El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Elos de lectura COORDINA BLANCA-ANA ROIG RECHOU

A vida cotiá para persoas con Dano Cerebral Adquirido

Literatura infantil e xuvenil ·

TEXTO MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ USC, UVIGO   | 01.12.2019 
A- A+

A falta de respecto polo Outro continúa a ser na actualidade unha problemática cotiá por mor de mentalidades ancoradas en estereotipos desfasados. As carencias empáticas obsérvanse de forma nidia na actitude respecto á diversa e sensible tipoloxía das discapacidades físicas e psíquicas. Isto provoca que os colectivos implicados cos doentes deban dar a coñecer ao gran público realidades frecuentes pero ignoradas, caso do Dano Cerebral Adquirido abordado no relato xuvenil Iridium (Galaxia, 2018).

Francisco Castro (Vigo, 1966) converteuse en voceiro, por vez primeira na LIX galega, desta discapacidade. Respostou á chamada de ALENTO e de FEGADACE, "que todos os días soben o Himalaia. E sen osíxeno" (p. 103) e aos que dirixe os agradecementos, ademais de a Andrea Molanes, "que foi e que volveu" (p. [9]).

Iridium é unha boa mostra de que a literatura é un recurso primordial para conectar coa sociedade e para cuestionar e (re)pensar clixés á luz das citas iniciais: "Ditosos os normais, / eses seres estraños" (p. [11]) e a letra dunha canción do cd Nobody de The Symphonic Eyes (p. [13]). Desde a imaxe da capa e a súa lapela o autor procura conectar co lectorado millennial, quen empatiza cos narradores en primeira persoa (Letraferido, quen dialoga por correo electrónico con Profelingua2; e Iris, quen sofriu un TCE por un "Cúmulo de Infortunios" enumerados na p. 19) grazas ao uso dunha linguaxe coloquial, a das conversas informais coas súas amizades.

O frecuente descoñecemento dos síntomas das persoas con discapacidade xustifica o didactismo dos capítulos iniciais, xa que a contorna próxima a Iris non entende o alcance das súas secuelas para desenvolver as rutinas cotiás, como verbaliza na páxina 20: "Ai mamá, que parviña me es. Sei o moito que me queredes os dous [en referencia aos pais], pero non tendes nin idea. Polo carallo acepto a miña nova situación. Con naturalidade? Veña ho!".

Entre os pros da historia salienta a crítica da hipocrisía da xente "normal" e do mundo "irreal" plasmado en redes sociais como Instagram, onde Iris é unha raíña con milleiros de seguidores da súa excepcional heterocronomía iridium se ben a súa vida constitúe unha dura reaprendizaxe. E tamén o fluído discorrer da trama asentada na emerxente historia de amor da bachaler que non prexuzga os demais e que se rebela contra a vida minguada polo TCE e contra a xente que a despreza porque só ve a discapacidade e non a persoa afectada.

margramanet2004@yahoo.es