Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Xesús Palmou Lorenzo. Presidente da Academia Xacobea

“Este libro é imprescindible para todos os amantes do Camiño de Santiago”

{Co selo MundiEdiciones} Este libro é un intento de pensar o Camiño de Santiago desde unha perspectiva interdisciplinar e actual, sempre rigorosa, escrito con vocación de chegar ao gran público. A través dos distintos capítulos ponse de manifesto que o Camiño, xunto coa cultura grecorromana, o dereito romano e o cristianismo, constitúen o crisol da cultura que hoxe impulsa a consolidación política, económica e social da Unión Europea.

Que ten o Camiño de Santiago que tanto engancha?

Ten solidariedade, fraternidade, amizade, historia, arte, cultura, paisaxe, gastronomía. Pero sobre todo ten espiritualidade en sentido amplo. Tempo para reflexionar e atopar sentido á vida ante a perda de valores e o relativismo que, en boa medida, caracteriza á sociedade actual. Finalmente, a chegada a esta fermosa terra galega, Compostela, tumba e cidade do Apóstolo, principal aliciente da maioría de peregrinos que nos visitan.

Que vemos en ‘Crónica dun peregrino singular’, obra que coordina con Marcelino Agís e Ulises Bértolo, vicepresidente e secretario da Academia Xacobea, respectivamente, e que está dispoñible en castelán e galego.

Atopamos o Camiño de Santiago analizado desde unha perspectiva multidisciplinar para o gran público. Non se trata dun libro só para expertos, trátase realmente dun libro completo e imprescindible para todos os amantes do Camiño.

Son perfís diferentes os das persoas que escriben no libro. Que achega esta abordaxe multidisciplinar sobre o Camiño de Santiago?

Variedade temática e estilística, e sendo como é un ensaio, o peregrino singular dálle un toque de ficción que o fai especialmente ameno.

Cal é o contido do seu artigo?

Titúlase ‘A seguridade no Camiño. Peregrinaxe e picaresca’. Tras unha breve introdución xeral sobre o nacemento e evolución da peregrinación, analizo os perigos que axexaban e as medidas que, para facerlles fronte e apoiar a peregrinación, adoptaron a autoridade civil e a eclesiástica. Fago un relato sobre a picaresca no Camiño e os falsos peregrinos.

Finalmente fago unhas referencias á presenza do Camiño de Santiago na literatura picaresca do Século de Ouro, citando o Quixote, entre outros.

A UE non sería a mesma sen a existencia e posta en valor do Camiño?

Así o creo. Atribúen a Goethe a frase “Europa fíxose peregrinando a Compostela”. Con independencia da súa autoría, é unha realidade. O Camiño é a rúa Maior de Europa, rúa de confluencia de xentes e culturas de todo o continente ao longo da historia, símbolo de fraternidade e forjadora dunha conciencia europea, como se define na concesión do Premio Príncipe de Asturias á Concordia.

Queda algo por saber ou é algo que vai evolucionando e crecendo co paso do tempo?

Sempre quedan cousas por saber. O paso do tempo, a investigación e o estudo van ampliando o coñecemento deste Roteiro milenario.

É un universo aparte?

Eu diría que un universo singular dentro do universo.

É posible que comparta connosco como naceu esta publicación?

Si, sen problema. O ano pasado, o presidente de MundiEdiciones, José Luis Gómez, propúxome que escribise un libro sobre o Camiño para publicar antes do Apóstolo deste ano. Expúxenlle a alternativa de que fóra da autoría da Academia a través dos seus académicos, co obxecto de darlle maior valor científico á vez que atractivo para o gran público. Así se materializou o proxecto inicial.

Os días 3, 4 e 5 de xuño celebrarase I Congreso Mundial da Academia Xacobea. Que nos pode contar?

Estarán presentes expertos de catro continentes e por suposto de Galicia e España, que nos falarán do Camiño e do fenómeno Xacobeo, nos seus múltiples aspectos e da súa influencia no mundo de hoxe. Un congreso que é posible grazas á inestimable colaboración da Xunta e da USC.

Sobre a Academia Xacobea e o seu presidente

Traxectoria de Xesús Palmou. Na actualidade é o presidente da Academia Xacobea. É doutor en Dereito e avogado. Experto en Políticas Públicas e de Gobierno, pola Universidade de Alcalá.

Académico de Número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Académico honorario da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación de Granada. Comisario honorario da Policía Nacional. Exdiputado do Parlamento de Galicia, exconselleiro da Xunta e exconselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia.

Que é a Academia Xacobea? A Academia Xacobea é unha institución de dereito público, non gobernamental e sen ánimo de lucro, creada ao amparo do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, que regula a creación e réxime xurídico das academias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa creación ten amparo nunha iniciativa privada, plasmada en acta de data 8 de xuño de 2017, na que foron aprobados os seus estatutos. Con posterioridade, por Acordo da Xunta de Galicia de data 23 de novembro de 2017, publicado no DOGA do 12 de decembro do mesmo ano, ao amparo do disposto no citado Decreto, recibe o visto e plácet institucional, sendo adscrita á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Cales son as súas funcións e fins? A Academia Xacobea ten, en primeiro lugar, as funcións que o artigo 7 do Decreto regulador atribúe ás academias. A súa finalidade fundacional principal é a promoción e desenvolvemento da investigación, estudo e divulgación do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo en todas as súas vertentes, así como a promoción e difusión dos valores universais que lle son propios. Para o cumprimento dos seus fins, levou a cabo xa importantes actividades, impartindo conferencias en diversos foros de ámbito nacional e internacional.

17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.