Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escritores en lingua galega, uns heroes precarizados e xenios da mellor literatura

Un 80 % ten que compaxinar a creación e outras actividades para poder vivir// O 54 % cobra menos de mil euros ao ano

Só hai que botarlle unha ollada ao informe de resultados das enquisas realizadas na primeira fase de elaboración do Libro Branco de Escritoras-es en Lingua Galega, para darse conta de que a profesión de escribir en lingua galega só é apta para heroes da cultura.

O informe promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que conta co patrocinio da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro), pon de manifesto que tan só o 17 % dos profesionais ten dedicación exclusiva á escritura.

Ademais, o 54 % dos autores recibiron por dereitos de autor menos de mil euros durante o pasado ano, mentres que para o 72 % do colectivo ese concepto representa menos do 10 % dos seus ingresos.

Por tanto, é lóxico que un 80 % destos escritores teñan que compaxinar esa actividade con outra ocupación laboral: un 36 % imparte docencia, un 10 % ten outro tipo de emprego público e o resto dedícase a profesións varias.

Con todo, para ser un escritor na nosa lingua requírese un alto grao de formación, e así en nove de cada dez casos, os autores conta cunha titulación universitaria.

Os escasos ingresos que lle proporciona a súa vocación obrígalles a limitar a súa dedicación horaria á escritura, polo que menos dunha terceira parte afirma dedicarse a esta actividade de forma regular, tanto a xornada completa como con menor intensidade de tempo.

Como curiosidade , a literatura en galego é un colectivo masculinizado, posto que o 63 % son homes, as 35 % mulleres e o 2 % recoñécense como outras identidades de xénero. A media de idade é relativamente elevada (54 anos)

Segundo o estudo da AELG, os enquisados cultivan e compaxinan diferentes xéneros literarios, dos que un 21 % dedícase en exclusiva a un deles. A narrativa é o máis habitual, xa que o 70 % do colectivo publicou algunha obra deste xénero, seguida dos autores que viron a súa creación de poesía impresa algunha vez, un 48 %.

Iso si, a pesar das dificultades e impedimientos económicos, é un colectivo prolífico, xa que se plubicou unha media de 17 obras por autor e, de feito, máis dunha cuarta parte editou máis de vinte obras. No últimos dez anos, o número medio de traballos publicados foi de seis, dato que dá conta da fertilidade da literatura galega, segundo o borrador deste Libro Blanco.

E a pesar de que os escritores en lingua galega forman parte dun colectivo paupeirzado, nos últimos tres anos publicaron obras case oito de cada dez autores (78 %).

Outro dos graves problemas con que se atopan estes profesionais é o do mercado editorial. O 89 % dos creadores en galego nunca tivo axentes literarios e aínda que a maioría di que non lle interesa ese tipo de servicios, o 22 % afirmou que non os atopou en Galicia.

En calquera caso, a satisfacción co traballo editorial é elevado, sobre todo nos aspectos relacionados coa realización material do libro, pero non tanto no referido ás condicións económicas ou á publicidade e promoción da obra.

Así, o 51 % asegura que todas as obras que enviou ás editoriais foron publicadas, aínda que un 73 % sinala que nalgunha ocasión entregou unha obra para a súa publicación sen mediar un contrato. De feito, unha de cada tres persoas di que habitualmente ou sempre entrega a obra sen asinar un contrato.

Segundo as súas declaracións, case a metade do colectivo (45 %) tivo algunha vez problemas ou diverxencias relevantes coas editoriais, aínda que o 27 % non fixo nada respecto diso. Pero si o 15 %, que presentou unha reclamación na propia editorial e un 4 % emprendeu accións legais.

Outro asunto vital para esta profesión pero que falla de forma estrepitosa é o do apoio e a promoción. Catro de cada dez literatos consideran que non existe na televisión, e matiza sobre Televisión de Galicia un 19 % que non se fai nada e un 52 % cre que a publicidade que se lles dá é baixa.

Dedicación tardía e por vocación. Doutras entrevistas máis profundas, despréndese que o comezo á dedicación á literatura en galego é tardía, xa que se calcula entre os 36 e os 38 anos, o que contrasta co tipo de vocación e sobre todo coa imaxe social da vocación, que comezaría en etapas moi temperás.

Existe, así mesmo, unanimidade nun paradoxo que parece darse neste campo: por unha banda, sinálase a alta calidade das producións e o prolífico volume e da diversidade alcanzada nas últimas décadas; por outra, resaltan as dificultades estruturais e institucionais que teñen que afrontar as persoas que deciden dedicarse á escritura en galego.

A síntese deste paradoxo é a precarización dos creadores, que seguen, a pesar de todo, producindo sen perder calidade.

En definitiva, os escritores en lingua galega teñen unha valoración moi positiva do seu traballo e consideran que a produción é de altísima calidade e moi diversa. Pero tamén, de modo unánime, denúnciase a falta de apoio institucional, sobre todo a nivel público.

27 ene 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.