Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Florencio Delgado é escollido como figura do Día das Letras Galegas

A RAG decidiu homenaxear a este autor valdeorrés no que se inclúe tamén un recoñecemento ás achegas dos intelectuais galegos que viviron o exilio mexicano

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). O Pleno da institución acordou renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da identidade galega.

Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade moitos vínculos coa intelectualidade doutras orixes.

Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros, da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto, a audición radiofónica Hora de Galicia, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de varias publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital. Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.

O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, ou Johán López Durá. Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.

Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu propio idioma, mentres México e Buenos Aires se convertían nos grandes centros de actividade cultural e política do galeguismo. Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador. A súa voz, ademais de ser a máis presente nesta edición de “poesía de combate”, é a máis variada e significativa e inclúe poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.

Gurriarán mantivo contacto cos galegos exiliados noutros países. Desta relación quedou constancia no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), no que enceta unha nova actividade literaria: a tradución de poetas consagrados da literatura universal.

Grandes fitos
‘Viveiros’

···Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de

Saudade.

···Verba galega das Américas (1942-1953), da que o autor tamén foi parte. Nas súas páxinas dialogaron voces do exilio mexicano coas que ficaron en Galicia.

···Os vínculos que mantivo axudáronlle a publicar Galicia infinda. Nesta terra tamén publicou Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). Ademáis foi escollido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 pola súa labor como escritor e como activista cultural.

03 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.