Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Cristina Codesido / Xerente de St. Petroni

“Este recoñecemento significa un orgullo, unha honra, pero tamén unha responsabilidade”

“O maior valor é que os nosos consumidores, pechando os ollos e recendendo Petroni, poidan sentir Galicia”

{Padrón, 1974} Froito do seu esforzo no ámbito profesional e persoal pola cultura galega, Cristina Codesido foi recoñecida en Redondela como unha das sesenta mulleres “Conquistadoras” que máis destacaron na historia pola defensa de Galicia. Agradecida á súa terra, coas materias primas locais e o saber facer dunha tradición de séculos, conseguiu que o seu produto, o vermú Petroni, sexa amplamente recoñecido en todo o mundo.

Que significa este recoñecemento para vostede?

É un recoñecemento que recibín con algo de incredulidade. Para min, estar dentro dese grupo de sesenta mulleres Conquistadoras, respecto á defensa da terra e da cultura galega, é unha honra e un orgullo infinito, pero tamén penso que significa unha gran responsabilidade para seguir defendendo a nosa cultura, a nosa terra e a nosa lingua. Por iso, este recoñecemento significa un orgullo, unha honra e unha responsabilidade.

Compartir espazo, por exemplo, coa nosa Rosalía de Castro, sendo natural de Padrón e tendo en conta que as padronesas, as galegas e moitas mulleres do mundo nos sentimos un pouco Rosalías, imaxínate o que pode significar. Por iso, só podo mostrar unha incrible satisfacción. Todo o que fixen ata o de agora, fíxeno por amor a nosa terra, por todo o que conleva para min a palabra Galicia. Que bonito que homenaxeando á terra, no noso caso a partir dos nosos vermús, que a nosa terra nos homenaxee a nós. É algo moi grande.

Como conquistadora do seu sector, cal é a súa experiencia persoal coma muller nel?

Hai moitos anos que aprendín a lidar coma muller nun mundo de homes. En Galicia, partindo en como nos educaron ás mulleres, acabamos sendo as matriarcas das nosas casas, un sentimento que o levamos dentro e que non o vexo como unha barreira, senón como unha oportunidade de poñer en valor a cultura relacionada coa muller galega.

Respecto ao meu sector, é difícil porque, aínda non hai moitos anos atrás, era un sector liderado polo lado masculino. Con todo, as mulleres, en xeral, neste sector e en moitos outros, soubemos lidar con todo iso. Pode que tivésemos que enfrontarnos a esforzos maiores, pero a recompensa tamén é moi grande.

Sendo unha empresaria de éxito, aprecia que cada vez hai máis mulleres liderando empresas?

As mulleres no sector vamos sendo máis numerosas, aínda que isto é un proceso. O mundo masculino pesaba moito no pasado en todos os sectores, pero cada vez vámonos achegando a esa igualdade desexada. Cando o facemos, cada conquista feita por cada muller é un éxito para todas as mulleres. Pouco a pouco estamos atopando o noso lugar.

Apelaba anteriormente ás palabras orgullo e honra, uns sentimentos que tamén se ligan á súa marca, Petroni, xa que levan a Padrón e a Galicia polo mundo.

Petroni nace por amor a Galicia, ás nosas raíces. Facéndoo por amor, por homenaxear á nosa terra con eses vermús moi singulares e moi diferenciados no mercado, que xenerosa é a nosa terra cando nos volve a homenaxear. Para nós é un orgullo e unha hora cada homenaxe, xa non só esta posibilidade de estar entre as sesenta mulleres que máis destacamos na historia pola defensa de Galicia, senón por cada satisfacción que damos ao consumidor cos nosos produtos por todo o mundo, porque estamos achegando un recuncho de Galicia a todos os territorios do mundo, e para min é moi importante iso. O noso maior valor é que os consumidores poidan desfrutar de Petroni e que pechando os ollos e recendendo Petroni, poidan sentir Galicia.

Nesa vinculación á comunidade, aproveitan as materias primas galegas, pero tamén o seu saber facer?

