Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Falece o escritor, tradutor e académico Darío Xohán Cabana aos 69 anos

O escritor e académico Darío Xohán Cabana faleceu na noite do martes aos 69 anos. Nado en Cospeito, na parroquia de Roás, foi un autor que explorou abondos xéneros literarios e que completou máis de 40 volumes. Entre as súas obras destacan Galván en Saor ou poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte. Traduciu ao galego grandes clásicos de literatura italiana. Nunha nota de lamento e biográfica, a Real Academia Galega asegura que “o fondo compromiso coa lingua e a identidade cultural e política galega atravesa unha produción creativa que arrincou no eido da poesía co guieiro de Manuel María, cuxa cadeira na Real Academia Galega ocupou no ano 2006”.

No ámbito político formou parte da esquerda nacionalista desde moi cedo, e isto tivo un grande impacto na súa obra. En 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo escritor tamén chairego Manuel María, e a edición de libros sería tamén a súa última ocupación laboral como coordinador de publicacións do Concello de Lugo. Xubilouse como responsable de las comunicaciones en el área de Cultura, despois de ser o encargado da xestión do auditorio municipal Gustavo Freire.

Darío Xohán Cabana entrou na Real Academia Galega ocupando a cadeira vacante producida polo pasamento de Manuel María a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, tal como indica a propia RAG. “O 22 de abril de 2006 leu o seu discurso ingreso, titulado De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, ao que deu resposta o propio Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen considera, xunto ao propio Manuel María e Xosé María Álvarez Blázquez, o seu terceiro gran mestre”.

A perda do académico e polifacético autor Darío Xohán Cabana conmocionou á sociedade galega e as redes sociais enchéronse de voces da política, a cultura e o movemento asociativo para dedicar unhas palabras de recordo e homenaxe á que foi unha das principais figuras da literatura galega contemporánea. A Real Academia Galega expresou o seu “profundo pesar” por “unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas”, mentres que o Consello da Cultura Galega destacou o seu papel e o seu compromiso co idioma, a identidade e a cultura, informa EP. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, lembrou ao autor como un clásico vivo” e que aqueles que aman a literatura, a poesía e a lingua “saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra, da súa capacidade de comunicación e de evocación”. Freixanes, que foi editor de obras súas como ‘Galván en Saor’ ou ‘Cabalgada na néboa’, reivindicou o seu “dominio da palabra e a súa capacidade para transmitir emoción” a través do idioma e do verso. “É unha perda moi grande para todos nós”, resolveu.

A cineasta Margarita Ledo, secretaria da Academia e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, destacou ao escritor como “irmán”. “É alguén que ao meu me influíu en moitos aspectos e tamén ao lelo”, sinalou, sobre quen considerou “un poeta da esperanza. “Como narrador facía sempre que se desvanecesen as liñas dabondo. Déixanos ese legado de amor pola palabra e de traballo interno e detalle”, trasladou.

FIGURA “FUNDAMENTAL”. Desde o panorama político e institucional, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou a perda “dunha figura fundamental” nas letras galegas e que “contribuíu ao enriquecemento” do idioma tanto como autor como tradutor de importantes obras doutras latitudes. A ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, situou ao escritor como a voz “que encarna unha nación”, parafraseando un fragmento de ‘O Caldeiro’. “As xentes van e veñen e un conta unha cousa e outro outra, e eu vou enfiando. Pero ti fala ó teu xeito, pois gusto de ouvirche. Algo dirás que eu non saiba, ou non saiba desa maneira”.

O BNG trasladou o seu pesar pola perda do escritor, do mesmo xeito que diferentes voces dos socialistas galegos, como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou o delegado do Goberno, José Miñones. “Unha voz única da literatura galega contemporánea”, sinalaba en Twitter. Desde o sector editorial, Francisco Castro, de Galaxia, lembrou a Xohán Cabana como un home “afable” e que “traballou incansablemente ata os seus últimos días”, mentres que en Xerais mostráronse “profundamente consternados” coa noticia e destacárono como “referente ineludible” da literatura e da historia da propia empresa. Entidades como A Mesa pola Normalización lingüística, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou a Asociación Galega de Editoras tamén se sumaron ao recordo do autor ‘chairego’, entre decenas de condolencias a título individual.

17 nov 2021 / 11:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.