Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 diciembre 2022
08:01
h

En marcha o Centro de Investigación en Industria Intelixente de Ferrol

Román Rodríguez e o reitor da UDC asinaron un convenio polo que a Xunta aporta preto dun millón de euros para a elaboración do proxecto do edificio

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron onte o convenio polo que a Xunta aporta o financiamento para a realización do proxecto do novo edificio do Campus de Ferrol que albergará o Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3.

Á firma do acordo asistiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e a Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Maru Tallón.

Mediante este acordo, a Xunta aportará 950.000 euros para dar comezo á creación do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3, que a Universidade da Coruña construirá ao lado do Campus de Ferrol.

Trátase dun edificio de nova construción de 14.771 metros cadrados, con nove niveis divididos en dous sotos, seis plantas e un entrechán situado nunha parcela de 1.455 metros cadrados na Avenida de Esteiro. O proxecto está xa adiantado pois xa se dispón dun anteproxecto de necesidades que establece que o edificio contará con espazos xerais, área de laboratorios e áreas técnicas.

Nos espazos xerais haberá área administrativa, un auditorio e diversas salas ademais dun museo científico interactivo, espazos rent out, que se usarán a modo de coworking para profesionais e empresas relacionadas coa tecnoloxía e a innovación, e un módulo para formación especializada en industria intelixente e minis-labs.

Neste edificio desenvolveranse as liñas de investigación do Campus Industrial de Ferrol, concretadas en seis, a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e deseño e desenvolvemento de produto.

O proceso que onte se iniciou continuará de forma inminente coa licitación do proxecto. A previsión é que a elaboración do proxecto leve un ano e que, despois, buscando unha vía de financiamento coa Xunta se saque a concurso a construción dun edificio que podería estar realizado a finais do ano 2025.

Para o reitor, a firma deste convenio “é un paso moi importante dentro do proxecto de desenvolvemento do Campus de Ferrol iniciado en 2016”. “Con este acordo iníciase o proceso de creación dun novo edificio de investigación ao servizo do sector produtivo e do desenvolvemento de Ferrol e comarcas”, engadiu Abalde.

O conselleiro destacou o salto “cualitativo e cuantitativo” do Campus de Ferrol realizado nos últimos anos que comezou coa especialización como Campus Industrial, o primeiro campus acreditado en Galicia, e que continuou coa implantación de novas titulacións e a reformulación doutras, ademais doutras melloras que fixo que o alumnado do Campus de Ferrol pasase de 2.000 a 3.000 alumnos en cinco anos.

24 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito