Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Estrea o CDG un novedoso modelo de traballo coa obra ‘O charco de Ulises’

Trátase da primeira produción da actual temporada e poderase ver o vindeiro xoves

Santiago. O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves no Salón Teatro de Santiago a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.

Así o destacou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación que tivo lugar no Salón Teatro xunto co equipo artístico da montaxe e no que tamén participaron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e do CDG, Fran Núñez.

O titular de Cultura explicou que a nova temporada do CDG será “atípica pero moi ilusionante”. Nela, a posta en escena de O charco de Ulises, versión libre do clásico grego A Odisea revisitado desde a perspectiva da emigración galega, é o primeiro resultado visible da nova planificación, que muda a cadencia consecutiva de ensaios-estrea-xira aplicadas ata agora para simultanear cada unha destas etapas deste e doutros dous espectáculos xa en preparación: Terceiro acto e Serva me, servabo te, e combinalas ao longo do ano.

“O obxectivo -afirmou o conselleiro- é favorecer a dinamización do sector, priorizar a incorporación activa de profesionais e optimizar os períodos de exhibición de xeito coordinado cos escenarios receptores dentro e fóra de Galicia”.

Impulso á creación. “Este ano damos á creación teatral galega o maior impulso da última década nunha mesma temporada cun investimento próximo ao millón de euros”, indicou o conselleiro referíndose a que o CDG incrementa o seu número de producións propias para este ano, con tres montaxes postas en pé por tres equipos artísticos diferentes. Como sinalou, isto supón a contratación de máis de 50 profesionais da interpretación, dos deseños artísticos e dos oficios escénicos.

O CDG tamén reforza a súa actividade coas coproducións postas en marcha con tres salas escénicas viguesas, ao tempo que se retomará o proxecto internacional Nós, se levarán a cabo programas de dramaturxia e se establecerán novas sinerxías coa Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.

Elenco e equipo artístico. O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan o papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giraldez O Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo de Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción. ECG

12 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.