Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Elos de lectura Literatura infantil e xuvenil

Xosé Duncan revela o que nos fai humanos

TEXTO ALBA ROZAS USC

No panorama literario actual, a elaboración de distopías que transcorren entre a fantasía e a realidade é un procedemento moi empregado á hora de crear historias tinguidas de crítica social con estimulantes doses de intriga. Estas obras, dirixidas aos máis mozos, son unha garantía tanto de aprendizaxe coma de éxito, xa que resultan moi ben acollidas por mediadores e lectorado. É por iso que Galaxia acaba de publicar As lembranzas perdidas no lago Antelväri na súa colección "Costa Oeste", dirixida ao público xuvenil. Trátase dunha obra na liña dos recoñecidos clásicos 1984 de George Orwell, Brave New World de Aldoux Huxley e tamén dos relatos de terror cósmico de Howard Phillips Lovecraft. Nesta novela, o escritor Xosé Duncan (Taragoña, 1970) narra a historia dunhas estrañas criaturas luminosas que habitan as profundidades do lago situado nas Fragas do Antelväri, unha vila do norte desde onde se pode contemplar a aurora boreal.

O autor desprega un amplo abano de figuras para revelar a verdadeira natureza deses Entes. A través da relación específica que establece entre cada un dos personaxes e o lago, Duncan amosa ao lector a panorámica dunha sociedade rexida por una misteriosa organización, a Asociación, destinada, desde a súa orixe, a facerse cargo de anciáns e enfermos.

Entre os diversos protagonistas cabe destacar ao vello Olavi, que se traslada a vivir ás marxes do lago para fuxir dos seus recordos. A raíz da súa historia, preséntanse outros habitantes da vila, coma os traballadores de correos Makie e Pil, as viúvas Helena e Ylva ou a dirixente da Asociación, a influínte Laura Xiada. Pero será a través de dúas personaxes foráneas, o estudoso de fenómenos paranormais Xabier e a aspirante a reporteira Linda Negreira, como se descubra o alcance do poder da Asociación, capaz de controlar desde os medios de comunicación ata a sanidade, alén das fronteiras das Fragas.

A sinxeleza formal e estilística permítenlle a Duncan ofrecer, en cada capítulo, unha reflexión de carácter universal sobre os diferentes condicionantes da existencia humana nos que basea a acción. Deste xeito, temas coma o paso do tempo, a soidade, a morte ou a sede de poder dan lugar a unha trama chea de incógnitas que se van ir resolvendo ata o final da obra, cando se destapa o maquiavélico funcionamento e destino dos sistemas de opresión social, poñendo de manifestó a importancia das lembranzas como principio constitutivo da humanidade.

alba.rozas@usc.es

Alvarellos Editora incorpórase á Literatura Infantil

TEXTO MARTA NEIRA USC-ICE-UVIGO

Sempre é benvida unha nova colección de libros dirixidos aos máis novos e con intención de quedar para encher ocos no sistema literario galego e en galego ofrecendo continuidade e innovacións. Hoxe dámoslle os parabéns á Alvarellos Editora, pois se ben comezou a colección "Verdemar" con dúas obras dispares no ano 2017, uns preliters, artefactos ou produtos preliterarios que levan á lectura, como é o caso de Queres ler un libro comigo?, de Lawrence Schimel e Thiago Lopes, traducido por Quique Alvarellos, e Contos do Sol e da Lúa, de Helena Villar, unha autora xa clásica que se dirixe aos lectores autónomos; no 2018 a colección perfílase máis dentro dos preliters aos libros formativo-literarios, de pasta dura, baixo as formas do álbum. Son eles A promesa do cabezolo, de Jeanne Willis e Tony Ross, A miña profe é un monstro, de Peter Brown e a galega A raíña das tortas, de Álex Mene e Blanca G. Crespón. marta.neira@usc.es