Galicia é recoñecida polas súas materias primas, pola riqueza que nos proporciona a nosa terra e os nosos mares, pero tamén é moi rica pola tradición de séculos, de moita xente que sufriu e loitou por ese saber facer. Como digo eu, correron moitas lágrimas de sangue para que esa cultura e tradición non se perdera. Por iso, é unha honra se nós tamén podemos achegar a través da cultura do vermú, o cal para min non só é unha bebida, senón que nel se fusionan dúas culturas moi arraigadas en Galicia como o mundo do viño e o do destilado, o cal se une coa forma de facer as cousas que temos os galegos, con amor e paixón pola terra, e únese tamén a que é unha bebida moi relacionada coa socialización. Ao final, Petroni reúne todos eses elementos, que poñen en valor a marca por todo o mundo.

Con eses elementos, onde está a chave do éxito para que Petroni sexa tan recoñecido internacionalmente?

Penso que o podemos agrupar en diferentes partes. Nunha parte, temos un ADN propio, o cal é importantísimo. A continuación temos os valores, onde se xuntan as materias primas, o saber facer ou a artesanía dos galegos e a innovación a partir da tradición, o cal é moi difícil de conxugar á hora de elaborar produtos. E despois, tamén nos pesa, e moito, a paixón que temos porque todo isto se manteña, xa que somos transmisores dese legado que nos deixan, para pasarllos aos nosos futuros. Neses valores tamén se inclúen a sostibilidade e a circularidade, co aproveitamento de todos os recursos.

Por todo iso, con Petroni pechouse o círculo. Dende Galicia sempre se fixeron grandes cousas, pero faltábamos poder englobalo completamente, e creo que o conseguimos. A partir de aí, nacen elementos como a personalidade que temos, xa que somos unha marca sensible, respectuosa, artesanal, comprometida... e somos rurais á vez que cosmopolitas, somos apaixonados, somos unha marca moi honesta, que busca trasladar o que somos aos seus consumidores. Polo tanto, existen moitísimos elementos que poñen en valor a Petroni. Estar dentro desta empresa, e con esta marca, para min é unha honra, representa un orgullo ter a posibilidade de trasladar ao mundo todo o que somos.

Na actualidade, que territorios xa conquistou Petroni mostrando todo o que é?

Conquistamos ou estamos comezando a conquistar moitos territorios a nivel mundial. Estamos en máis de quince países, tanto dentro da Comunidade Europea como en outros continentes. Estamos, por exemplo, en Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Francia, Suiza ou mesmo Italia, berce do vermú, pero tamén estamos presentes en Canadá, Estados Unidos, México, Cuba, República Dominicana ou mesmo Xapón. Ese grito que pretendemos trasladar, en base a ese saber facer e esas materias primas da nosa terra, está chegando a moitos recunchos do mundo.

Nese senso, como lles afectou a pandemia da COVID-19?

A verdade é que na pandemia seguimos crecendo. Non podo estar máis que agradecida de que a xente nos levase para as súas casas. A xente encerrada nas súas casas intentaba socializarse a través das redes e aí elixiunos a nós para facelo. Era unha forma de reivindicar as gañas de socialización e foi con Petroni. As nosas ventas incrementáronse, pero ese non foi o maior valor, senón contribuír a sobrelevar esa situación tan dura que estivemos a vivir.

O vermú de Petroni, un produto moi versátil

Un abano grande de matices. “Ata hai moi pouquiño, o vermú estábase maridando con conservas ou con patacas (as miñas favoritas son as Bonilla, que son da terra), pero, hoxe en día, xa hai xente que comeza a comer con vermú, porque lle aporta un abano enorme de matices gustativos e olfactivos que axudan á maridaxe nunha mesa”, apunta Cristina Codesido.

Múltiples posibilidades. Ao final, as posibilidades, coa frescura inconfundible e singular de Petroni, permítennos moitas formas de conxugalo, pero non só iso, senón que tamén se emprega para elaborar pratos, por exemplo, os mexillóns en salsa Petroni ou fanse mesmo receitas de cociña con carnes adobadas con Petroni, que lle dan uns matices únicos. Por iso, as posibilidades son moi amplas, porque é un produto moi versátil”, sinala a xerente da marca.

15 may 2021 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.