Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“España chegou tarde á xestión da súa memoria histórica sobre a dictadura”

O catedrático Núñez-Seixas publica hoxe ‘Guaridas del lobo’, un estudo sobre a forma de afrontar o pasado traumático en Europa

Xosé M. Núñez-Seixas, catedrático de Historia Contemporánea na USC, publica hoxe o seu último libro, Guaridas del lobo. Memorias de la Europa Autoritaria, 1945-2020. Trátase dun estudo comparativo sobre a xestión da memoria dun pasado aínda demasiado presente na Europa contemporánea.

Núñez-Seixa da repostas as cuestións de como os países do vello continente enfrontáronse á súa propia memoria histórica, como lle deron outro significado aos espazos relacionados con cada seu ditador e como integraron este pasado no seu propio relato nacional.

En España e en Galicia esta publicación cobra maior actualidade polos acontecementos recentes da xestión do pazo de Meirás e co cambio de tumba do dictador Francisco Franco.

Respecto as diferencias entre España e o resto de Europa sobre a memoria histórica, o profesor Núñez-Seixas resalta que “non hai unha dicotomía España/resto da Europa, pois dentro do continente europeo hai realidades, culturas da memoria e políticas conmemorativas moi diferentes. Se nos atemos ao marco da Europa occidental e á xestión da memoria das ditaduras fascistas e parafascistas, ou autoritarias de dereita, cómpre sinalar que España se caracteriza, primeiro, por chegar tarde”.

Tamén destaca que aquí hai varias peculiaridades: “as características da transición á democracia: un pacto entre elites tardofranquistas e democráticas, logo de o ditador morrer na cama, sen ruptura e cun implícito pacto de silenzo sobre a Guerra Civil e mais a ditadura como condición. Pacto que foi respectado até entrados os anos 90, pois son varias as institucións fundamentais do Estado, comezando pola monarquía, que afunden as súas raiceiras no franquismo”

Outra das singularidades que resalta o autor é “que a memoria da Guerra Civil está moi entrefebrada coa da ditadura franquista, e suscita maiores problemas á hora de atopar un consenso antifascista ou sinxelamente patriótico, como foi noutros casos, onde malia haber tamén guerras civís paralelas á Segunda Guerra Mundial (Italia), sempre se botaba a culpa de todo aos invasores ou ocupantes e se minimizaran os disensos internos”.

En terceiro lugar, comenta que inflúe “a reticencia por parte da dereita democrática a condear o franquismo; preferiuse adoito esquecelo, cubrir un manto de silenzo sobre el, ou centrarse en épocas anteriores, ben como en idealizar a Transición. Iso ten a ver con demos familiares, continuidades biográficas e xeracionais, pero tamén co temor a que unha memoria en exceso crítica do pasado recente leve a un debilitamento da idea de España, e de institucións centrais como a Monarquía ou o poder xudicial, o que se considera perigoso en tempos de fronda secesionista”.

A TUMBA DE FRANCO. No referente ao momento elixido para cambiar a Franco de tumba, Núñez-Seixas opina que “máis vale tarde que nunca. Quizáis non foi óptimo por achegarse a datas eleitorais, pero tamén era certo que iso fora en parte provocado polas demoras causadas polos recursos xudiciais interpostos no seu día polos herdeiros do ditador”.

Tamén cre que “sobrou talvez o rebumbio mediático, mais en parte era inevitábel. O translado e a resignificación integral do Val dos Caídos deberían ter sido levados a cabo dúas ou tres décadas denantes. Pero outros gobernos non tiveron vontade ou tempo de o facer”.

MEIRÁS. No caso do pazo de Meirás afirma que “a xestión é boa. Unha conxunción de iniciativas cidadás e mobilización da sociedade civil da contorna, secundadas antes ou despois polas principais institucións, comezando polo Concello de Sada e seguindo pola Deputación coruñesa, Xunta de Galicia e partidos políticos presentes no Parlamento de Galicia”.

Ademáis, foi un proceso “que se levou a cabo polos vieiros estabelecidos pola lexislación vixente, e con garantías e transparencia. Sempre hai cousas que se poden facer mellor, pero ogallá o que algúns xa chaman o Método Meirás poida servir de modelo para a xestión da política da memoria democrática no resto do Estado”.

31 mar 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.