Kalandraka e os personaxes clásicos

TEXTO BLANCA ROIG USC-CRPIH

Nunú xoga e Nunú no xardín son os dous primeiros títulos dunha serie de libros de cartón, protagonizados por un pequeno elefante, que Kalandraka ofrece para prelectores e primeiros lectores. Escritos por Cally Strong (Bonn, 1977), ilustrados por Constanze v. Kitzing (Göttingen, 1980) e traducidos para o galego por Xosé Ballesteros, o primeiro título incide na importancia do xogo individual e colectivo para estimular a imaxinación, mentres que o segundo experimenta cos cinco sentidos a través da natureza. Kalandraka retoma un personaxe de longa tradición, o elefante, que lembra clásicos da Literatura Infantil co que se identifican moi ben os máis pequenos, como Elmer ou Babar cos que non só se desenvolvían o riso e a música, senón que tamén se instalaban competencias emocionais que pouco e pouco se deben ir fomentando desde distintas materias, pero sobre todo desde as literarias que tanto inflúen e axudan.

blanca.roig@usc.es

Anuario Iberoamericano sobre el libro Infantil y Juvenil 2017

TEXTO CARMEN FERREIRA ICE-USC

Desde o 2004 a Fundación SM publica un anuario que acolle datos importantes sobre o sector editorial en España e Iberoamérica, información estatística, premios, tendencias, éxitos do ano e as chaves para unha análise profunda da Literatura Infantil e Xuvenil. O Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2017 ofrece panorámicas dos anos 2015 e 2016 en dezaseis artigos de especialistas de doce países iberoamericanos e, como novidade, inclúe un artigo sobre a LIX en Ecuador e outro sobre Estados Unidos.

No caso da panorámica da LIX galega, Isabel Soto e Xavier Senín reparan na perda de dous escritores fundamentais, Agustín Fernández Paz e Xosé Neira Vilas, enumeran os galardoados nos diferentes premios e as principais novas, para despois repasar a completa e diversa oferta temática de títulos de narrativa, dirixidos a distintas franxas de idades, de poesía, teatro, tradución e cómic. verinesa@yahoo.es

A Casa Grande que acolle a todos

TEXTO NAIR VIDE USC

Da man de Hércules de Edicións, chega a nós, traducida por Ánxela Rodríguez (Castroverde, 1968), máis coñecida polo seu pseudónimo artístico Ánxela Gracián, a obra do recoñecido poeta, editor, investigador e escritor portugués João Manuel Ribeiro (Oliveira de Azeméis, 1968), A Casa Grande, ilustrada por Ricardo Rodrigues, onde como o seu propio subtítulo indica é todo un "Manifesto de Cidadanía", un compendio de novidosos principios e intencións que o autor quere transmitir aos primeiros lectores, para combater unha realidade que nos afasta de medrar en sintonía con nós mesmos.

Baixo o símbolo dunha casa que se atopa sempre aberta, isto é, accesible para todo o mundo, o escritor introdúcenos nun contexto metafórico onde aborda temas tan relevantes como a lingua, a cor, a raza, a relixión e as latitudes. A súa finalidade é ensinar aos máis pequenos que o mundo, se queremos, é sinxelo e transparente, un espazo onde o importante é falar unha lingua universal centrada na verdade, o amor e o perdón. Todo un conxunto de boas intencións que se atopan en constante construción, un lugar onde os anos se miden pola intensidade dos bos actos e o importante é xogar e aprender.

Cunha narrativa doada de desentrañar, vemos como a través de breves parágrafos João Manuel nos vai entrelazando os diferentes temas para crear un ambiente apracible e apetecible para o lector, onde cada mensaxe vai debidamente inserida dentro dunha ilustración que reflicte e acompaña de forma divertida e sinxela o texto. Sen dúbida, este libro fainos reflexionar e querer unha Casa Grande no noso futuro onde "a única condición para permanecer na Casa/é a de non fechar nada/nin se fechar a nada", unha obra que recolle un conxunto de bos consellos que nos orientan e convidan a ser uns bos cidadáns desde ben pequenos.

nair.vided@gmail.com

13 may 2018 / 12:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito