Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Festa de Chan da Pólvora por catro anos cheos de poesía

A editora compostelá celebrou o aniversario cun encontro no seu recente espazo estival e presentou dúas novas publicacións

Chan da Pólvora, a editora compostelá de vangarda adicada especialmente á poesía, celebrou onte o seu cuarto aniversario no seu novo espazo de acción editorial, a Horta das Chás.

Para a ocasión o equipo xestor da editora, formado por Antón Lopo, o seu director editorial e Manolo Martínez o encargado do deseño, xunto a Luísa Iglesias -administración-, Iris Cochón e Anxos Sumai -coordinación lingüística e de estilo-, María Salvado -Horta das Chás- e Alexandre Fernández Peón -redes-, organizou un encontro ao que aisitiron moitos dos subscritores que se articulan como soporte de difusión e da produción, ao tempo que crean unha rede de conexión ao longo do país.

Tamén se presentaron os dous novos libros da temporada que están asinados por Paula Luís e Antom Fortes. A primeira asina Dendrita, que é un poemario no que destaca a súa linguaxe e o ámbito interior da autora. Son uns poemas que hipnotizan, estremecen e nos que se reflicte a forte personalidade da autora.

A outra novidade é Figuras masculinas de meio-corpo, de Antom Fortes, que vinte anos despois da súa publicación, Chan da Pólvora recuperou o texto e dedícalle o Libro do Orgullo 2020, celebración que nesta data e neste acto une a homenaxe ao estatuto de Autonomía de 1936 e a loita polos dereitos da comuninade LGTBI+, ambas festas coinciden o 28 de xuño.

A conmemoración foi creada en 2016 pola comunidade de Chan da Pólvora, a editorial, a libraría, a plataforma de poesía en acción Chanzo e o espazo de creación artística muro döchán, e baixo o seu selo editáronse obras de Ramón Suárez Picallo, Brane Mocetic, Federico García Lorca ou Serafín Ferro.

Todas estas publicacións forman parte da colección Rabo de Egua, a única que existe en Galicia dedicada a recuperar obras que se moven na indagación das identidades e do xénero para integralas na memoria colectiva.

Chan da Pólvora Editora naceu o 28 de xuño de 2016, cunha liña que pon no centro dos discursos a periferia e aposta por un catálogo inclusivo e interxeracional, no que, aseguran desde a editorial, “teñen cabida tanto as voces da poesía nacente e as xa afirmadas; as que nos sacoden e as que tamén nos acollen”.

Tamén promoveu, ao mesmo tempo, dous selos paralelos: a Biblioteca de Mesopotamia -dedicado a obras relacionadas coa Ribeira Sacra- e Batiscafo, destinado a difundir a poesía galega nos ámbitos de lectura en castelán.

En catro anos de vida, Chan da Pólvora converteuse nun referente da edición poética en Galicia, cunha garantía de calidade que atinxe tanto á esixencia no deseño como á forza dos seus contidos.

27 jun 2020 / 01:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito