos lugares e paisaxes que se describen coa subxectividade do estado de ánimo da voz narradora.

Ultimamente ten abeirado a súa produción cara un lectorado máis novo sen deixar de lado eses temas que son noticia. Así n’A batalla da pequena Chanan Curi Coca (2017) trata con certo humor os desafiuzamentos e a solidariedade da xente; e no recente Premio Merlín Xelís, o guieiro das botellas de mar (2019) fai unha denuncia do deterioro que sofre o planeta debido á contaminación de plásticos dos océanos. Mais o relato que hoxe nos ocupa, Orestes perde o sentido! (Xerais, 2019), con ilustracións de Kika da Silva, escapa algo á poética da autora ao mesturar realidade e soño nunha historia trepidante e estraña que mantén a intriga ata o final. Todo comeza cando Orestes sae da súa casa unha mañá e atopa a súa irmá pequena soa na beirarrúa quen o advirte que está secuestrada no castelo do rei Koopa. Nese momento Orestes inicia unha disparatada e divertida carreira en busca da súa irmá, que lembra os videoxogos, na que o coñecemento das normas de circulación viaria, que se presentan dunha forma amena, é necesario para percorrer a cidade e chegar vivo á meta.

verinesa@yahoo.es