Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

a xente?

    Iso de que falando se entende a xente pode valer para europeos boreais, a quen as friaxes e as longas noites daquelas partes tornan temperadas no falar, respectuosas coa voz allea e reflexivas no razoar, pero concilíase mal con estas latitudes, nas que falar as máis das veces conduce, non a entendérmonos senón, ben en troques, a encirrrármonos máis nos nosos argumentos, elevando a voz e resumindo todo en dirimir quen leva a razón.

    Teño para min que, maiormente, en España non se fala: discútese, que é ben distinto. A miña quinta, fillos dun medio país que masacrou o outro medio, lembrará un tópico familiar ao que o pater familias recorría en canto a prole se desmandaba na manifestación das súas preferencias ideolóxicas: Na mesa non se fala de política. Porque falar de política era discutir de política.

    Era? En fin, bote unha ollada, mire como anda o patio e verá ata que punto somos celosos gardiáns das máis enxebres tradicións. Non sei na mesa, pero fóra dela, prolifera e retroaliméntase diariamente un balbordo mediático bastante insufrible e, atónitos, somos mudas testemuñas de en que se converteu a política. Padres e madres da patria adictos a Twitter; un xornalista que, nunha tertulia televisiva, dubida da hixiene persoal do vicepresidente do goberno; un vicepresidente do goberno que, trabucando gravemente ideoloxía e institución, provoca un conflito diplomático cun chío que, probablemente, escribiu no seu iPhone en trinta segundos; un presidente que practica, botándolle un morro inédito nos anais patrios, dicir digo onde, hai quince días, dixo diego... son mostras inequívocas de que, entre outras cousas, a pandemia do carallo (perdón, pero un tamén ten o seu xenio), a pandemia que gravita invisible sen sermos quen de esquecela, non nos ensinou nada. Todo segue igual que cando, vai para douscentos anos, Goya pintou aqueles dous tipos afundíndose na lama e, aínda así, propinándose mutuamente e ben ao seu sabor una tunda soberana a forza de fungueiro.

    Hai un programa da tele, presentando por un que lle chaman Iñaki, que, nas últimas semanas divídese en dous cachos: no primeiro, un conxunto de epidemiólogos, virólogos e outros galenos tratan da pandemia. Fala a ciencia e cando fala a ciencia non se discute, pode dubidarse, argumentar e retroargumentar pero sempre do respecto á opinión ou punto de vista alleo porque a medicina, a máis nobre das ciencias nobres, non é exacta. Iso é a auténtica, a antiga forza da palabra. Na segunda parte do programa, ocupan as butacas dos sanitarios outro conxunto, esta vez de xornalistas profesionais da tertulia política, unha caste de feras que levan aos medios a mesma carraxe que se profesa na carreira de San Xerome. Berrar, insultar, descualificar, non respectar as quendas de voz, tres ou catro intervencións a un tempo... en fin, a receita do éxito.

    28 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.