Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Exposición sobre os 25 anos do OUFF

Amosa un amplo percorrido polas producións gráficas e polos fondos documentais do certame

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou onte a exposición que se está a ultimar no centro cultural Marcos Valcárcel, conmemorativa dos 25 anos do Festival de Cine de Ourense (OUFF). “Trátase -dixo- do certame cinematográfico máis antigo, de carácter internacional e competitivo, que se celebra en Galicia”, salientando “o valor cultural que supón este percorrido pola historia destes primeiros 25 anos do Festival de Cine de Ourense”.

A exposición, que poderá visitarse desde hoxe ata o vindeiro 25 de outubro, da que é curador Xosé Lois Vázquez Che, amosa un percorrido polas producións gráficas e fondos documentais do festival nun marco expositivo que recrea o mundo do cinema. Eloy Lozano, Chano Piñeiro, Carlos Velo, José Luis Cuerda..., nomes destacados da historia do cine en España que teñen un vinculo especial co OUFF nas súas diversas etapas e un compromiso co labor de contar historias na gran pantalla.

HOMENAXE. A exposición é unha homenaxe a dous directores de forma especial: Eloy Lozano, creador da fórmula OFF na que se acentuaba o cinema independente e que dirixiu a primeira edición, e José Luis Cuerda, falecido este ano, que namorou de Ourense e teceu nesta terra unha nova vida e un novo proxecto: a súa adega Sanclodio, no val do Avia.

Volver a vista atrás permite nesta mostra facer un recorrido por 25 anos de compromiso coa cultura e o audiovisual galego do OUFF, desde que en 1996 se promoveu o Festival de Cine Independente de Ourense baixo a dirección de Eloy Lozano. O impulso inicial debeuse nas primeiras edicións ao Concello de Ourense, que en 2018 cedeu a súa marca OUFF e a súa organización á Deputación de Ourense, que ao tempo asinou un convenio coa Fundación Carlos Velo.

O OUFF é o certame máis antigo de carácter internacional e competitivo que se celebra en Galicia, punto de encontro dos afeccionados e profesionais do medio cinematográfico, destacando nesta edición traballos recibidos desde máis de 140 países dos cinco continentes.

Nomes propios como o José Luis Cuerda, Alejandro Amenábar, Elías Querejeta, Fernando León, entre outros moitos, pasaron por Ourense nestes anos dando apoio á industria cinematográfica de Galicia e apostando polo festival.

24 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.