Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Florencio Delgado, un Robinson Crusoe poeta e natural de Valdeorras

Foi un loitador vehemente polas liberdades e encantábanlle os libros escritos na nosa lingua

O poeta Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o marido de Celia que se vía a si mesmo como unha sorte de Robinson Crusoe, naceu nunha aldea das moitas que salpican Galicia, cun nome fabuloso, Córgomo, e nunha singular comarca, a de Valdeorras, bañada polas vides nas que foi feliz.

El mesmo preséntase desta maneira. Polo menos na biografía que a escritora Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, escribiu para a web Primavera das Letras, proxecto da Real Academia Galega dirixido ao público escolar tanto de infantil como de primaria.

Este ano é o homenaxeado do día da gran festa do galego.

A poética de Delgado non é extensa, pero escribiu durante catro décadas e a súa figura, tan rica, representa a toda unha época, como se encarga de lembrar o presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Como el, Xesús Alonso Montero, ensaísta, que indica que simboliza a unha xeración que loitou con vehemencia polas liberdades e que tivo que exiliarse a México.

Florencio era un tolo polos libros, polos libros en galego.

Gustáballe cantar, bailar, afagar, e era unha mente inquieta, e un tipo moi sensible, contan quen o coñecía. Ao galeguismo chegou tarde, ao coñecemento da súa existencia como tal, e por iso, como contou nalgunha ocasión, chegou a sentirse, pola sensación de illamento e soidade, como o soado personaxe literario concibido por Daniel Defoe.

Tiraba de retranca e de sarcasmo a miúdo. Era moi familiar e amante das alegrías varias. Non quería que lle falasen de mortos e si de vivos.

Este raparigo de familia acomodada pasou por moitas mudanzas. Nos seus primeiros anos, Ourense, Valladolid e Palencia, por exemplo. Fíxose avogado, pero nunca chegou a exercer. Foi axente de seguros, vendedor de xamóns e de aceites. E namorouse dunha muller, coa que tivo cinco fillos, que quixo venderlle un calzado fino.

Publicou no Heraldo Gallego e A Nosa Terra. O seu modo de trasladar á letra impresa a paisaxe a través do que recibía del, o hilozoísmo, é unha das súas marcas. Exerceu como ninguén esa tendencia da primeira metade do século XX, caracterizada pola sucesión de imaxes plásticas coa natureza como centro.

O seu primeiro poemario, Bebedeira, que se encadra nese movemento, publicouno en 1934. Inclúe o ácido Home pequeno, fol de veleno, centrado en Franco. O seu título máis representativo é, con todo, Galicia infinda, que editou Galaxia en 1963.

O activismo pola súa lingua de berce sempre acompañou a Florencio. Xa sexa formando parte das Irmandades da Fala, sendo socio protector do Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista.

E a súa querenza pola nomenclatura orixinal ten o seu máximo reflexo en Loubanza á toponimia enxebre.

O exilio conduciuno a México. Escribiu en revistas e prensa con pseudónimoscomo Nadel, Korgomófilo, Porto do Río, R. Miño ou Xan de Sil.

Así era un galego que, como o heroe da novela, bastábase a si mesmo.

O Concerto das Letras Galegas inicia a homenaxe ao de Córgomo

Santiago. O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do concello do Barco de Valdeorras, abre este luns 16 de maio os actos de celebración do Día das Letras Galegas que homenaxea ao poeta e activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903-Fair Oaks, USA, 1987).

Faino co tradicional Concerto das Letras Galegas que corre a cargo de Zoar Ensemble cun programa musical que repasa o legado do homenaxeado e tamén lembra a memoria dos exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México.

As entradas son gratuítas, pódense retirar no propio día do concerto que terá lugar no Teatro Lauro Olmo (Barco de Valdeorras, 20.00 horas) e será retransmitido en directo pola web do CCG e a da CRTVG. Nel estrearase a peza Diásporas, composta para a data por Carme Rodríguez.

O grupo Zoar é o encargado da duodécima edición do concerto que pon o foco na figura de Florencio Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano.

O programa está conformado, por unha banda, por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por outra, a creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay.

Todos eles eran amigos que se coñeceron en Madrid e volveron reencontrarse en México, onde seguirían colaborando, como na creación da revista Nuestra Música.

Complétase tamén con outras pezas que son unha chiscadela á cultura local, como é Aureana do Sil, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

Nesta ocasión, a estrea absoluta por encarga do CCG é Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). É unha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario Galicia infinda (Xacarandá, Volta, Enamórame o feitizo do tesouro, xunto cun extracto de Galicia infinda) para ofrecer “unha estrutura musical na que se amosa ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio. redacción

15 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.