Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Félix

    Levamos meses experimentando cánto do que criamos imprescindible é perfectamente prescindible, habendo, claro, quen o leva mellor e quen se bota aos demos lembrando as cañitas logo do traballo. Teño eu un fillo, amantísimo da natureza, que se propón progresos voluntarios niso de desligarse do accesorio para adquirir conciencia do imprescindible. De cando en vez, marcha so tres ou catro días coa tenda de campaña, o equipo fotográfico, roupa de abrigo e algo de comer ao máis remoto que atopa (a última vez andou pola parte de Montederramo) para, durante ese tempo, sentir a irmandade do corzo, a íntima conexión coas marabillas da alborada e os prodixios do solpor na máis completa soidade da montaña a mil douscentos metros de altura. Desta última aventura, contoume que a primeira noite, lembrando as faenas de Manuel Blanco Romasanta por aqueles andurriais, aínda pasou o seu aquel de canguelo...

    Nun repente, o mundo ata agora coñecido de todos, seguro, frenético, hiperactivo, ilimitado virou ameazador, silandeiro, pousón, perimetrado e así é que, ben que nos pese, lembramos que, contra a convicción da nosa omnipotencia como especie, os designios da natureza, que existe dende infinitamente antes de que un primate andara a dúas patas, poden resultar brutalmente desapiadados. Agora, tras decenios desertando do campo e baleirando espazos de secular harmonía humana co medio, a urbanitas empedernidos lles acorda que talvez no retorno á casa dos avós nunha ruralía de Cuenca pode xermolar un novo comezo, no que tantas parvadas e imposturas dunha existencia artificial, basicamente fundada na ecuación consumo=felicidade, fiquen subxugadas a outra forma de vivir; unha forma de vivir na que, acaso, a felicidade teña que ver máis co desprendemento, como ben percibe Juanpe nas súas excursións de moderno anacoreta into the wild.

    Os profetas e instigadores desta filosofía son do máis valioso que concibiu nunca a humanidade. Os Cadros da natureza de Alexander von Humboldt (que recentemente, por certo, publicamos nas prensas universitarias en magnífica versión galega) son o himno sublime a un equilibrio e sabedoría que a civilización leva milenios agredindo sen piedade. A herdanza de Humboldt, Linneo, Darwin, Cuvier, Lamarck... constitúe un reservorio de sensatez ao que, contra a insaciable rapacidade humana, é preciso voltarmos.

    Todo este patrimonio palpita nunha figura que evoco estes días de reclusión a través dun magnífico amigo (un libro, claro), recentemente editado.

    Ao conxuro dunha música inesquecible, cando, de pequeno, nunha tele en branco e negro, comezaba El hombre y la tierra, a maxia do mundo natural entraba na casa. Agora, Odile Rodríguez de la Fuente deu ao prelo unha obra milagrosa: Un hombre en la tierra (geoPlaneta, 2020) , que recompila centos de textos de seu pai. Axiña rematarei o libro pero a pegada de tanto talento durará moito.

    06 feb 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.