Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Errores republicanos

Ángel Viñas, autor del libro ‘El gran error de la política’

Cando se están a cumprir noventa anos da proclamación da Segunda República aínda quedan por coñecer moitos aspectos da súa traxectoria. Non esquezamos que esta foi relativamente breve (pouco máis de seis anos coma réxime para o conxunto de España e tres máis ata a derrota militar de abril de 1939). Sen embargo, e malia tal circunstancia, poucos períodos resultaron tan determinantes na historia española.

Unha traxectoria que se a consideramos na súa dimensión unitaria, podemos dividir en tres períodos: a lexislatura constituínte, o longo bienio de goberno das dereitas e os meses da Fronte Popular. E é neste terceiro tramo de pouco máis de cinco meses, que vai desde as eleccións de febreiro de 1936 ata a sublevación de xullo, onde Ángel Viñas sitúa o seu detallado e brillante estudo El gran error de la República (Ariel).

Este traballo busca atopar explicacións á aparente inmobilidade do goberno saído das urnas en febreiro (con Azaña primeiro e Casares Quiroga despois) fronte ás conxuras que se estaban tramando non só para derrocalo senón tamén para acadar un cambio de réxime. Estas tramas clandestinas, presentes no exército e na vida civil, estaban guiadas fundamentalmente por sectores monárquicos que aspiraban non tanto restaurar a Afonso XIII no trono de España, senón un marco político autoritario que fixese posible que os sectores privilexiados conservasen cadansúas prerrogativas económicas, políticas e sociais fronte á ameaza (máis predicada ca real) dunha “revolución comunista”.

Ángel Viñas centra o seu traballo en dous asuntos aparentemente distintos pero que ao cabo converxeron: os pactos que os monárquicos fixeron co réxime fascista de Mussolini (interesado este en dominar ou influír no Mediterráneo) e a conformación dunha trama no seo do exército, a UME. Estes dous asuntos comezaron a coller forma despois do fracaso da “Sanjurjada” en 1932, no que foi o primeiro ataque armado contra a Segunda República. O goberno de dereitas que saíu das eleccións de 1933, disolvidas as Cortes constituíntes, non supuxo obstáculo algún para que ambas conspiracións fosen collendo forma.

Confiando as dereitas en repetir maioría parlamentaria, convocaron eleccións para comezos de 1936. Porén, o resultado adverso que supuxo a vitoria da Fronte Popular acelerou as conxuras dos monárquicos e da UME, fronte ás cales o novo goberno foi incapaz –e Viñas sinala un exceso de confianza coma eventual causa- de desarmalas, especialmente a segunda. Daquela xeira a posibilidade dunha “revolución comunista” (malia os cativos efectivos do PCE e a ambigüidade dos dirixentes da CNT, algúns dos cales foron facilmente subornables) desviou a atención do goberno verbo do auténtico perigo: unha involución armada das dereitas.

Traballos coma este de Viñas son importantes non só polo seu valor intrínseco (o historiador madrileño non dá opinión que non estea documentada) senón porque axudan a neutralizar dúas correntes supostamente historiográficas pero que ao cabo intoxican: a creada intencionadamente desde os inicios da ditadura e a que, xa en liberdade, foi promovida por aqueles sectores que quixeron negar as investigacións feitas desde o rigor. Engadamos a iso aquelas outras que desde o estranxeiro e posicións democráticas conservadoras, quixeron limitar o auténtico impacto social que a ditadura tivo.

Un asunto final que Viñas tamén tenta evidenciar é o da implicación de Francisco Franco, dunha banda, e do réxime mussoliniano, doutra, na sublevación de xullo de 1936. E para iso –e para os dous asuntos principais antes citados- axúdase de informes diplomáticos estranxeiros.

Un período, tan breve como intenso, que permite considerar as razóns que levaron a unha ditadura de signo militar e interesada subordinación civil. En definitiva, unha ofensiva alcumada de patriótica pero que só quería defender os privilexios dos de sempre, a costa de negar a necesaria modernización que a Segunda República pretendía impulsar e a participación dos cidadáns na xestión do Estado.

Joaquim Ventura

01 may 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.