Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Entusiasta reacción da crítica ante a publicación de ‘Álbum da cuarta dimensión’, libro de Carlos Lema

Blogs como ‘Criticalia’ e ‘Galiciae’ salientan esta obra editada por Chan da Polvora

Santiago. Álbum da cuarta dimensión, o novo libro de Carlos Lema, “está a converterse nun dos grandes éxitos de crítica deste 2020”, segundo di a súa editora, Chan da Polvora. Armando Requeixo (blog Criticalia), Ramón Rozas (Galiciae), Roman Raña, Nuria Otero ou Arturo Regueira asinan algunhas das críticas aparecidas ao longo das últimas semanas, todas elas cunha boa valoración.

Se Ramón Rozas subliña que “palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e explorar novas dimensións do que somos”, Inma Otero escribe: “Este Álbum da cuarta dimensión soa. Non só polo traballo artesanal cos fonemas e os ritmos en cada texto. Toda a obra é unha composición musical en tres movementos, os tres apartados do libro.

As palabras de Armando Requeixo son elocuentes do forte impacto que lle deixou a lectura “a brazo partido” de Álbum da cuarta dimensión.

“Aquí o verso”, escribe Requeixo, “non dá descanso, reprégase sobre si mesmo para profundar nunha filosofía do dicir que tenta explicar o ser dende o realismo especulativo, rabuñando na falsa superficie do aparencial ata deixar ao ar as vísceras do pensamento radical. Cómpre superar a definición do existente dende unha esencia limitada, filla cativa da tridimensionalidade, volátil refén das coordenadas. É na cuarta dimensión, no reino do espazo-tempo, onde a variable do humano adquire sentido pleno. Somos fillos dunha xeometría curva, un espazo de gravidade no que a materia de palabra e soño que nos configura se deforma e redefine nunha trenza de luz que vai sempre alén”.

Inma Otero publicou un artigo que esculca as claves do libro de Lema, sen dúbida a máis celebrada achega poética publicada polo seu autor.

“O triunfo da materia”, indica Otero, “só pode emerxer da ausencia do suxeito, da cancelación do monstro que encarna a figura do artista, protagonista do último ensaio de Carlos Lema, A monstruosidade moderna. Por iso desaparece o eu lírico para dar paso á terceira persoa, moitas veces referida ás cousas como suxeito sintáctico. Noutras ocasións escóllese a segunda, xa que o desdobramento facilita a reificación do eu, ou a primeira persoa do plural, máis democrática”.

Mario Regueira, pola súa banda, valora o libro publicado por Chan da Pólvora como “unha especie de posta en práctica de moitas das tesis recollidas no ensaio [A monstruosidade moderna], unha relación que tamén é proclamada nos paratextos do volume. Neste sentido, unha das cosas máis importantes desta obra é a posibilidade de vinculala a unha noción da poética que non se refuxia no recurso constante á espontaneidade como única explicación. Cabe dicir, porén, que se moitas das explicación desde artefacto poético nos deixan unha concepción de xénero moito más intelectualizada e explícita que a que a maioría das poetas actuáis ten, tamén constitúe un producto autónomo, que pode ser lido e gozado sen a necesidade de acceder a esa perspectiva”.

Román Raña, pola súa banda, no suplemento Faro da Cultura, (do xornal Faro de Vigo) pon de relevo que todo o poemario de Lema “devén un exercicio de recuperación e de reelaboración pola memoria do vivido. Las primeras pezas descríbese o desolado ámbito doméstico: No armario penetran / sabores confusos / menntres porfiamos / nos resquicios do útil. De aí pasamos á percepción do espazo sideral: a carón da folla vencellada á orixe: talo, tronco, terra / perante nimbos, astros e fulgores. Na continuación ingresamos no microcosmos do mundo onírico [...] Chegando ao delirio [...] ou a espléndidas intuicións metafísicas”, salienta nese comentario. ECG

21 jul 2020 / 20:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.