Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Elas, as que racharon co teito de cristal

    Elas, as que racharon co teito de cristal

    Unha imprescindible na revisión da nosa historia é a coruñesa Irene González Basanta, que se tivo que abrir camiño dende ben nova. Alén de competir en varios equipos de fútbol dende ben cativa, cando aínda non cumprira os 16 anos xa tiña conformado o Irene F.C., do que sería a capitana e co que competiría en plena ditadura.

    Esta veciña da Coruña, nada no que hoxe é Monte Alto, non só foi pioneira no mundo do fútbol en Galicia, senón tamén en España e a nivel mundial. Foi a primeira xogadora de fútbol profesional do país, así como a primeira capitana e a primeira gardameta. Ela tivo que -e conseguiu- abrirse camiño nun mundo no que aínda é complicado hoxe en día para as mulleres obter o recoñecemento, non só do público, senón do propio sector. o Irene F.C. enchía estadios aló onde ía, e contaba co respecto tanto dos seus seguidores coma dos seus rivais. Lamentablemente, a tuberculose truncou a súa carreira, e antes de cumprir os 20 anos acabaría coa súa vida.

    Elas, as que racharon co teito de cristal

    en outubro de 1913 emprendía o voo dende a praia de Baltar unha xoven Elisa Patiño, con tan só 23 anos. Daquela, a aviación non entrara nin sequera na adolescencia -o primeiro voo tripulado fora tan só había dez anos, no 1903-.

    Elisa, alcumada “Chichana”, era unha muller que abrazaba a entrada na época da modernidade, e grazas á posición da súa familia foi quen de desfrutar de varias disciplinas artísticas e deportivas que antes estaban fóra do alcance das mulleres. Con todo, das súas múltiples facetas a que probablemente chamaba máis a atención era a de piloto.

    Logo desa primeira vez en Sanxenxo -na que voou acompañada do piloto de acrobacias José Piñeiro na súa avioneta - Chichana conseguiría o título de aviadora, todo un fito para a muller da época. Finalmente, igual que a meirande parte das mulleres desta reportaxe, a súa vida viuse truncada pola pandemia da gripe de 1918, que a mataría con ta só 29 anos, deixando a constante pregunta de que outros estereotipos podería ter rachado Elisa.

    Elas, as que racharon co teito de cristal

    No que ás pioneiras respecta, se Elisa Patiño o foi no ceo, Celia Rivas foino no chan. Esta veciña de Calcova, en Finisterre, foi a primeira muller condutora de camión de España. Ela herdou o interese do seu pais nos transportes, así coma o negocio, e non é difícil imaxinar como tivo que ser a súa andaina neste sector, no que hoxe en día continuamos a ver vestixios da cultura patriarcal, pero sobre todo se se ten en conta o conflito bélico que había no país naquel momento.

    Durante a Guerra Civil foille confiscado o seu camión -varias veces, de feito-, e tanto ela como súas irmás tiveron que loitar contra o réxime e incluso aceptar a transportar soldados para recuperalo. Celia aproveitou para colaborar co transporte de mercancías que escaseaban en Galicia naquel momento, e cando todo rematou, voltou ao negocio familiar, que dirixiría coas súas irmás. Era, en definitiva, unha loitadora, que se impuxo nos momentos difíciles para forxar un futuro baixo as súas condicións.

    Elas, as que racharon co teito de cristal

    Na súa curta vida -pois morreu aos 29 anos de tuberculose - María Antonina conseguiu deixar un legado que abriu o camiño para moitas mulleres no mundo do deporte. É considerada unha pioneira no hockey sobre herba, e, de feito, ffalábase dela nos medios da época como a ‘alma máter’ desta modalidade, que trouxo a Galicia.

    Antonina coñeceu este deporte na súa época de estudante na capital do país, e unha vez de volta na cidade olívica, en 1932, funda o Atlántida Hóckey Club coas súas irmás, que, segundo declarou aos medios na época, foi creado para poder enfrontarse ao Vigo H.C. Trátase dun momento histórico, no que eran elas - nós - e non os homes, as que competían en equipos femininos.

    Unha loita dunha muller involucrada co feminismo tamén dende a política, e coñecida por dicir aquilo de que “na participación nos deportes desaparecen moitos prexuízos sociais. Non hai cursis nin elegantes, nin aristócratas nin plebeos, senón simplemente educación e bos ou malos deportistas”.

    11 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito