El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Úrsula Heinze e o cruasán que sabe a Galicia

Retrato dunha muller universal: escribe en galego tan ben coma en inglés ou alemán // Ursula Heinze de Lorenzo naceu en Colonia (Alemaña) en 1941, cidade na que estudou o bacharelato e maila carreira de Filoloxía Inglesa e Alemá

Ignacio Rivera, Eladio Quevedo, Úrsula Heinze, Feijóo, Rueda, Hilda Rodríguez, Carlos Núñez e Patrick Moloney na entrega das Medallas Castelao, no ano 2013
Ignacio Rivera, Eladio Quevedo, Úrsula Heinze, Feijóo, Rueda, Hilda Rodríguez, Carlos Núñez e Patrick Moloney na entrega das Medallas Castelao, no ano 2013

ALEXANDRE D. OLVEIRA  | 19.05.2019 
A- A+

De nova formou parte do grupo universitario de teatro, dedicouse a estudos de piano e canto e publicou narracións breves no xornal Kölner Stadtanzeiger. En 1967 ingresou no Instituto de Ensino Medio coma catedrática de inglés e alemán e xa en 1969 trasladouse a Galicia, onde vive desde entón, a excepción dos cursos académicos 1973-1977, nos que estivo en Valladolid e foi lectora de alemán na Universidade desta cidade.

Xa asentada en Santiago, na década dos 80 comezou a publicar en galego novelas, ensaios, narracións e literatura infantil e xuvenil e entre 1982 e 2018 publicou en prosa 32 libros. Das novelas destaca Culpable de asasinato (1993), gañadora do Premio Blanco-Amor e do Premio Losada Diéguez, e os libros de relatos son moi novedosos na literatura galega pola temática e a técnica literaria utilizada. Tamén son de destacar os seus libros de entrevistas Arredor da muller en 18 mundos (1985) e Mulleres (1991), porque neles utiliza unha técnica descoñecida en Galicia, consistente en presentar as entrevistas sen preguntas e respostas, coma se fosen as propias entrevistadas as que están escribindo os libros. Tamén destacan os tres últimos libros que publicou sobre a depresión, a psiquiatría e a sexualidade na vellez, cunha temática novedosa na literatura galega.

Os seus libros de literatura infantil e xuvenil tiveron moita difusión, aínda que ela sempre estivo fóra dos círculos e capelas literarios. Foi unha das iniciadoras da literatura infantil e xuvenil moderna en lingua galega e publicou desde libros para nenos de 9 a 12 anos a libros para adolescentes. Moito éxito tivo o seu libro Xente coma min (1989), con 7 edicións, na que fai unha entrevista a un rapaz de 15 anos drogadicto, coa mesma técnica ca a utilizada nos dous libros de entrevistas a mulleres. Tamén Nace un campión (1992), con 9 edicións, e Quérote (1994), con 4 edicións, son libros destacados. Ademais, A casa abandonada (1987) recibiu o primeiro Premio Merlín. Mesmo animou ós rapaces do Grupo Escolar Quiroga Palacios de Santiago a que escribisen as súas impresións dunha viaxe que fixeron a Andalucía, que ela remodelou no libro Máis alá de Galicia (1989). Nesta época desprazouse a moitas escolas de Galicia para dar conferencias, facer lecturas de contos e para animar ós rapaces galegos a ler en galego.

Moi importantes foron as traducións que fixo. Nunha época en que non había practicamente traducións do alemán ó galego, ela e Ramón Lorenzo traduciron 3 libros de literatura infantil (en 1985, 1986) e máis tarde un libro de Michael Ende (1990) e unha antoloxía de poemas de Günter Grass (2000). Nos anos 90 foron moi importantes as numerosísimas traducións de poemas de escritores alemás, holandeses, austríacos, suízos, ingleses e mesmo dalgún chinés e xaponés, pero sobre todo de poetas eslavos. Durante varios anos publicou no Correo Gallego e Galicia hoxe poemas de diferentes autores, recollidos despois en libros, na revista Dorna publicou antoloxías de 6 poetas e durante algún tempo estivo preparando unha antoloxía de poetas da ex-Iugoslavia e de Bulgaria, que apareceu cunha introdución no libro Terra, Mar e Lume (1996), publicado polo Centro Ramón Piñeiro. Con estas numerosísimas traducións deu a coñecer en Galicia moitos poetas descoñecidos e fixo que en moitas partes do mundo soubesen que existía unha lingua e unha literatura galega. Terra, Mar e Lume foi presentado en varias televisións eslavas (Croacia, Eslovenia, Serbia, Macedonia) e como agradecemento en Macedonia publicaron un libro que recolle unha Antoloxía de poesía galega, editada por Mateja Matevski en Skopje en 1999. Pola súa relación con esta literatura foi invitada periodicamente a coloquios e congresos e así estivo en Ljubljana e Dubrovnik en 1997, en Ohrid (Macedonia) 1999, Brac (Croacia) 2000, Trogir e Split (Croacia) 2002 e varias veces nos congresos de poesía celebrados en Bled (Eslovenia). O P.E.N. croata invitouna a pasar un mes na illa de Hvar en 1995.

Ademais de todo isto contribuíu poderosamente ó coñecemento da literatura galega no exterior. Foi membro fundador do P.E.N. Clube Galego e presidenta del desde 1991 a 1996. Pero moi importante foi a súa ida ó Congreso Internacional do P.E.N celebrado en Maastricht en 1989, pois nel conseguiu que se admitise o P.E.N galego como membro do P.E.N Internacional e desde ese ano asistiu a moitos congresos defendendo con toda a súa forza a lingua e a cultura do noso país. Entre os Congresos do P.E.N. ós que asistiu e nos que participou están os de Madeira 1990, Viena 1991, Ljubljana 1992, Rio de Xaneiro 1992, Dubrovnik 1993, Guadalajara (México) 1996) ou Moscú 2000. Moita repercusión tívoa o 60º Congreso Mundial do P.E.N que organizou en Santiago de Compostela no ano 1993, ó que asistiron escritores de todo o mundo e que souberon da existencia de Galicia e do galego. Tamén foi vice-presidenta do Comité de Tradución e Dereitos lingüísticos do P.E.N Internacional e ademais é membro do P.E.N Centro Alemán desde 1995 e asistiu a numerosos congresos deste Centro.

Debido a unha serie de circunstancias negativas polo comportamento de determinados intelectuais e mesmo dalgunhas autoridades, nas últimas décadas foise desvinculando das relacións sociais, aínda que seguiu asistindo a congresos internacionais e deu conferencias en varias universidades estranxeiras e participou en Coloquios, e así estivo en Viena 1999, Barcelona 1993, 1994, 1998, 2005, Atenas 1995, Salvador de Bahia 1997, Bucarest 1998, A Habana 1998, Berlin 2008, ademais de en Tréveris, Jena, Aquisgrán e en Londres, invitada por poetas ingleses.

Nas últimas décadas dedicouse case exclusivamente a escribir poemarios en galego (8 en total) e en alemán (27 libros + 4 bilingües alemán/castelán) e publicou numerosos poemas en revistas, tanto en galego coma en alemán. Xa en 2015 volveu á prosa nos seus tres últimos libros.

Recibiu o Premio PEN Clube Galego en 2005 e no 2013 outorgáronlle a Medalla Castelao.